Opinión | Segunda Feira

Mártires de Carral

En 1846, e a causa da partición provincial, Galicia entraba en proceso de disolución da súa realidade administrativa e conciencia pública. Pero o ánimo protonacionalista, autodefinido entón coma “provincialista”, soubo esconxurar o perigo unindo, e para sempre no futuro, a vindicación dunha Galicia soberana coa adhesión aos principios revolucionarios de Libertade, Igualdade, Fraternidade. Isto fixo visíbel na que foi chamada Revolución Galega de 1846 que estamos a conmemorar neste mes de abril como se fixo en todos os pasados 176 anos.

Facemos memoria rendendo homenaxe aos Mártires de Carral, vítimas naquel conflito que converteu Galicia en adiantada dos movimentos revolucionarios europeos do 48. “Galicia, verdadera colonia de la corte...”, atrevéronse a escreber en “La Revolución”, órgano central da Xunta Suprema de 1846 que se imprimía no taller de artes gráficas compostelán da Viuda e Hijos de Compañel (vede como todo cadra).

Pondal evocaba en verso o día da súa nenez en que lle abriron os ollos da Historia ao referirlle o acontecemento. En canto a Murguía, el amósase a si mesmo rapaz na botica do seu pai o cal está a curar un combatente ferido na batalla final de San Martiño Pinario. Ben puido ser que o noso Xohán Compañel, igualmente cativo, coñecese o levantamento galego, que hoxe lembramos, sendo aprendiz de impresor no obradoiro que rexeu en Compostela a súa nai viúva.

Española de orixe, esta revolución axiña se evidenciou galega nos seus obxectivos emancipadores. Grazas a altura de miras e á ética superior que aparellaba os peitos de varios participantes militares non galegos, a parte civil dos alzados (gremios, estudantes, intelectuais) orientou o movemento ao protonacionalismo. É aí onde Antolín Faraldo pasa a ocupar páxinas indelebeis da nosa Historia. E, o que fora conspiración para un putch progresista, virou en maré cívica na cal o provincialismo, o republicanismo, a democracia, o federalismo e un socialismo rudimentario se fundían nunha aperta na cal o desexo de emancipación galega resultou ser dominante.

Miguel Solís y Cueto e os restantes mandos foron fusilados, após simulacro de consello de guerra, na localidade de Carral. As prazas nas que a Revolución lograra asentarse caeran unha a unha. Coido lembrar que a de Vigo foi a derradeira en sucumbir. En canto a aqueles e a aquelas que tiveron noticia da Revolución do 46 sendo meniños, verémolos, anos despois, aparecer no Banquete de Conxo, no Liceo de San Agustín e nas páxinas d’Os Precursores como figuras centrais do noso Rexurdimento.

Suscríbete para seguir leyendo