Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

No enterro de Mário Soares

Os EEUU aceptaron o plan do Foreign Office para despois do salazarismo. Portugal colaborara fielmente cos aliados, empresténdolles as súas illas atlánticas na guerra. En pago, deixaron entrar o Portufascista na OTAN. O plan consistía nunha república colonialista cun partido socialista tipo alemán occidental e unha democracia cristiá trasalazariasta fabricada no círculo do "Expresso" por Mário Sá Carneiro.

Nas eleccións trucadas salazaristas destacou un brillante xurista a quen subvencionaban Champolimaud e Cordo Boulhosa, o máis rico dos galegos de Portugal. Augusto Assía, nas súas crónicas, desfacíase en eloxios do novo astro político que non era outro ca Mário Soares, e quen acaba de finar. O partido comunista quedaba excluído xa que non asumira o eurocomunismo, seguía a Suslov e alentaba a loita armada das colonias, da Aral Luar. Todo iría perfectamente xa que se contaba mesmo co Opus Dei, que tiña vastas relacións tecidas desde Galicia a partir da Estila que frecuentara Marcelo Caetano.

Pero o golpe de 25 de abril de 1974 esborrallou esta maqueta. Non só non se prohibiu o PCP senón que Álvaro Cunhal se converteu en figura pública central, á que se uniron militares patriotas e limpos do tipo do xeneral Vasco Gonçalves. O urxente para os EE UU e Inglaterra foi, daquela, frear as ocupacións de latifundios e reprivatizar a banca, os seguros e os grandes servizos públicos nacionalizados, así como abolir a Constitución socialista e o Consello da Revolução.

Para iso os neodemócratas do PSD e CDS foron moi uteis, pero nada se podería facer para acabar co Portugal socialista que estaba a nacer sen o PS guiado pola man astuta e cínica de Mário Soares, quen daquela gañou ben o salario que lle pagaran os plutócratas portugueses.

Esto que digo é tan certo como o é que Mário Soares foi o único presidente e o único político portugués que sabía o que é Galicia e o demostraba unha e outra vez. Lia "A Trabe de Ouro" e mandaba grazas ao recibir os números, ás veces a través do Sottomaior Cardia. Mesmo estivo a piques de cair ao río cando veu inaugurar o pequeno ferry de Salvaterra. Fixolle a Fraga Iribarne a semana da cultura galega de Lisboa, memorábel. Púxolle ao presidente da Xunta un escadrón de honor da GNR con belos cabalos Alte Real. Reuniuse en Valença con algúns escritores galegos e falou e escribiu sobre Galicia e Portugal con moito xeito. Asi era Mário Soares. Ao seu enterro non acudiu o presidente da Xunta e na Academia Galega non se izou a bandeira a media aste.

Compartir el artículo

stats