Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

O mar está no noso ADN

En relación ao Anteproxecto de Lei de Acuicultura (Anteproxecto) é preciso afirmar dúas cuestións previas: ningún sector produtivo tradicional (confrarías,bateeiros, mariscadoras, mariñeiros) demandou esta lei e perante os catro anos quedurou a súa elaboración a Consellería do Mar non abriu ningunha porta ao diálogo.

Estamos ante a vella política de almorzarmos en pleno Nadal co Anteproxecto enriba da mesa, en período de alegacións, sen ter coñecemento previo. Lembremos queo Nadal é a época de máis traballo da xente do mar.

Este Anteproxecto non serve aos intereses dos 33.000 empregos do sector do mar porque nin promove nin impulsa a súa actividade. É un texto de carácter neoliberal quebaixo un manto de aparente igualdade ("principios de obxectividade, publicidade, transparencia e concorrencia") pon aos nosos sectores tradicionais a competir coas grandes empresas acuícolas en base aos criterios de "solvencia financieira, económica e técnica".

Os redactores deste Anteproxecto pretenden favorecer os intereses da peixecultura intensiva e poñen as bases legais e administrativas que van permitir o desembarco deste tipo de acuicultura en detrimento das xentes do mar. Unha vez elaborado e aprobado o Plan de Ordenación, que vai delimitar -sen ningún tipo de cortalumes- as zonas onde se van poder ubicar os establecementos acuícolas e as especies (falan incluso de especies exóticas e invasoras), créanse os dereitos que as empresas debecen e xa non hai volta atrás, porque con ese marco normativo poden demandar indemnizacións millonarias senón se lles dá o permiso de actividade.

Asemade, tamén hai aproximadamente 480 millóns de euros de fondos europeos que se pretenden canalizar para impulsar este tipo de peixecultura. O escenario propicio para as portas xiratorias está aí en base a dous elementos: o diñeiro das subvencións e os postos nos consellos de administración.

Este Anteproxecto elimina as garantías medioambientais pois non se vai precisar informe previo de incidencia ambiental e van poder instalar plantas de peixecultura nos espazos naturais protexidos (Parque Nacional, Rede Natura...) Tampouco permite a intervención dos concellos, xa que a tramitación dos proxectos terá carácter supramunicipal. As zonas terrestres do litoral que sexan demandadas polas empresas acuícolas -por estaren incluídas no Plan de Ordenación- van ser declaradas de interese público e, por tanto, expropiadas.

Paradoxalmente os problemas reais dos sectores produtivos permanecen sen solución. Ata agora non foi posible sentar á administración para tomar medidas concretas e reais para sanear as rías e protexer o medio mariño, fortalecer e apoiar aos sectores primarios, impulsar o consumo dos nosos produtos do mar, incrementar o seu valor engadido, protexer aos consumidores dos produtos mal etiquetados que se aproveitan do prestixio dos produtos galegos que son sans e naturais. O descenso masivo da produción na ría de Arousa a partires de 2008 e a práctica desaparición do berberecho non suscitan a atención e o diálogo por parte da Consellería do Mar, a pesares das denuncias da PDRA e os sectores produtivos.

Afirmamos que o modelo da acuicultura industrial que queren impor significa un cambio no modelo produtivo e unha reconversión total do sector actual do mar. Para entendelo pódese pór como exemplo a Noruega que, segundo dados do informe da FAO de 2014 (El estado mundial de la pesca y la acuicultura), perdeu -entre 1995 e 2012- o 50% das persoas empregadas na pesca mariña e só pasou nese mesmo período de 4.600 a 5.900 empregos en acuicultura. Trátase dunha acuicultura moi intensiva en capital e tecnoloxía mais moi escasa en man de obra; produce uns grandes rendimentos económicos que se reparten entre os empresarios e os accionistas. Produce un gran impacto medioambiental, contamina o mar, degrada a poboación do salmón salvaxe e o turismo. É este o modelo que queremos para o noso país? Nós pensamos que non.

Os sectores tradicionais do mar galego son parte fundamental da identidade deste país; os valores socioeconómicos, alimentarios, etnográficos e paisaxísticos están imbricados cos gastronómicos e turísticos. Coa Lei de acuicultura non se afunde só o noso mar senón tamén a nosa dieta alimentaria, a nosa cultura, o noso atractivo turístico, a nosa gastronomía e o tecido socio-económico dos concellos do noso litoral costeiro.

Tanto o xeito de preparar o Anteproxecto como o seu contido, apuntan a que a Xunta pretendía sacar adiante un texto consensuado coas empresas piscícolas e encamiñado ao desembarco da acuicultura industrial financiada polos fondos europeos. Agora, diante da alarma social xerada o Presidente Feijoo intenta calmar os ánimos e fala de aparcar o Anteproxecto; aparcar significa deixar en suspenso algo, que permanece aí ameazante como espada de Damocles. Nós non queremos aparcar a lei, queremos a súa RETIRADA.

As nosas mariscadoras, bateeiros e mariñeiros de baixura son parte do ADN deste país, NON OS TRAIZOEMOS.

*Xaquín Rubido "Xocas" é presidente da Plataforma en Defensa da Ría (PDRA)

Compartir el artículo

stats