Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Festival SonRías Baixas Bueu
Tanxugueiras Cantareiras e pandereteiras

“O noso mellor premio é ver como agroma forte e orgulloso o amor pola nosa cultura”

O trío presenta o seu novo disco, “Diluvio”, recén editado

As integrantes de Tanxugueiras durante a rodaxe do videoclip "Seghadoras". ROCIO CIBES

O Festival SonRías Baixas de Bueu chega hoxe a súa xornada final cun cartel no que destaca a revisión da tradición. La M.O.D.A. volta a Bueu para presentar o seu novo disco, “Nuevo cancionero burgalés” [00.20 horas], e o gran plato forte será a presenza de Tanxugeiras, [22.00 horas] co seu novo disco, “Diluvio”, publicado hai apenas unha semana. Para Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aida Tarrío o desta noite non é un concerto máis. Bueu é un espazo fundamental para entender o fenómeno Tanxugueiras. A promotora e produtora do SonRías Baixas é a empresa local Play Plan, que ademais é a axencia de representación de Tanxugueiras. Unha unión que non para da de dar froitos.

–Cales son as sensacións antes de subirse a un escenario como o do Festival SonRías Baixas en Bueu?

Poder levar a música tradicional a un dos grandes festivais galegos é un soño. Estamos ilusionadísimas porque o SonRías Baixas é un dos nosos festivais preferidos, levamos anos asistindo como público. O ano pasado tivemos a sorte de poder cantar con La Pegatina e estar este no cartel... Temos moitísimas ganas do concerto desta noite.

–O certo é que Bueu é un lugar importante na intrahistoria de Tanxugueiras: é a sede da súa axencia de representación e organizadora do propio festival [PlayPlan] e dalgún modo a vila tamén se converteu na súa base de operacións. Vir a Bueu a este festival é case como unha parada obrigatoria para Tanxugueiras despois deste ano tan ‘eurovisivo’?

–Desde o anterior disco dixemos que sería un soño tocar aquí. E nesta Xira estamos a cumprir moitos, moitos soños. Estamos a levar a música tradicional galega a festivais en Madrid, Euskadi ou Cataluña con milleiros de persoas que cantan na nosa lingua. O sábado en Castrelos foi íncrible. Din que había máis de 40.000 persoas. Nós estamos agradecidísimas, porque o que pasou en Vigo, ou o que pasou no Río Babel, ou mesmo no Crüilla ou La Mar de Músicas é unha demostración máis de que en Galicia os grupos que cantamos en galego podemos encher recintos. E coma se tocamos diante de dúas ou tres persoas: hai público, sexan ou non da nosa terra, que quere escoitar música tradicional galega. Cómpre ter moi presente isto e apostar polas bandas que fan música en galego.

–Que lugar ocupan Bueu e Play Plan no actual fenómeno Tanxugueiras?

Vir a Bueu é como vir a casa. Sentímonos moi arroupadas e respectadas. O equipo de PlayPlan acompáñanos neste camiño e estamos moi agradecidas por todo o que estamos a vivir, pois entenderon desde o minuto un o que queriamos facer e dixeron “adiante”. O traballo en común con PlayPlan foi e é fundamental para chegar ata o punto no que estamos. En especial Andrés Lamosa, que para nós é moito máis que un manager... é a cuarta Tanxugueira!

–O concerto de hoxe é dos primeiros despois da publicación de “Diluvio”, do que nos últimos publicaron varios adiantos. Como foi a gravación deste novo álbum?

–O concepto do disco comezouse a xestar 2020, no confinamento. O primeiro single, “Midas”, saiu en febreiro de 2021 e aí xa lanzamos unha mensaxe: ese era un punto de inflexión e marcaría a nova sonoridade. En pleno proceso de gravación pasou o furacán Benidorm Fest e tivemos que adiar a saída. Pero retomamos enseguida. E neste proceso acompañámonos de Iago Pico, de Pouland Studios. Iago entendeu desde o principio o que buscabamos. Foi super fácil e sinxelo traballar e conectar con el. Nós tiñamos o tema na cabeza e Iago, máis que buscar harmonías, axudounos a atopar a atmósfera concreta. Foi unha marabilla poder traballar nestes últimos meses e por iso quixemos que tanto el coma Isaac Palacín participasen nesta Xira Midas.

–Despois de toda a repercusión e expectación destes últimos meses, notaron a presión das expectativas a cumprir ou das miradas pendentes sobre vostedes?

Somos conscientes, en parte do que estamos a vivir. Pero imos tan rápido, vivimos tantas cousas emocionantes... Aínda así estamos moi centradas e temos claro o noso papel sobre o escenario, preparación dos concertos, e con espazos e tempos para nós e a nosa xente. Queremos seguir sendo nós. Iso é así. Sabemos que agora mesmo temos un altofalante moi potente, que moitas nenas e nenos seguen o que facemos, e obviamente queremos empregalo para levar polo mundo adiante o orgullo pola nosa cultura e para reivindicar a diversidade ou o apoderamento.

–Cando aínda non tiñan portada e título para o disco tiveron a divertida iniciativa de crear a Plataforma de Afectadxs Polo Novo Álbum de Tanxugueiras. Puideron comprobar se as Tanxugueiras son un valor máis seguro que as criptomoedas?

–A Plataforma foi unha chiscadela para todas esas persoas que nos apoiaron ao longo de todos estes meses e que tiñan ganas de máis. Nós, sen o noso público, e sen todas as persoas que reivindicaron a música galega antes ca nós, non seriamos ninguén. E esta Plataforma foi unha forma de dicir “estamos a piques de, dádenos unhas semaniñas e será voso; en nadiña saberedes en que levamos traballando este ano e medio”. Desde que comezamos a sacar os sinxelos, cos seus vídeos, falabamos, polo miúdo, cuestións como envexa, ira ou avaricia. Pero agora por fin, coa chegada do “Diluvio”, todo cobra sentido e desexamos que todo o público goce tanto coma nós deste traballo.

–O fenómeno Tanxugueiras e a súa presenza BenidormFest serviu para relanzar o interese pola música tradicional galega e polo instrumento da pandeireta. Pensan que esa revitalización pola nosa música e cultura é realmente máis importante incluso que o feito de ter participado ou non en Eurovisión?

Nós montamos Tanxugueiras sen ningunha pretensión alén de gozar das foliadas. Mais co paso do tempo, e coa profesionalización do grupo, soñabamos con poder levar a nosa cultura a todos os escenarios. Todo o que se xerou a raíz de BenidormFest, ese sentimento de orgullo de país, de ver a tantísimas nenas e nenos orgullosos, cantando en galego, aprendendo novos instrumentos... Ese é o mellor premio que se pode levar: ver como o amor pola nosa tradición agroma forte e orgulloso.

–Terse quedado ás portas de Eurovisión, coa canción con máis apoio popular, foi unha decepción para vostedes? Ata onde cren que podería ter chegado “Terra” no festival?

–Sempre dicimos que para nós o maior premio foi ver como esta canción uniu tantísimo a todos os niveis e, sobre todo, ao noso territorio. Parecía que por unha vez en Galicia estabamos dacordo co mesmo punto! Non pode nin debe ser decepcionante ver a centos e milleiros de nenas e nenos felices cantando en galego, a centos e miles de persoas de toda a península cantando en galego. Ese é o maior premio que pode levar calquera artista.

–Supoño que a estas alturas podemos falar dunhas Tanxugueiras “antes de Eurovisión” e dunhas Tanxugueiras “despois de Eurovisión”. Que é o que máis valoran de toda a experiencia e repercusión mediática destes meses?

Somos as persoas de sempre: Aida, Olaia e Sabela. Dentro e fóra dos concertos. O que máis feliz nos fai nesta vida –sempre foi así e contamos que así sexa– é poder subir a un escenario e este ano temos a oportunidade de gozar de 80 concertos. Mudou a exposición, a repercusión. Pero o proxecto Tanxugueiras non se desviou nen un ápice do que é.

–Entendo que tamén houbo algunhas cousas negativas. Creo que unha de vostedes tivo que cancelar temporalmente as súas redes sociais.

Cremos na conversa, no diálogo, no debate desde o respecto. Non estamos a favor dos discursos de odio, nin no mundo das redes sociais nin na vida cotiá. Logo hai quen ten outra serie de necesidades, si. Pero aí non nos imos atopar.

–Cales son os seus plans para o futuro inmediato? Creo que os próximos meses son claves para o seu lanzamento internacional e que había cousas preparadas para ir a Estados Unidos ou Canadá?

–Imos día a día, paseniño, cos pés na terra. Agora mesmo estamos inmersas na Xira Midas, de presentación do noso novo disco, e é unha xira moi intensa, con 80 concertos entre o 26 de marzo e finais de novembro. De momento estamos centradas nisto, en poder chegar nen a cada concerto e que o público goce de cada un dos nosos espectáculos.

–Habitualmente hai unha frase con evidente connotación negativa, esa de ser “un país de pandeireta”. Cren que o seu recente éxito é unha demostración de que non é tan malo ser un país de pandeireta?

Quizais é un bo momento para deixar de lado unha expresión cunha clara connotación negativa cara a un instrumento fermosísimo, tocado na meirande parte por mulleres e que sempre acompañou a festa e a diversión, os momentos de encontro e que sen el a nosa tradición non sería tal. Oxalá sexa un país de moita pandeireta, e con moitas pandeireteiras, por sempre!

Compartir el artículo

stats