Entrevista | Samuel González Vocalista e guitarrista de The Rapants

“En Galicia agora mesmo hai un movemento musical á altura da movida viguesa dos 80”

A banda de Muros, que vén gañar o certame “Último Acorde” no WiZink, inaugura o vindeiro 11 de maio o Festival TerraCeo

The Rapants nunha imaxe promocional de “La máquina del buen rollo”.

The Rapants nunha imaxe promocional de “La máquina del buen rollo”. / ANDREA SÁNCHEZ

Carolina Sertal

Carolina Sertal

A crítica os define como sinónimo de “actitude, talento e diversión” e logo de despuntar en 2023, con case 40 concertos por salas e festivais de toda Galicia nos que a conexión co público foi in crescendo, The Rapants veñen de lanzar o seu novo álbum, La máquina del buen rollo, un disco que terán a oportunidade de achegar aos vigueses e viguesas o vindeiro 11 de maio, inaugurando así unha nova edición do Festival TerraCeo, no Auditorio Mar de Vigo.

–Co bo sabor de boca de ter gañado o certame “Último Acorde x Johnnie Walker” celebrado esta pasada fin de semana na sala do WiZink Center de Madrid, que supón ser recoñecidos deste xeito?

–É un pasiño máis dentro dos nosos obxectivos como grupo, a verdade é que estamos moi contentos porque había máis bandas de todas as partes de España e ser seleccionados finalistas, e logo gañar, fainos estar moi contentos, iso só nos motiva a seguir.

–E a vindeira semana abrides o TerraCeo en Vigo, que agardades desa primeira actuación do festival?

–Pois esperamos que sexa moi guai, moi especial, que sabemos que hai unha moi boa posta de sol dende aí. Poder tocar no TerraCeo vai permitirnos abrir o grupo un pouco máis a público que non nos coñece tanto e, ao mesmo tempo, é todo un reto. Estamos moi contentos tamén porque non tiñamos moitas datas para Vigo este ano e agradécese poder amosarlle así a nosa música aos vigueses.

–Cando deu comezo a vosa traxectoria no 2018, imaxinabades acadar os éxitos que estades colleitando na actualidade?

–Cando comezamos o que soñabamos era tocar no mítico pub de Muros, que xa era a hostia! Así que estar tocando en sitios que xamais imaxinabamos, é algo que nos motiva moito. Estamos moi contentos, especialmente, polo crecemento que tivemos, que foi moi orgánico, as cousas foron chegando pouco a pouco e fomos subindo a unha nube, pero sen pasarse. É moi importante que isto fora así.

Foto promocional do novo disco de The Rapants.

Foto promocional do novo disco de The Rapants. / Andrea Sánchez

–E que é o que senten The Rapants cando se ven hoxe compartindo cartel con outras bandas potentes a nivel nacional e internacional?

–En Galicia agora mesmo hai un movemento musical incrible, que penso que está á altura da movida viguesa dos 80. Penso que vai collendo cada vez máis forza e as empresas están dándose conta á hora de programar, porque a xente tamén quere ver aos grupos de aquí, non só internacionais, tamén quere ver aos grupos galegos compartindo cartel con ese tipo de artistas e desfrutando nese festival. Para nós é todo un orgullo estar no mesmo escenario con moitas bandas a nivel nacional que xa se converteron en amigos, como pode ser La niña polaca, e para nós é un orgullo.

–Vides de estrear o voso terceiro LP, La máquina del buen rollo, como foi evolucionando a banda musicalmente até chegar a este novo disco?

–Esa é unha pregunta moi complicada que tamén nos facemos nós. En realidade, ese crecemento non o buscamos, o que tiñamos claro é que non queriamos repetir o disco anterior, O corasón coma un after. Facer outro álbum igual pensamos que iso ía ser un erro, entón intentamos darlle unha volta, buscar outras influencias, outros ritmos e saíu este disco, un traballo co que estamos moi contentos, especialmente por todo o que está vindo con el, os concertos, a boa acollida... Ao fin e ao cabo, nunca nos poñemos como meta un estilo único, sempre dicimos que facemos un “ghiso”, porque queremos facer e probar de todo, é o que nos gusta, non queremos pecharnos as portas a nada. Por exemplo, se queremos facer un tema de reguetón, farémolo, iso foi algo que tivemos claro dende o primeiro minuto, porque para facer desfrutar á xente, primeiro temos que desfrutar nós.

–E de que influencias bebedes neste novo traballo?

–Neste novo disco hai moita influencia de Parcels, tamén de The Smiths, Two Door Cinema Club, Pink Floyd e moita música latina, que é algo que se nota moito ao inicio da primeira canción do álbum.

–The Rapants e tamén moitos outros grupos da escena actual galega estades mobilizando a un volume importante de xente nova nos vosos directos, notádelo así dende os escenarios?

–O que notamos é algo que non vin na miña vida. Non imos facernos os parvos, a xente está a tope con nós, é unha realidade. Cando dicimos que os fans de The Rapants son fans hooligans é porque é certo, é unha xente que compra todas as as entradas para a Capitol en 8 minutos, é xente que está apostando por ti e quere verte de verdade. Cando en festivais había críticas porque había poucos grupos galegos, penso que é porque había multitude de xente apoiando ás bandas galegas para que foran a eses festivais. Pero é lóxico, porque se ti ves que están nacendo “ghrelos” e son bos, non vas querer só “ghrelos” de fóra cando ves que os “ghrelos” bos tamén están aquí.

Suscríbete para seguir leyendo