Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

O retorno de De Gaulle

Charles de Gaulle está de volta. Ou iso é, polo menos, o que veñen de afirmar nos pasados días determinados comentaristas de postín, e desde as páxinas de certas influíntes publicacións periódicas, perante do –imparable?– ascenso ás alturas de Éric Zemmour, posible candidato ás eleccións presidenciais que se han de celebrar en Francia en abril do ano vindeiro. E é que, en efecto, o xornalista político, ensaísta, polemista.., autor de “Le Suicide français” gusta de definirse a si mesmo como “gaullista” (e tamén “bonapartista”): isto é, todo un auténtico herdeiro do xeneral, por máis que sexa considerado decote polos diversos medios de comunicación como alguén encadrable nos lindes da extrema dereita.

“Superación das fronteiras nacionais”; “promoción das minorías”; “recoñecemento dos migrantes”; “repecto polas diferentes relixións.” Velaí algunhas das claves do amplo movemento xurdido logo da Segunda Guerra Mundial, e que se vén aceptando como sinal identitario, verdadeiro emblema do proceso democrático desenvolvido pola Unión Europea. Mais acontece asemade que, tal e como sentenza o adaxio popular, ás veces “do dito ao feito vai un bo treito” e eis, entón, que -sen tan sequera entrarmos agora na complexa análise de se o pensamento gaullista participou, ou negou, semellante ideoloxía- si que caben moitas incertidumes respecto a se de veras se está a cumprir entre nós o programa descrito e mesmo, e sobre todo, se resulta factible nunha Europa que sacrifica día si e día tamén as súas ofrendas no sacrosanto altar do (neo)liberalismo. En todo caso, pasen Vdes. e vexan.

“Superación das fronteiras nacionais.” Realmente é posible presumirmos de tal cousa nunha UE que, no medio e medio dunha crise como a que estamos a habitar, se manifesta absolutamente incapaz de artellar un plan conxunto de loita contra a pandemia e mais as súas dramáticas consecuencias? Falamos, daquela, dunha UE para a xente ou dunha UE a funcionar apenas para as elites económico-financeiras? “Recoñecemento dos migrantes”. Máis aló do para-hippismo benintenciado do “contamíname cos teus cantos e bailes”, acceden aqueles a algo máis que aos labores mal pagados que os europeos rexeitamos? “Respecto polas diferentes relixións”. Entendemos, acaso, por tal xogarmos un mundial de fútbol nun estado, Qatar, onde aínda rexe a Sharia en diversos ámbitos e onde as mulleres violadas son condenadas por adulterio? Cal vén resultar, ao cabo, a práctica real dos ideais de liberdade, igualdade e fraternidade nesta parte do planeta? En fin, parafraseando o coñecido título de Raymond Carver, de que Europa falamos cando estamos a falar de Europa?

“Zemmour declárase herdeiro de De Gaulle mentres a dereita republicana e as esquerdas gardan un silencio suicida”

decoration

Garantir a existencia de sectores estratéxicos, axeitados e impulsados polo Estado; buscar e artellar a independencia industrial europea diante de posibles crises e catástrofes; reforzar o tecido das pequenas e medianas empresas; evitar a deslocalización das grandes entidades tan só preocupadas pola relación de beneficios a curto prazo; apoiar o produto europeo e mais os seus produtores; considerar as organizacións sindicais como elementos imprescidibles na construción dunha sociedade máis xusta e equilibrada; defender os valores laicos diante de calquera ideoloxía relixiosa; propiciar a aposta por un entramado social que garantice a sanidade e mais a educación ao alcance de todos; manter unha banca pública que se ocupe das clases máis desfavorecidas: velaí algúns dos valores que si alicerzaron os piares desa mesma Europa democrática que abrollou despois da guerra: o faro e acubillo das liberdades individuais e colectivas. Uns valores que a socialdemocracia e mais o movemento gaullista, a dereita republicana, si foron compartir. Pero uns valores que o neoliberalismo desatado nega e alcuma arreo como “populistas” cando non aínda como “extremistas” e/ou “comunistas”.

Na cerimonia da confunsión premeditada, Éric Zemmour declárase herdeiro do xeneral De Gaulle coa aquiescencia compracida dos voceiros do establishment mentres a vella dereita republicana e mais as esquerdas gardan silencio. Un silencio cómplice. Un silencio suicida.

Compartir el artículo

stats