Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Deixa raíces na Terra. Volverá”

Castelao

A chamada da vida? A chamada do destino seu, deses ecos do río Ser e do val que axiña recoñece? A unión intima da persoa co lugar dos seus devanceiros? Traveler call, un vinculo afectivo que propiciou o retorno de Oliver Laxe a aldea de Vilela (Navia de Suarna, Lugo) na serra dos Ancares. Un emotivo viaxe persoal as súas propias raíces.

Fillo da emigración, París, 1982, Oliver Laxe regresa con 6 anos. Fórmase en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona á que continúa vinculado. En moi poucos anos, dende a excursión de verán por Galiza en Paris#1, 2008, a Tanxer no taller Dao Byed para nenos pobres do Magreb e o filme Todos sodes capitáns, co que gañaría o premio Fipresci, 2010 , do Festival Internacional de Cine de Cannes máis Mimosas, 2016, Premio da Semana da Crítica e ate O que arde, 2019 que recibe, para alén de outros recoñecementos, o Premio do Xurado na sección Un certain regard tamén Cannes, todas as sinais levan a Oliver cara a Ancares. E hoxe vive en Vilela nunha antiga casa familiar rehabilitada “A casa Quindós”, adaptada para actividades culturais, desenvolvemento rural, socio comunitario e ambiental, nunha colaboración da Asociación Ser coa Deputación de Lugo. É o primeiro inmoble privado de uso publico construído en Galicia, baixo o estándar Passivhaus que subministra enerxía para a calefacción ou a refrixeración cun aforro do 90 por cento. Unha casa familiar, con explotación agropecuaria e forestal e con proxectos empresariais, parte dun proxecto que procura asentar poboación no medio rural. En palabras de Laxe: “Traer vida e deixar de viaxar...que sexa o mundo o que veña aquí a Ancares, onde non hai eólicos nin eucaliptos...ser deste mundo sen selo”.

“O director pensa se seriamos capaces de que a natureza controlase os nosos egos”

decoration

Hoxe, dende Vilela, Oliver Laxe ofrécenos un filme de 30 m. no que dá a coñecer os traballos e os días da recuperación dese entorno, de traer a tona un habitat antergo e castrexo por un grupo de arqueólogos mentres el co seu colega Suso fan unha cerca con aramio no monte para que 57 cabras poidan limpar o toxo, a xesta, a carqueixa... Nun diálogo entre Oliver e a economista agraria María do Mar Pérez Fra organizado por Agar Ledo para o CCG. Oliver pensa se seriamos capaces de que a natureza controlase os nosos egos. Se non doe e frustra non se poden dominar, di, e aposta polo “optimismo” e a “utopía”, porque teñen moito de loucura.

“O futuro será dos tolos” titula o seu texto no catálogo Galicia futura. Todo o que imos ser, para a Exposición organizada pola Xunta de Galicia na programación cultural Xacobeo 21-22, no Museo do Centro Gaiás onde se proxecta o devandito filme. Un texto atravesado pola sospeita nese “crecemento bobo, desa Galicia Cantidade que traerá pan para hoxe-fame para mañá” e pola sospeita, entre outras sospeitas, á volta do termo audiovisual e a mestura de cine, TV, publicidade... e aclarando que non ten dependencias. Nin busca o aprecio nin teme o desprezo: non debo favores nin os busco; non busco votos nin traballo; non gaño a vida cun festival de cine nin teño que defender unha praza na universidade. Non me move outra motivación que, un radical beneficio colectivo do noso traballo, e ser adaíl das esencias da arte cinematográfica en Galicia.

Non se trata dunha proxección no outro do que un non quere aceptar de si mesmo. Simplemente, coñezo a diferencia que existe entre sementar unha terra ou empobrecela, di, canso da moderación, “de ter que medirme”.

“L’homme se fait en se faisent” (‘O home faise facéndose’), unha frase que repetía sempre o meu mestre, aló en Xenebra, o profesor Ajuriaguerra canda “La folie et le miroir ou tous nos reflections” (‘a loucura é o espello onde todos nos reflectimos’). Acorde a como vemos a vida hai que tratar de facela, fai a túa vocación! Oliver, sen coñecelo, sigue os seus consellos.

Compartir el artículo

stats