Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

As estrelas e o arado

En agosto de 1988 viaxamos a Irlanda, e fomos cumprimentar o Sinn Féin. A sede central desta vella e persistente formación política estaba instalada no número 44 de Parnell Square, Dublín. O Sinn Féin compartía cun fotógrafo de vodas e festexos un modesto edificio decimonónico. O ambiente das oficinas semellaba moi marcado por imaxes da revolución cubana que alternaban con símbolos propios, entre os cales o do Setestrelo (ou Ursa Maior) asociado cun arado de ouro. Os funcionarios daquela sede atendéronnos moi ben a Moncha e a min.

Estes días acaba de gañar as eleccións parlamentarias de Irlanda do Norte o Sinn Féin. Está a proerme na memoria o detalle de que as xuventudes nacionalistas galegas chamadas Ultreia consideraban, na letra do seu himno, que Galicia era, con Irlanda e outras patrias asoballadas, filla do pai Breogán. Otero Pedrayo, Ánxel Casal e outros, acharon que Nós era o mellor título para nomear a editorial e a revista que terminou por definir unha xeración literaria. Quizais pensasen que Nós é tradución galega do gaélico irlandés sinn féin que significa “nós mesmos”.

"A desconexión de Irlanda do Norte coa coroa británica constitúe agora unha posibilidade perfectamente imaxinábel"

decoration

Deixamos a sede e comprobamos que Parnell Square estaba perto do edificio de Correos no que resistira un continxente heroico do Sinn Féin en 1916. Venceu agora nas urnas este partido historicamente unido ao IRA e ofreceulle ao pobo do Ulster un programa político de esquerda real.

O Sinn Féin de hoxe, que mantén o legado teórico marxista de James Connolly, non só foi, nestas eleccións, o valedor da unificación de Irlanda e da ruptura co Reino Unido, senón tamén o máis claramente instalado na esquerda dos que se presentaron aos comicios. Trátase da formación na que militou no pasado aquel Sean O’ Casey cuxa vida foi levada ao cine por John Ford e Jack Cardiff en Young Cassidy.

A presenza de mulleres activas no movimento revolucionario irlandés é un feito que se constata desde Lady Gregory. Felicitamos, así, Mary Lou McDonald, que preside o Sinn Féin, e Michelle O’Neill, que será a futura ministra principal do novo goberno. A desconexión de Irlanda do Norte coa coroa británica constitúe agora unha posibilidade perfectamente imaxinábel.

Compartir el artículo

stats