Opinión | DE BOLINA

Florentino Pérez en Mühlberg

Veñen de referirnos os nosos espías na “villa y corte” -máis concretamente, nun “chiringuito” de “la villa y corte” (xa saben Vdes.que todo é posible en Madrid, e cada vez máis)- que a cousa se foi argallar como segue: pois velaí que unha certa mañá de comezos da presente primavera, e mentres facía tempo entre cita importante e nova cita importante, de Atocha para Cibeles, D. Florentino Pérez decidiu encamiñar os seus pasos cara o Museo Nacional del Prado. Deambulando, pois, polas salas e corredores da célebre pinacoteca, o comendador de todos os crentes merengues foise deter, de súpeto, diante dunha obra senlleira: nin máis nin menos que D. Floren se foi parar xusto diante do retrato escuestre de Carlos V en Mühlberg, que levara a termo, por volta de 1548, o grande artista veneciano Tiziano Vecellio.

Absorto sabe Deus en cales profundos pensamentos, así artísticos como filosófico-morais,o presidente do “club máis laureado do século XX” tivo que retornar, así e todo , ao sentido cando, outra vez de socato, se veu rodeado polas voces e corpos dun nutrido grupo de gabachos -ben é sabido, Dna. Isabel Ayuso dixit, que os tales é que non paran de acudir aos museos da capital das Españas- que de contado entraron en aberta controversia respecto de quen viña resultar o verdadeiro protagonista do óleo que tiñan diante. Concluído axiña que non se trataba de Zinedine Zidane -como ben coñecen todos os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais, os nosos veciños de alén Pirineus nadan arreo en alta (e baixa) cultura-, a desputa polarizouse en termos cinematográficos: Jean Reno ou Gérard Depardieu?

D. Florentino que -malia o que por aí sentenzan as malas linguas, os impíos, revoltés e culés- devén de seu todo un leriante, bromista retanqueiro e amigo de troulas e da festa rachada, virouse para o grupo. “Celui du tableau, c´est moi. C´est moi quand nous avons gangé le treizième!”

Nin que dicir ten, os gabachos ceibaron sonorosas gargallas. Ceibáronas... até que un deles foi reparar no porte de quen de tal xeito os fora interpelar: “Mais... ouais, c´est lui, le roi!”. “Le roi? Tu déconnes? Le roi...émérite?”

Foi xa unhas cantas horas máis tarde, retornado a palacio e mergullado nas profundidades da súa bañeira con billas de ouro e diamantes ad hoc, cando o Sr. Pérez foi lembrar a simpática anécdota viviva pola mañá nas estancias do Prado. “Eureka!”, seica berrou, cal Arquímedes, o presidente madridista. E xa sen máis, foi procurar o seu iphone -o vermello especial, nin que dicir ten- para comunicarse ipso facto con Can Barça. O resto da historia coido que é ben sabida por tutti quanti.

Onde Filipe artellara barcos, Florentino I buscou artellar cartos

Certamente, a vida é como é. Quero dicir que o tito Floren é enxeñeiro de camiños, portos e canais -sen dúbida, toda unha magnífica carreira-, ademais de exitosísimo empresario e etc, etc. Agora ben; mesmo os heroes da patria, semideuses coma el teñen -e nunca mellor dito- o seu calcañar de Aquiles. Na conxuntura que nos afecta, a cuestión está en que o Sr. Pérez non se foi decatar de que se o gran Carlos puido derrotar os herexes da Liga de Esmalcalda en Mühlberg, iso foi porque contaba, para alén de con Alatriste e familia, co concurso de 16000 lasquenetes teutóns, aportacións de flamencos -de Flandres, vaia- e, en fin, de tropas procedentes dos territorios que conformaban o Sacro Imperio Romano Xermánica. Traducido: que, como o Sr. Pérez non debería ter esquecido nunca, o seu título viña ser -e así quedou para a Historia- o de Carlos I de España, pero asemade Carlos V de Alemaña. E velaí a nai do año.

Nin o Bayern München nin o Borussia Dortmund. É imposible -parece mentira que os seus asesores, ou el mesmo, fosen esquecer a elemental xeopolítica- concluír unha Superliga sen o concurso alemán. E iso tan simple porque coa Grossdeutschland a favor queda garantida, si ou tamén, a presenza francesa -atentos sempre en París St. Germain aos movementos dos “boches”- e, claro é, a de todas as colonias alemás: Países Baixos, Austria, Rep. Checa, nórdicos... mesmo a neutral Suíza. Ben polo contrario, antes que a Carlos V, tal parece que D. Floren se foi encomendar ao fillo daquel, Filipe II. Foi así como -poñendo o engado de pelas mil onde o o supermonarca hispano puxera barcos- o novo grande aspirante aos dominios de Europa artellou a súa Armada Invencible. O resultado da aventura está á vista. Pero escrito está que o home é un animal que tropeza dúas, oito, dez -que contaría o alcalde Almeida- oportunidades.

Superliga no future? A ver; non se trata, tampouco, da Apocalypse Now. Poñamos, mellor, e xa que en inglés estamos, que talvez apenas un “Stand by me”. E é que, como afirma a Biblia, nunca choveron cartos que non diluviase (para Estro Montaña).

Suscríbete para seguir leyendo