Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De Bolina

Xosé Ramón Pena

O (in)discreto engado da monarquía

Coido ben que han de ser uns cantos/bastantes de entre Vdes. –sempre moi amables lectores destas liñas semanais e, especialmente, aqueles que xa “peiteen canas”– os que teñan noticia de Régis Debray. En todo caso, cómpre lembrarmos que se trata dun escritor, e filósofo, de alén Pirineos –fiel seguidor de Louis Althusser–, amigo de Fidel Castro e compañeiro do Che Guevara en terras bolivianas. En fin, velaí aínda as páxinas de Revolución na revolución? ou esoutras de Críticas da razón política e Vida e morte das imaxes para quen queira/precise refrescar a memoria.

Casado coa historiadora e antropóloga Elizabeth Burgos, desa unión veu ao mundo, por volta de 1976, unha rapariga á cal os seus proxenitores lle puxeron o nome de Laurence. Máis exactamente, Laurence Debray. Si, esa mesma: a da biografía sobre os seus propios pais –Filla de revolucionarios– pero sobre todo, na hora presente, a autora desoutra arredor do noso monarca emérito, Xoán Carlos I.

Cando este cronista contaba con dezaoito/vinte e poucos anos, viñan ser asemade uns cantos/bastantes os amigos, compañeiros, camaradas na batalla... que adornaban os seus cuartos con diversos pósters: Marx, Lenin e mais a Revolución de Outubro, Mao e a “Longa Marcha”..., pero moi singularmente con esoutros de Ernesto Che Guevara; xa saben: aqueles concretados a partir da moi coñecida fotografía, obra de Alberto Díaz (Korda) e/ou aínda na versión da mesma levada a termo por Jim Fitzpatrick. Xa que logo, e dadas as relacións existentes entre eles, cabe pensar que, da súa parte, os Debray, senón un póster, si que contasen nas dependencias íntimas da súa morada con unha/varias fotografías da Revolución cubana e aínda dos dous grandes nomes que alicerzan a mesma: Fidel Castro e, desde logo, o célebre “Guerrilleiro Heroico”, comandante, arxentino-cubano, Guevara.

Pois ben; segundo ela mesma relata, Mdme. Debray (filla), e diante do aberto abraio dos seus pais, antes que coa de calquera outro mito revolucionario socialista, viña contar no seu cuarto de adolescente cunha fotografía-fetiche –vestido o monarca español con traxe de gala de capitán xeneral dos exércitos– de Xoán Carlos de Borbón e Borbón. Malia que D. Regis e Dna. Elizabeth enviaron a súa filla, primeiro, a un campamento en Cuba e, a seguir, a outro nos Estados Unidos, co obxecto de que apreciase convenientemente as diferenzas entre os dous mundos, a realidade é que pouco, ou nada, foi entrar na súa razón nin na súa emoción respecto ás ideas propiciadas polos seus maiores. Que lle queren Vdes.? Xa o cantaba Víctor Jara: “Mi padre fue peón de hacienda y yo un revolucionario./Mis hijos pusieron tienda y mi nieto es funcionario.”

"Diante do aberto abraio dos seus pais, antes que coa de calquera outro mito revolucionario socialista, viña contar no seu cuarto de adolescente cunha fotografía-fetiche de Xoán Carlos de Borbón e Borbón"

decoration

De novo nos anos setenta do pasado século –máis en concreto, aló por volta de 1972–, Luis Buñuel presentaba urbi et orbi un film co cal foi gañar o Oscar á mellor película estranxeira dese mesmo ano: desde logo, estamos a falar de O discreto engado da burguesía, considerada pola crítica, en xeral, como unha das obras mestras da sétima arte. Invitados polo matrimonio Sénéchal a cear, o matrimonio Thévenot, a irmá da Sra. Thévenot e mais o embaixador D. Rafael Acosta van ser incapaces de cumprir o seu obxectivo ao se veren interrompidos arreo por todo un desfile de acontecementos xa reais, xa imaxinarios: guerrilleiros e campesiños revolucionados; militares e policías; un bispo vestido coas roupas dun xardineiro;un mozo terrorista maoísta que quere asasinar a Acosta... pesadelos e fantasmas en comunidade que remeten, segundo algunha interpretación, ao planeta dos irmáns Marx.

Esoutros espectros de Meirás e de El Pardo; a gran familia (política) grega; os xantares en Baqueira Beret co mestre Yoda –digo/escribo, Pujol!–; os pantalóns a lunares e raias dun xenro; esoutro traxe a raias doutro xenro; as paellas e fideuás de Bárbara Rey; a sensual lencería da pseudoprincesa Corinna; as “grandes noites” do neto Froilán; as cento e unha caídas e golpes variados; o coitado elefante de Botswana... Certamente, cabe pensar ben que se o grande cineasta nacido en terras de Calanda volvese “levantar a cabeza”, acaso se decidise por unha sorte de reconversión, posta ao día, da súa premiada fita: trataríase, daquela, de “O (in)discreto engado da monarquía”; sen dúbida, todo un éxito de crítica e de público, así avisado como de Sálvame.

En fin; segundo el mesmo lle foi confesar á súa amiga Laurence, ao Sr. Borbón e Borbón gústanlle as mulleres, os bos xantares e beberes e, desde logo, os cartos (sempre estivo preocupado por eles, seica); así mesmo, o que non lle presta para nada, é iso de ser rei. Chegados aquí, este modesto cronista non pode concordar máis co soberano emérito: porque coma a el mesmo, a min tamén me vai moito máis a cousa da república.

Compartir el artículo

stats