Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Cangas e laicismo toponímico

Un clamor popular esixía que en Galicia fosen constituidos órganos de administración local que algúns definían coma “submunicipais”. Falamos da parroquia ou freguesía no seu aspecto civil, laico e administrativo. Logo a ditadura de Primo de Rivera abriu a posibilidade de que as nosas parroquias ancestrais poidesen gozar de órganos administrativos propios, cos seus vigairos e as súas xuntas veciñais. Segundo teño ouvido decer, Alejo Carrera Muñoz, renovo da burguesía galega de Lisboa, decidiu invocar a lexislación favorábel e convertiu a súa parroquia orixinal de San Martiño da Portela, concello de Mondariz, en entidade local menor. E fíxoo ao tempo en que lle desacralizaba o nome e llo mudaba polo de Vilasobroso.

O soño de don Alejo era o de reconstruír o castelo de Sobroso e convertelo en centro cultural e turístico. Daquela, e ao amparo do estatuto municipal primoriverista e leis seguintes, puxéronse en funcionamento as parroquias administrativas dos Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo), Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui) e Queimadelos, esta no mesmo concello de Mondariz ca O Vilasobroso do que falabamos.

"A lexislación local vixente hoxe, a galega e, por abundancia, a española, fan posíbel a posta en vigor das parroquias ou freguesías ou distritos de nivel submunicipal"

decoration

Desde o agrarismo, o galeguismo e o Frente Popular ata os dez puntos fundadores da UPG, defendeuse afervoadamente a parroquia civil coma célula básica da sociedade galega, así rural coma urbana. Castelao postulou elocuentemente un renacemento da parroquia.

A lexislación local vixente hoxe, a galega e, por abundancia, a española, fan posíbel a posta en vigor das parroquias ou freguesías ou distritos de nivel submunicipal. Sen embargo, a lista das entidades locais menores non se incrementou no actual réxime borbónico e seguen a existir só aquelas que, ao modo de Vilasobroso, grupos e cidadáns avanzados e innovadores impulsaron antes de xullo de 1936. Nin os concellos gobernados polo BNG nin aqueles de esquerda unitaria ampla, dos que foi modelo Cangas, queren saber actualmente nada da freguesía civil.

En Cangas parece que hoxe se manifestan persoas preocupadas por distanciar do santoral católico os nomes das parroquias administrativas presentes, aínda que non oficializadas, do termo municipal. Un bon modo de acadar este laicismo toponímico podía ser o de pór en vigor as freguesías administrativas alí onde hoxe non existen e prescindindo da advocación relixiosa. Non sería a primeira vez que Cangas do Morrazo marcase un camiño en política.

Compartir el artículo

stats