Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

O poderío feminino e feminista das Tanxugueiras triunfa na Mostra

O grupo fixo un alto na súa xira “Midas” para recoller o Premio Mulleres en Acción | A organización destaca o seu compromiso

A Mostra de Teatro entregou onte o Premio Mulleres en Acción a Tanxugueiras, que recolleron as irmáns Olaia e Sabela Maneiro. GONZALO NUÑEZ

A xornada de onte era unha das máis agardadas na Mostra de Teatro de Cangas deste ano. Ao escenario do Auditorio Xosé Manuel Pazos subiron as Tanxugueiras, aínda que nesta ocasión non era para un concerto. Viñan a recibir un merecido homenaxe e a recoller o Premio Mulleres en Acción que entrega a organización da mostra teatral canguesa. Non puideron estar as tres integrantes do trío e as encargadas de recoller o galardón foron as irmáns Sabela e Olaia Maneiro.

O seu foi un discurso de agradecemento “por un recoñecemento tan especial nunha das mostras senlleiras das artes escénicas en Galicia”, tal como manifestaban previamente. Un premio que é aínda máis especial porque chega desde a comarca do Morrazo, á que se sinten tan vencelladas. “A nosa axencia de representación é de Bueu [Play Plan] e O Morrazo é nosa segunda casa”, aseguraban.

As integrantes de Tanxugueiras saúdan tras recoller o seu premio na Mostra de Teatro de Cangas. GONZALO NUÑEZ

O grupo fixo un alto na súa xira de concertos “Midas” para acudir a Cangas a recoller un galardón que destaca o “impacto social da súa música e o seu discurso, abertamente feminista” e que as considera como un “referente musical de mulleres feministas e empoderadas”. Verdadeiras “mulleres en acción”, tal como reza o nome do premio instaurado pola Mostra de Teatro de Cangas e que antes xa recolleron Sés, Margarita Ledo, Mabel Lozano ou Antía Cal.

Tanxugueiras aproveitaron para facer fincapé nesa mensaxe feminista e reivindicaron que “desde a irmandade e a sororidade seremos quen de ser máis fortes e máis libres”.

O guión de onte non contemplaba un concerto no Auditorio de Cangas. Pero non pasa nada. O vindeiro 15 de xullo estarán en Marín na Gala Xacobeas e o 6 de agosto, xa co seu novo disco recén publicado, estarán no Festival SonRías Baixas de Bueu.

Compartir el artículo

stats