Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

A bomba do vello Chao

O 29 de outubro de 1829, don Nazario entraba no despacho da Capitanía que el trasladara desde A Coruña a Compostela buscando a proximidade da tumba apostólica e a lonxanía das masas liberais. Sobre a escribaíña, un envelope a el dirixido con caracter de secreto e persoal. Ao romper os selos, o artefacto explodiulle nas maos ao capitán xeneral de Galicia Nazario Eguía. Este veterano da Francesada case perde as maos co bombazo. Alude ao suceso Curros, e recóntao moi ben García Mañá, historiador e novelista. Falouse desta coma da primeira carta-bomba da crónica revolucionaria de Europa e do Mundo. Escribo na Fundación Penzol de Vigo. Desde a fiestra, vexo ben o inicio da rúa de Sombrereiros, onde, no 1829, tiña a súa oficina de farmacia Xosé María Chao, un arriscado liberal procedente de Ribadavia. Eguía, furioso, detivo a Chao e acusouno de ser o perpretador da bomba que lle estoupou nas maos. Ceibaron o boticario por falta de probas.

Xosé María foi pai de Eduardo Chao, repúblico, intelectual e inspirador da que foi Casa Consistorial de Vigo, a cal alberga hoxe a Fundación Penzol na que me encontro. Outro fillo de Xosé María Chao, Alejandro, foi, con Compañel, con Murguía, impulsor, non lonxe de onde estou, na Rúa da Oliveira, dunha empresa editorial e xornalística de recordo perdurábel. Deixo eu agora o salón de leitura da Penzol e accedo a un vestíbulo. Sobre a súa peaña, observo un fanal que protexe certo obxecto inagardado naquel lugar. Trátase dun morteiro de regulares dimensións no que figura o ano 1741 como o da súa factura. Un indicador escrito reza que aquel morteiro pertenceu á farmacia do destacado liberal Xosé María Chao. Durante boa parte dos séculos XIX e XX, naquel predio de Sombrereiros con Constitución, houbo aberta unha farmacia. Os sucesivos boticarios fóronse transmitindo, uns aos outros, a memoria de Chao e o relato da bomba e o morteiro no que se di que a preparara. Finalmente, a viúva do derradeiro dos farmacéuticos sucesores de Chao, dona Esperanza de Haz, fixo doazón do morteiro, no cal Chao fabricou ou non fabricou a bomba, á Fundación Penzol, que o mostra aos visitantes en memoria dunha idade.

O asunto merecería unha monografía novelada das que Teodosio Vesteiro Torres lle dedicou a Vigo e foron imprentadas so os soportais da Praza da Constitución. E, rematada a lembranza, xa me permito chamar polo ascensor para regresar a este século. Ao Vigo pueril do Dinoseto e ao horroroso dos probes que morren acampados na Praza do Rei. Ao Vigo que non lle ten dedicada rúa ningunha a Vesteiro Torres nin botou abaixo a cruz do Castro.

Compartir el artículo

stats