Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Isaac, alma grande

Inda que nacera en 1920 e leve anos falecido, Isaac Díaz Pardo está presente na memoria de amplos sectores do pobo galego. El, que traballou contra a desmemoria, é recoñecido como mereceu polo seu desprendemento e esforzo a prol da colectividade. “É unha alma de coloso albergada nunha corporeidade mínima”, dixo, de Isaac, un día Valentín Paz-Andrade.

Díaz Pardo foi editor, teórico e práctico dos deseños gráfico e industrial, artista plástico vigoroso, ensaísta, capitán de empresas. Ambicionou un noso País propietario dos seus recursos. E foille dando forma, ao grande soño ceibe de tal Galicia, con constancia e entrega. Velaí o Laboratorio de Formas, o Instituto Galego da Información, a resurrección de Sargadelos e do Seminario de Estudos Galegos. Foron, estas, algunhas das grandes obras, non todas culminadas, de Díaz Pardo, xunto ao seu apoio económico e ideolóxico a empresas de edición de libros de contido antifeixista.

Díaz Pardo, por parte, estivo dotado dun xenio literario entrefebrado de vis satírico-social. É inconcebíbel a cultura galega do século XX sen a presencia, difusa e constante, de Díaz Pardo.

"Non visitarmos os seus poemas en galego pode darnos unha idea imperfecta do pulo básico deste creador total ao servizo de altos valores"

decoration

Cando pensabamos que todo estaba escrito sobre a súa figura, veleiquí que un libro nos vén advertir de certa dimensión pouco recoñecida do creador multilateral, lúcido e laborioso de que tratamos: Esperanza Luz Mariño Davila, A mensaxe entre as sombras, Obra poética de Isaac Díaz Pardo, Edicións Xerais, Vigo 2021. O traballo crítico de Mariño Davila é completo e incorpora a poesía de Díaz Pardo que existe e foi publicada de forma esparexida.

A creación poética non constituiu ocupación fundamental no discurso literario e artístico de Díaz Pardo. Pero tamén, o non visitarmos os seus poemas en galego (os que coñezo de Picasso foron escritos en francés), pode darnos unha idea imperfecta do pulo básico deste creador total ao servizo de altos valores entre os cales se inclúe a restitución de Galicia á Historia da que foi excluída.

Agora, eu estou a lembrar o libro Galicia hoy. Na década dos sesenta do século XX Díaz Pardo financiouno en París (edicións Ruedo Ibérico) e compilouno ao par de Luís Seoane; ambos amparados das represalias franquistas por senllos pseudónimos.

Compartir el artículo

stats