Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños a Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Darío ou a Grandeza

Xa está Darío Xohán Cabana Ianes na cova común do tempo, diríamos con verbas de Brassens. E el entra nunha outra vida, que será tan longa como non poidamos imaxinarnos. A súa fama permanecerá e a súa obra seguirá falándolles calado ás xeracións presentes e futuras. Coma en todos os dós, véñenlle, aos que quedamos, fogonazos diversos, imaxes inconexas do defunto. Eu vexo un Darío en compaña leda de Jei Noguerol, Moncho Reboiras e máis mozos, coma tal en Padrón.

Non pode Darío Xohán, agora que é memoria, disimular a súa grandeza. Irrompeu nas letras desde unha Terra Chá que fundara en versos cálidos e nobres Manuel María. E Darío contribuiu ao combate contra a xistra franquista. Con naturalidade, foi e seguirá a ser un dos altísimos escritores galegos de calquera dos tempos. El entendeu a literatura coma invención e coma intervención. Fecundo en achados imaxinativos, soubo ser comedido e abundancial ao mesmo tempo.

Poeta insigne, fixo real aquilo que Cervantes reputaba imposíbel: a tradución de textos poéticos. A Divina Comedia pasou polas súas alquitaras e resultou en galego obra orixinal ao tempo que o espírito do Dante permanecía intacto. A habelencia do Darío tradutor brilla nas súas versións da poesía occitana. Alén de facer galego enxebre ao duque Guilhem, fundador da literatura laica e contralatina europea, o noso amigo destituiu a noción de “amor cortés” que Gaston Paris pretendera impoñerlle á posteridade. Os seus escolios occitanistas constitúen microleccións maxistrais de varias ciencias históricas que se entrelean con criterio eminentemente galego. E veleiquí Darío sentado na súa cadeira de mestre.

"Fecundo en achados imaxinativos, soubo ser comedido e abundancial ao mesmo tempo"

decoration

Na novelística de grande volume practica polo menos tres pozos piagos  en calquera dos cales un pode ficar asolagado e disolto para sempre. Eles son: Galván en Saor, no que madurece a materia de Bretaña e se fai máis nosa do que nunca fora; Morte de rei, un colosal acto de xustiza popular a Don García; O cervo na torre, novela na que o autor tivo o valor de poetizar a loita pola independencia de Galicia.

A narrativa de Darío, longa e breve, é moito máis do que estamos a falar. Ao lonxe a voz do amigo que perdemos / soa ceibe na baruda carballeira / co son honrado das antigas falas. Agora é Otero Pedrayo quen, coma sempre, toma a palabra.

Compartir el artículo

stats