Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sés: "O éxito vén de traballar horas no meu estudio"

No seu cuarto disco, titulado "Opoñerse á extinción", Sés atrévese con novas sonoridades e con canción de autor latinoamericana, sen esquecer a súa esencia de rock e blues. "Busco variedade, frescura, vacile e alegría", apunta

María Xosé Silvar-Sés (A Coruña, 1983), cantautora galega.

Defínese como "unha reflexiva moi vitalista" que defende, ante todo, a alegría como actitude. Mañá presenta o seu novo traballo no Auditorio Mar de Vigo. "Nesta cidade teño un público moi fiel e grandes amigos", conta.

-"Opoñerse á extinción" é xa o seu cuarto traballo. Ten a sensación de que todo vai moi rápido?

-Acabo un e empezo outro. Eu son unha traballadora e non creo noutra forma de operar. Non me gusta nada ese rollo dalgúns artistas de ver a vida pasar. Non me identifico con iso.

-Vese máis madura nos escenarios e nas composicións?

-Máis que madura, un pouco máis lista. Levei decepcións e agora son máis precavida.

-Como é o seu día a día?

-Levo a mesma vida dende hai tempo: tocar e traballar moitas horas no estudio de gravación. Iso é o que dá os seus froitos, se falamos de éxitos, vén de aí. Todo o día no estudo e logo chego á casa ás nove da noite e moitas veces inda me poño a editar no computador. A miña vida redúcese: como consumidora, a ler e escoitar, e como facedora a escribir e a cantar.

-Metódica?

-Metódica non, traballadora, diría. Veño dunha familia proletaria, con moitas dificultades porque a vida ás veces non se porta como a un lle gustaría. Pero se hai algo que na miña casa non pode entrar é a lacazanería.

-Neste disco hai de novo blues, rock, incluso unha canción inspirada nas verbenas: "Semente de vencer".

-Si. Temos que estar orgullosos de que Galicia sexa un país de vivir a música en directo en cada festa, en cada torreiro. Nós fomos unha mina de grandísimos músicos e músicas, antes deste fenómeno da frivolización da música e dos directos en todas partes. Aquí, tradicionalmente: dende charangas a bandas de música. É unha explosión cultural. Nun mesmo concello hai catro bandas. Instrumentos nas casas. E, por outro lado, lévase tanto o autoodio, o querer ser, en vez de mirar o que un xa é e tentar facelo bonito.

-Moitos fans identifícana con rock ou blues?

-Son xéneros que me encantan e me divirten. Cando fago un disco necesito divertirme porque ao final traballo un montón. O que busco para a xente é un pouco o que busco para min: variedade, frescura, vacile e un punto moi grande de alegría.

-Hai tamén un tema de amor "pasional".

-Un amor intenso, marabilloso, dos que te marcan. Eu son intensa tamén describindo. Creo que os meus temas son todos sinceros: dende contar as miñas miserias, amores, frustracións, rabias, inxustizas... Todos o vivimos nalgún momento por iso a xente se identifica.

-Preocúpalle que o galego se extinga, de aí o título do disco. Mesmo dixo que cre que non lle quedan máis de 50 anos de vida...

-Como hoxe o coñecemos creo que non. Logo da transición o 80% da xente falaba galego e hoxe menos dun 50%. E entre os nenos, prefiro non sabelo. E unha lingua que non falan os nenos, que son os adultos do futuro, pois estamos mal. Moita xente non se dá conta e cando se percate igual xa é tarde. É un tema moi serio.

-No ámbito laboral, ten máis dificultades por ser muller?

-Si, temos, en xeral. As mulleres poderiamos conseguir moitas cousas máis se renunciásemos a caer ben. Un home que fala con vehemencia é admirado; unha muller que fala con vehemencia é prepotente, sobrada ou arrogante .Teño esa sensación. Asumín que vou caer mal, en moitos contextos.

-Dende que empezou este camiño musical ten fans incondicionais e moito público. Sorpréndelle?

-Pois si. Cando chego a un concerto, antes de saír, ségueme facendo un pouco de graza, en plan sorpresa. Nunca pensara que podería ser así.

-Fixo xira por Europa con traballos anteriores. Ten algún destino previsto?

-Chamáronme por unha cuestión académica para ir dar unha ponencia a Varsovia en setembro, nun congreso de lingüística. É o meu ámbito, no que me movo con máis soltura, no que me formei e o que me gusta, xunto coa música, claro. Aproveitarei para facer concerto.

-É moi reflexiva?

-Moita xente pensa na reflexividade dende unha postura taciturna, pesimista, sombría... Eu son unha reflexiva moi vitalista e últimamente milito no "pantojismo", con riso de malicia. Creo nunha alegría revolucionaria: temos que ser alegres, vitais. O que dá sentido ás nosas vidas é loitar por unha sociedade máis feliz. Hai unha letra de Carlos Puebla que me gusta moito: "Y como cantar es mi oficio, yo canto el esfuerzo duro, de construir el futuro, con alegre sacrificio". Identifícome moito con ela. Temos que obrigarnos todos os días a ler, a escoitar, a estudar. Intentar ser exemplarizantes para os nenos e transmitir que se pode ser limpo, solidario, noble, honesto e moi formado: romper esa idea de que para ser un triunfador hai que ser un raposo.

- Que está a ler nestes momentos?

-"Soneto vivo", de Carlos Edmundo de Ory. Poesía postista. Moi recomendable.

-Ten algún lugar que lle guste especialmente para reflexionar ou para crear?

-Non teño demasiada relación co espazo material. Compuxen temas en coches, en bares... especialmente en tabernas, furgonetas, hoteis... Iso si, cando teño un momento de intensidade creativa, por dicilo así, que me saen as palabras soas, non atendo a nada máis.

-Nocturna?

-[Pensa...] Son moi diurna, pero de noite funciono moi ben. Actívome ao amencer, por exemplo, compuxen moito cando abre o día. Porque fun insomne durante moito tempo, por desgraza. "Unha mañá de setembro", por exemplo, naceu nese momento. Estaba vendo amencer. Nese momento no que a vida comeza outra vez pero segues estando soa.

Compartir el artículo

stats