Naufraxios no primeiro terzo do século XX

O tributo humano de Cangas ao mar (VI)

O historiador lembra una veintena de traxedias por naufraxios ou accidentes no mar na época do franquismo

O bou “Julio Vieira” de Vigo.   | // ARQUIVO DO AUTOR

O bou “Julio Vieira” de Vigo. | // ARQUIVO DO AUTOR / Xerardo Dasairas*

Xerardo Dasairas*

O naufraxio do “Nueva Viví”

Sobre as oito e media da tarde do 13 de febreiro de 1962, afundiría en Punta Subrido o barco sardiñeiro “Nueva Viví” de Cangas ao colisionar con el o bou “Julio Vieira” de Vigo. Este mesmo barco, no que tamén ían tripulantes cangueses, rescataría a dez dos tripulantes que sobreviviran nadando e na chalana auxiliar. A pesar da busca realizada polos gardapescas, acabarían afogados no mar, o patrón Narciso Rodríguez Refojos, o motorista Bernardo Rodal Vidal e os mariñeiros Ángel Martínez, José Soliño Bastos, Rafael Bonet Soliño, Evaristo Vilariño Rodal e Francisco Cordeiro Leiro que deixaron viúvas e fillos. A prensa destacaría a acción heroica de dous mozos supervivintes que conseguiron rescatar coa chalana de a bordo a catro compañeiros.

Nos primeiros días de xaneiro de 1963 dase noticia da desaparición en augas do Gran Sol do mariñeiro Ángel Iglesias Marcos de 54 anos, ao varrelo unha gran onda da cuberta do pesqueiro “Massó 28”. O infortunado mariñeiro deixaría viuva e catro fillos. O 15 de agosto deste ano cando faenaba na costa portuguesa o pesqueiro - baca “Carolina Figueroa” foi arrastrado polo aparello, o mariñeiro de Lubrei (Hio) Serafín Martínez Piñeiro de 23 anos perecendo afogado a pesar dos esforzos dos seus compañeiros.

Na mañá do domingo 19 de abril de 1964 perecería afogado o mariñeiro de Aldán Fermín Vaqueiro de 54 anos cando pescaba. O seu corpo foi rescatado e levado a porto polo barco pesqueiro “Piedra” de Serafín Costas do Hio. Cara a mediados de setembro desaparecería no mar Antonio Pereira Vieites de Darbo cando faenaba no pesqueiro “Urroz” en augas de Canarias.

Bacallaeiros e imaxe de Serafín Canosa, que morreu en accidente no “Mar de los Sargazos”.  | // ARQUIVO DO AUTOR

Motopesqueiro “Quo Vadis”. / Arquivo do autor

En agosto de 1966 falecería de accidente en Peniche M. Martinez Piñeiro de Aldán cando faenaba no pesqueiro “Charme” e poucos días despois M. Martínez Hermelo, tamén de Aldán, quedou atrás (caeu ao mar?) cando faenaba no “Praia de Lapamán”. No ano seguinte, o 6 de xuño, sería o arrastreiro ao bou “Denís “ quen, ao rebentarlle o motor na altura de Sálvora, pagase o seu tributo ao mar, cobrando este as vidas de dez mariñeiros de distintos puntos da Rias Baixas, entre eles o cangués Adelino García Costas de 35 anos e casado.

O 10 de setembro de 1968 tería lugar en Cabo Home, mentres faenaban con mal tempo, o naufraxio da motora “Ángel” con tripulación de Meira da que só se salvaría un dos sete tripulantes. O 7 de maio de 1969 perdeu a vida ao caer ao mar Ángel Vaquero Pardavila, natural do Hío de 54 anos, cando faenaba no barco “Pardavila”entre Ons e a Toxa. O ano 1970 foi funesto para a familia mariñeira canguesa pois o 5 de xuño falecería en accidente, o capitán de pesca Joaquín Mallo Martínez que contaba 38 anos de idade; o 9 de agosto chegan noticias de Ecuador sobre a morte de Jaime Molanes Tievo, mariñeiro de Cangas, solteiro de 22 anos, que traballaba no bacalloeiro vasco “Playa de Bermeo” e o 13 de decembro sería José García Malvido de 38 anos, casado e con dous fillos quen perecese abrasado nun incendio a bordo do barco de pesca “Lequeitio I” matriculado en Pasaia.

Náufragos do “San Martín” acaecido o 25 de agosto de 1977.   | // ARQUIVO DO AUTOR

Bacallaeiros e imaxe de Serafín Canosa, que morreu en accidente no “Mar de los Sargazos”. / Arquivo do autor

As tres da tarde do día 12 de febreiro de 1973, unha gran onda arrebatou da cuberta a catro tripulantes do “Saudade” que pescaba á parella no Gran Sol co “Cristo de la Victoria”, ambos con base en Vigo. Na busca só se pudo rescatar a un xoven mariñeiro de Bueu de 22 anos que faleceu no barco e entre os outros tres desaparecidos no mar figuraban o contramestre Ernesto Vilariño Sotelo de 32 anos, veciño de Cangas, casado e cun fillo e o mariñeiro Luis Iglesias Iglesias, tamén de Cangas, casado e con dous fillos. O terceiro desaparecido tamén era un mozo de Bueu de 16 anos.

O “Marbel” e protesta en Vigo polo naufraxio.  Sobre estas liñas, Entrega de pagas de Vejez del Marino no cine de Cangas, 1927.    | // ARQUIVO DO AUTOR

O “Marbel” e protesta en Vigo polo naufraxio. / Arquivo do autor

Neste mesmo ano e ás catro da madrugada do día 7 de agosto, o petroleiro español “Móstoles” abordaría ao pesqueiro “Harvest del Mar” en augas de África do Sur, perecendo os seus catorce tripulantes, case todos galegos pois estaba participado por Pescanova. Entre os desaparecidos figuraban o engraxador Manuel Villar Castro e o mariñeiro Manuel Villar Sotelo, único cuxo cadáver foi rescatado na primeira busca.

A comezos de maio de 1974, altos cargos de “Casa Mar” desprázanse ao Piñero - Aldán para comunicarlle aos pais de Serafín Canosa Vidal, mozo de 23 anos, o seu falecemento en augas de Terranova. Este mozo partira enrolado o 9 de xaneiro no bacalloeiro “Mar de los Sargazos” (facía parella co Mar de África) e o seu corpo foi trasladado a Saint Pierre et Miquelon para a sua repatriación. Na madrugada do 30 de xullo vai naufragar a sesenta millas de Villa Cisneros no Sahara español, o motopesqueiro conxelador Quo Vadis? perecendo 18 dos seus 22 tripulantes. Entre eles estaban dous de Moaña, un deles o segundo maquinista Jesús Soage Rodríguez, o patrón de pesca de Cangas Evaristo Fandiño Bermúdez de 58 anos, que deixa viuva e duas fillas e o do marmitón Avelino Prieto Freire tamén cangués.

Náufragos do “San Martín” acaecido o 25 de agosto de 1977.

Náufragos do “San Martín” acaecido o 25 de agosto de 1977. / Arquivo do autor

O 26 de agosto deste ano, outro barco da Sea Harvest Co., filial de Pescanova en África do Sur, foi abordado por un mercante liberiano cando recollían as redes ao mediodía. O “Harvest Pluto,” construido en Vigo, andaba á pesca da merluza á parella naquelas augas co Harvest Meteor. Dos seus catroce tripulantes desaparecidos, dez eran galegos e entre eles estaba o mariñeiro José Fernández Barreiro de 40 anos de Outeiro de Balea que deixaba viuva e dous fillos.

Despois de atracar en Cangas o pesqueiro “Pino Ladra”, que viña de Vigo de cargar xeo para sair á palometa, desapareceu sobres ás seis da tarde do mércores día oito de xaneiro de 1975, o mariñeiro Benito Vidal Broullón de 62 anos e veciño de Cimadevila. Dous dias despois, un dos mergulladores que o buscaba atopou o seu corpo perto do dique de abrigo e a causa deste tráxico desenlace foi atribuida a un accidente ou esvaecemento ao baixar do barco en último lugar. Deixa viuva e catro fillos. A finais de marzo pereceu arrastrado por unha onda, o mariñeiro de Darbo, Juan Lemos González, casado de 38 anos, cando se dedicaba a recolleita de percebes en Donón. O seu corpo foi localizado por barcos que andaban na sua busca.

O “San Martín”

Sobre o naufraxio deste barco o 25 de agosto de 1977 non imos estendernos, remitindo aos lectores ao artigo xa publicado (FV 27-8-2017) con motivo de se cumpriren corenta anos deste lutuoso, tráxico e sentido naufraxio no que o mar se cobrou once vidas. Nesta data tamén chegaría noticia desde Santa Cruz de Tenerife da morte en accidente laboral do mariñeiro cangués Manuel Gago Soliño.

O “Marbel”

E damos final a este memorando lutuorio, sempre incompleto, con outro naufraxio de grande magnitude como foi o do “Marbel”, ocorrido o 28 de xaneiro de 1978 ao lle estoupar o motor no medio dun forte temporal e esfarelarse contra os cantís das Cies. Dos seus 36 tripulantes só salvarían nove (catro de Cangas) perecendo os outros 27, cantidade de vítimas que superaba en número ás xa habidas anteriormente na ria e que agora, baixo un sistema democrático, abriría de novo a polémica sobre os obsoletos sistemas de salvamento e seguranza marítimos.

O tributo humano de Cangas ao mar (VI)

O barco “Harvest Pluto” que andaba á merluza en África. / Arquivo do autor

A solidariedade frente á carencia de seguros (V)

Coa creación dos pósitos, os afiliados a estas entidades comezarían a contar cun seguro que contemplaba os casos de morte por accidente, ainda que moi escaso na sua indemnización, e o de afogamento que era o máis frecuente, ainda máis precario. Coa chegada da República crearíase o instituto Social de la Marina pero pouco había de mudar esta situación e mesmo podemos constatar como en 1931, o delegado en Cangas da Caja Regional del Patronato de la Vejez del Marino, José Rodríguez Rivera, seguía entregando libretas anuais de escasa pensión vitalicia (365 pts./ano) a algúns mariñeiros, pensións anuais (25/50 pts.) ou escasos donativos. En maio de 1934 quedou constituida a Mutualidad de Accidentes del Mar y del Trabajo pedindo a mariñeiros e armadores a sua afiliación pois a partir desta ningún barco e tripulantes poderán sair do porto sen acreditar a sua pertenza a unha mutua (podía ser privada) e ter as cuotas ao día. A finais de 1935 denúncianse connivencias e incluso unha trama entre armadores e mutuas, pedindo que se deixe que os mariñeiros escollan onde sanar as suas doenzas.

Entrega de pagas de Vejez del Marino no cine de Cangas, 1927.

Entrega de pagas de Vejez del Marino no cine de Cangas, 1927. / Arquivo do autor

Xa na época franquista, promulgaríase un decreto en setembro de 1943 que contemplaba unhas Normas para la Aplicación del Régimen Especial de Seguros Sociales Obligatorios en las Actividades de la Pesca. Baixo o paraugas do Ministerio de Traballo e cun convenio entre o Instituto Nacional de Previsión e o Instituto Social da Mariña créanse novos subsidios familiares, de vellice, de paro de viuvedade... pero moi complicados de outorgar pois ainda seguían imperando entre armadores e mariñeiros, os chamados convenios ás partes...

Na actualidade e a parte doutras indemnizacións que non teñan solapamento con esta, a Xunta de Galicia, máis recentemente (setembro 2019) tén estimado un subsidio de 3.000 € para a parella da ou do falecido no mar e 1.000 € por cada fillo, afectándolle isto a todos os mariñeiros galegos que naveguen en barcos de calquera bandeira. Os mariñeiros extranxeiros que naveguen en barcos galegos e as/os mariscadores e bateeiros tamén están cubertos polo mesmo subsidio. Nos últimos trinta anos, os operativos de salvamento teñen mellorado moitísimo a respecto das épocas que viñemos relatando, con medios, materiais e sistemas de seguridade, alerta e comunicación. Actualmente, todos os barcos de máis de quince metros deberían estar, en teoría, localizados por satélite mediante o sistema AIS (Automatic Identification System) que permite localizar, identificar e coñecer o rumbo e velocidade das embarcacións conectadas. Mais, contodo, os océanos, mares e rias ainda continúan a cobrarse, sen lugar nen data concretos, o seu tributo inapelable de vítimas humanas... ás cales, desde aquí quixemos render a nosa particular lembranza e homenaxe.

(*) Historiador e mestre de Cangas

Suscríbete para seguir leyendo