Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Outono en Portugal

"Mandadores de alta finança/fazem tudo andar p'ra trás./Dizem que o mundo só anda/tendo à frente um capataz": trátase de versos, desde logo, dunha canción ("Os índios da Meia-Praia") composta por José Afonso, aló por volta de 1976, e incluída no seu álbum Com as minhas tamanquinhas. Se todo aquilo que reloce resultase ser de ouro e, sobre todo, se este mundo deviñese un lugar máis habitable, non habería ningunha necesidade de que este, seu, modesto cronista lles viñese lembrar a Vdes. que estamos a falar, con certeza, dun cantautor que, de ter nacido en Duluth (Minnesota) e non en Aveiro, da outra beira do Minho/Miño, atendería algo así como por Bob Dylan e quen máis, quen menos, andariamos todos a tentar chapurrear as súas letras e músicas, esnobs que nos contemplamos. En fin, por se alguén aínda non caeu da burra, reproduzamos outro par de versos da súa autoría: "Grândola, vila morena,/terra da fraternidade,/o povo é quem mais ordena/detro de ti, ó cidade." Agora si, non?

Pois ben; desde o 25 de abril de 1974 -xa saben os (sempre moi amables) lectores destas crónicas semanais: a Revolução dos Cravos- deica a esoutro abril de 1976, cando se aprobou a Constitución actualmente vixente, os nossos irmãos da outra beira do Minho/Miño viviron a xeira que aló denominan como o PREC ("Processo Revolucionário em Curso), e cuxo obxectivo -desde o progresismo- consistía en conducir "Portugal rumo ao socialismo". Un socialismo á soviética, xa que logo? Un socialismo portugués, en todo caso, que fixo posíbel a promulgación da Reforma Agraria; a ocupación de terras improdutivas e/ou abandonadas; o establecemento dun salario mínimo digno; o desmantelamento dos grupos económicos ligados ao deposto salazarismo; a nacionalización das empresas consideradas de interese público no eido da banca, dos seguros, dos transportes, das comunicacións... Toda unha vontade expresa, daquela, de atinxir que a xustiza social fose algo máis que unha simple ilusión e/ou a fosilizada estampa folk dos caraveis asomando sobre as bocachas dos fusís, veu unir a moi diversos grupos organizados, pero tamén, e acaso aí resida a clave, a moitos centos, miles de persoas sen adscrición partidaria no ideal común de habitaren nun país mellor: mellor para eles mesmos e mellor para o conxunto dos portugueses; mellor para os seus fillos e/ou netos.

Mais reparen de novo os lectores nos versos que dan inicio ás presentes liñas: "Mandadores de alta finança/fazem tudo andrar p'ra trás..." Nun tempo no cal Salvador Allende xa fora eliminado e Olof Palme estaba no punto de mira; nin falta fai que lles lembre aquí como concluíu a cousa- Frank Carlucci, embaixador norteamericano en Lisboa e futuro vice-director da CIA, chegou á conclusión de que Mario Soares viña ser "the only game in town". A partir de aí e durante décadas, Partido Socialista e Partido Social-Demócrata gobernaron Portugal, en alternancia; desde logo, xa saben Vdes. ben que deron de si e mais onde foron dar tales gobernanzas na hora presente. Como no seu día escribira Manolo Rivas: "Onde foi parar o megáfono do capitán Salgueiro Maia?"

O pasado 4 de outubro tiveron lugar en Portugal eleccións xerais. A coalición de centro-dereita (formada polo PSD e mais o PP) foi a vencedora dos comicios, obtendo un total de 107 deputados. Sen embargo, a suma dos escanos do Partido Socialista (86), Bloco de Esquerda (19) e CDU (17) dá un total de 122: isto é, suficientes para poderen conformar un goberno que viría ser o primeiro realmente de esquerdas no outro lado do Miño desde 1976.

A inicios de 1975, o portavións norteamericano "Saratoga" foi fondear no río Texo, fronte por fronte do Palacio de Belém (sede da Presidencia da República), no transcurso da operación "Lockend Gate 75" da OTAN/NATO. Desta volta, porén, non foi desde a cuberta dunha nave de guerra, senón desde o despacho principal do propio palacio presidencial de onde xurdiron as advertencias apocalípticas: membro el mesmo do PSD, Aníbal Cavaco Silva alertou/alarmou/bramou contra o perigo de que Portugal se poida ver nas mans de xentes "inconsistentes", "antieuropeístas", as cales darían pé, seica, á "quebra de confiança das instituições internacionais nossas credoras, dos investidores e dos mercados financeiros externos". Desde logo, o presidente Cavaco Silva foi elixido no seu día de forma democrática; tan nitidamente democrática, iso tamén, como viría ser un goberno entre o PS, o BE e a CDU: algo que, polo visto e non obstante, simplemente non pode ser. E é que democracia, si; mais sempre con coca-cola light/zero.

Do 25 de abril ao 25 de outubro. Cando Vdes. estean a ler as presentes liñas, será xa sábado, 31: outono en Galiza e outono, claro é, tamén en Portugal. Tornaranse as castañas, daquela, en vermellos caraveis?

Compartir el artículo

stats