Síguenos en redes sociales:

Bueu reivindica o potencial do galego nas redes

Organiza as xornadas “O galego 3.0” e un novidoso certame de TikTok

Bueu reivindica o potencial do galego nas redes

O Concello de Bueu organiza esta fin de semana as xornadas “Bueu e a fala: o galego 3.0” e o certame “Mergullándonos no TikTok”, unha iniciativa coa que se pretede facer unha reflexión sobre o uso da lingua galega nas redes sociais e nos novos medios. A programación incluirá charlas, presentacións de proxectos, unha exposición, varias mesas redondas e como aspecto máis novidoso o primeiro certame “Mergullándonos no TikTok”.

As actividades desenvolveranse no Centro Social do Mar e na sala Amalia Domínguez Búa e o seu obxectivo é reivindicar a potencialidade do galego para crear contidos diversos e variados na rede. As xornadas culminarán o domingo coa gala de premios do certame “Mergullándonos no TikTok”.

Este concurso ten como finalidade aproveitar o crecemento desta rede social entre a mocidade e ofrecer a oportunidade de que as persoas maiores de 18 anos teñan a oportunidade de crear un video de temática libre en galego, para o que deberán etiquetar os seus videos a @Concellodebueu e co cancelo #SeVouATikTok.

Os traballos deben ser presentados antes do venres ás 23.59 horas e o xurado estará composto por tres coñecidas creadoras de contido na rede. Haberá tres premios, que consistirán nun “kit tiktoker”.

A xornada inaugural do venres ábrese con Marcos Maceira, da Mesa pola Normalización Lingüística, que falará do audiovisual galego e da campaña levada a cabo para conseguir que a lingua esté presente nas plataformas de contidos “online”. Ao rematar, haberá unha mesa redonda para presentar tres experiencias exitosas na rede e elaboradas en galego.

A xornada do sábado estará centrada no mundo do videoxogo e contará coa colaboración do Museo do Videoxogo de Cangas (Muvi), o que servirá para afondar no uso do galego nesta industria cultural. Ás 11.00 horas os responsables do Muvi falarán da experiencia do museo cangués, que desde o ano 2020 conta coa consideración de Fundación de Interese Galego, sobre o galego no mundo dos videoxogos e dos máis de 100 títulos dos que dispón. Logo, ás 11.45 horas abrírase na sala Amalia Domínguez Búa unha exposición sobre a historia do videoxogo en galego.

As charlas retómanse ás 12.30 horas para seguir afondando no uso da lingua galega no eido dos videoxogos e participarán Luz Castro, de Videoxogo.gal; Carlos Pereiro, da revista Morcego; Carlos Vieito, da Mesa pola Normalización Lingüística; e Inés Mirás, de Grimorio of Games.

Pola tarde presentarase o videoxogo galego “Avoo”, creado pola empresa Iseltec, e que servirá para abordar a interxeracionalidade desta industria e incluirá un obradoiro no que pequenos e maiores poderán poñer en práctica os beneficios desde videoxogo que explora en galego a cultura e identidade de Galicia.

Toda esta programación forma parte da aposta polas políticas de promoción da lingua galega e contan co apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.

Pulsa para ver más contenido para ti