Na súa busca dos cantos de taberna máis populares de Galicia, o programa Traes unha cantiga? chega o próximo mércores (TVG, 22.00 horas) a Melide, onde tres agrupacións presentarán as súas propostas ante o xurado do programa, que escollerá unha delas para que entre a formar parte do listado de éxitos do programa.

O espazo, de Producións Celta, está presentado por Noelia Rey e conta con dous expertos que valoran as pezas musicais interpretadas en cada emisión, a cantante Sheila Patricia e Alfredo Dourado, integrante do grupo A Roda. Canda eles, esta semana sentarase na mesa do xurado o cantor e bailador Mondra, unha das voces con maior proxección da música galega.

O escenario das actuacións desta undécima entrega será a pulpería A Garnacha, sen dúbida unha das polbeiras máis célebres de toda Galicia. Alí, os grupos Herba Grileira, Case os Mellores e Leirabuxo darán exemplo da boa saúde da música tradicional na localidade coruñesa.

A primeira das agrupacións, Herba Grileira, é unha escola de música e baile tradicional que se fundou en Melide ano 2009. Dende aquela foron medrando debido á alta demanda que había e hoxe imparten clases de gaita, acordeón, canto, pandeireta e baile. Fan moitas actividades na rúa, como magostos, galas infantís, cantos de reis, etc., para poder poñer en práctica todo o que aprenden nos ensaios e ademais inculcar aos alumnos a importancia de gozar da música en directo. O seu proxecto máis ambicioso foi a recuperación de diversas cantigas da comarca que aparecen recollidas no libro Terra de Melide, editado polo Seminario de Estudos Galegos no 1933, e coas cantigas recollidas no citado libro editaron o libro Músicas da Terra de Melide. O grupo fórmano 15 compoñentes, con gaita, acordeón, clarinete, saxo, bombo, tamboril e percusión miúda. A cantiga elixida para o programa é a “Xota de Melide”, recollida no libro Terras de Melide.

Formado por alumnos de distintas disciplinas da escola Herba Grileira, Case os Mellores xurdiu en marzo de 2023 cando, participando como público nas foliadas que se celebran en Melide, decidiron formar un grupo para eles tamén participar nas foliadas e nos cantos de taberna. Contan que foi unha arroutada, que se viñeron arriba e decidiron apuntarse no último momento como grupo para ir ao concurso de cantos de taberna. Dende aquela din que naceu unha profunda amizade entre todos os compoñentes e animáronse a ir a outros certames de cantos de taberna noutras vilas. O grupo está integrado por dez homes e mulleres, con pandeiretas, pandeiros, cunchas e piñas. A cantiga coa que participan en Traes unha cantiga? é “Ai Maruxiña”, canción moi interpretada na musica tradicional e nos cantos de taberna polo seu carácter festivo, moi alegre, e cunha letra moi retranqueira.

Tamén de Melide é Leirabuxo, un grupo que se fundou no 2010 por catro amigos que formaban parte de varias formacións que existían por aquela época. Ao longo deste tempo foron pasando moitos músicos po esta agrupación e agora mesmo, dos oito compoñentes, só continúan no grupo dous dos membros fundadores.

O seu nome débese ao buxo, a árbore que da a madeira coa que se fan as gaitas, e defínense como un grupo moi festeiro, no que imperan as ganas de gozar coa música aínda que coidando a calidade do seu repertorio. Teñen gravados dous discos: Pé de ouro, raíces de prata e Minimum, nos que hai temas tradicionais e temas propios.

Actúan con gaita, acordeón, bombo, saxo tenor, saxo barítono, batería, pandeireta, zanfona e clarinete e escolleron para o programa “A Rumboia”, peza moi popular que formou parte dun dos grupos de máis relevancia da música galega: A Quenlla.