Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Tanxugueiras Premio Mulleres en Acción da Mostra de Teatro de Cangas

“Non fixemos nada diferente a centos de mulleres, a nosa innovación vén do apoderamento”

Hoxe estarán no Auditorio de Cangas para recoller o galardón

As integrantes de Tanxugueiras, con dous dos seus músicos, ao final dun concerto da súa xira no Auditorio Mar de Vigo. Trece Amarillo

A Mostra de Teatro de Cangas recibe hoxe a Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro. Elas son Tanxugueiras, que van recibir hoxe o Premio Mulleres en Acción. Será ás 22.30 horas no Auditorio de Cangas, xusto antes do VI Torneo de Dramaturxia de Galicia. Previamente, ás 20.30 horas, haberá un novo espectáculo de rúa con Poi, que presenta “D’es Tro”, a historia dun home rural atrapado desde a infancia polo efecto xiroscópico da súa buxaina. Antes de subirse ao escenario, Tanxugueiras fala das súas sensacións antes de recoller o Premio Mulleres en Acción.

–Que supón para vostedes este recoñecemento tan especial da Mostra de Teatro de Cangas, co que pasan a acompañar a persoeiras como Margarita Ledo, Mabel Lozano, Sés ou a recentemente finada Antía Cal?

–Estamos moi agradecidas por un recoñecemento tan especial nunha das mostras senlleiras das artes escénicas en Galicia; e máis sendo de Cangas. Temos un vínculo moi especial co Morrazo, é a nosa segunda casa. De feito a nosa axencia, PlayPlan, é de Bueu.

–Teñen pensada algunha cousa especial para o acto de entrega desta noite no Auditorio de Cangas?

–O certo é que estamos no medio da xira "Midas" e vimos de doce días seguidos fóra da casa con concertos e o mércores arrancamos de novo; oxalá noutra ocasión poder pasar máis tempo aquí. Pero volveremos por Bueu o 6 de agosto ao SonRías Baixas para presentar o noso novo disco, "Diluvio".

–Música e teatro son artes diferentes, pero vencelladas pola escena. Ao final un concerto ten moito de teatro e de posta en escena. Que significa para vostedes o outorgamento deste premio no marco dunha Mostra de Teatro?

–Compartimos esa catarse que é subir a un escenario e gozar do público. Son disciplinas artísticas diferentes mais temos forte vínculo común. Gústanos moito o teatro e ademais esta noite estará unha boa amiga nosa, Esther F. Carrodeguas, compartindo táboas. Non se pode pedir máis na vida!

–A organización da Mostra destaca o impacto social da súa música e do seu discurso abertamente feminista, que sirve para poñer en valor e recoñecer ás cantareiras e pandereteiras da música tradicional galega. É un premio compartido ou adicado a esas mulleres que alzaron as súas voces e empuñaron as pandeiretas antes que vostedes?

–Nós sempre dicimos que se hoxe estamos diante de milleiros de persoas é por toda a xente que sementou antes ca nós. Falamos de Mercedes Peón, de Guadi Galego, de Berroguëto ou Leilía, mais tamén de todas esas mulleres que mantiveron viva a nosa tradición. Témolas sempre presentes tanto neste premio coma en todo o que facemos.

–Son capaces de destacar ou nomear a algunhas das mulleres que para vostedes foron un referente á hora de iniciarse na música tradicional?

–Vivimos a tradición desde as nosas asociacións e na nosa casa. Somos ben afortunadas. Pero se tiveramos que citar referentes musicais, citaríamos a Mercedes Peón e Leilía, especialmente Mercedes. Para nós é a máxima referencia, tanto na nosa infancia como na actualidade.

–Pódese dicir que veñen de axudar a abrir, a golpe de pandeireta e con aturuxos, o camiño para o recoñecemento da muller dentro da música e o canto tradicional galego. Que máis fai falla para seguir avanzando nese camiño, que non debería ter volta atrás?

–Somos un elo máis dunha cadea de mulleres que loitaron por poñer a Muller no centro. O que fai falla é que isto non sexa só na música, senón en todos os ámbitos da vida. Que as mulleres sexamos máis apoderadas tanto dentro coma fóra dos escenarios, na vida social, no traballo, en todos os campos.

–Agora mesmo vostedes mesmas son vistas como un exemplo e como un referente, tanto dentro da música tradicional como polo seu compromiso. Asumen con naturalidade e orgullo esa responsabilidade ou temen as posibles expectativas?

–Estamos moi orgullosas de ver como a rapazada goza, cada día máis, da súa lingua e da súa música. E estaremos encantadas de poder achegar o noso gran de area para que non deixe de agromar esta vaga de orgullo polo noso.

–O que está claro é que desde hai tempo están demostrando que non hai fronteiras para a música tradicional, que é compatible con outras propostas e sons innovadores.

–Claro! Nós non descubrimos a pólvora nin fixemos nada diferente a centos de mulleres. Simplemente o que facemos é crear a nosa propia música a partir do que levamos bebendo toda a vida, que é a tradición, e conxugamos coas sonoridades e músicas do momento no que vivimos. Sen medos, sen corpiños. Deixámonos levar. E esa innovación non vén doutro sitio que non sexa o apoderamento. E iso é o que queremos para todas as mulleres, sexan músicas ou non.

–Que mensaxe lles gustaría transmitir aproveitando a entrega deste Premio Mulleres en Acción da Mostra de Teatro de Cangas?

–Que as mulleres somos as donas da nosa vida. Que debemos confiar en nós mesmas e na rede de mulleres que hai ao noso redor. Desde a irmandade, desde a sororidade, seremos quen de ser máis fortes, máis libres. Máis nós.

Compartir el artículo

stats