Alexandre Sánchez "Xandre". / Xiana Quintas

Este venres 8 de xullo comeza no Parque de Samertolaméu de Moaña o Varadero Fest, a partir das 21.00 horas. Durante dúas xornadas polo escenario pasará música de vangarda e urbana de artistas como Sebastian Black, Mwëslee, Skydrvg ou Drea. É a terceira edición dun evento do que o promotor e Dj Alexandre Sánchez, Xandre, é o principal responsable na organización e na idea inicial.

-O Festival Varadero leva tres edicións e aposta por música urbana. Como de amplio é o seu concepto de música urbana?

A proposta musical de Varadero, engloba a cultura hiphop e todos os estilos que orbitan ao seu arredor, reggaeton, afrobeat, trap, dancehall, uk garage, jersey club, house ou electrónica experimental son os estilos que soaron en anteriores edicións. A etiqueta de música urbana utilízase a nivel popular para denominar a un novo estilo de música pop que aparentemente rompe co pop das xeracións anteriores, sin embargo, as obras dos artistas e grupos, así como a maleta de música dos djs que participan do festival creo que vai un paso máis alá. A proposta de Varadero non ten moita semellanza con outras que se fan baixo a etiqueta de música urbana.

Público en la pasada edición. / Xiana Quintas

 -Cal é o espírito do festival a cara a onde o queren enfocar nos vindeiros anos?

Persoalmente Varadero para min ten unha connotación moi especial, eu son de Moaña, e traballei durante 10 anos na pesca de cerco en distintas embarcacións do porto de Meira, onde se desenrola a actividade do festival. Para min é un espazo cunha historia e narrativa incribles, non só polo que significa para min, senón por ter sido un eslabón clave no desenrolo da actividade pesqueira na segunda metade do século XX. Creo que moita desa historia merece darse a coñecer, e gustaríame facer unha posta en valor, sobre todo agora que inda queda fío do que tirar, e moitas persoas que viviron aquel momento inda viven para contalo. Conceptualmente, Varadero é un proxecto que nace da necesidade abastecer unha demanda cultural para un público multixeneracional, que non acostuma topar propostas deste tipo ao seu alcance, nun entorno natural máxico, cunha programación cuidada e sobre todo, vendo que somos xente cercana a eles os que creamos e traballamos nisto, creo que visibilizar a profesionalización da xente nova no sector é moi importante. Teño a grandísima sorte de ter ao meu arredor a grandes profesionais, que co tempo se convertiron na miña familia, que son Paco e Xiana, e grazas ao seu traballo e apoio tanto desde o plano persoal como profesional, fumos capaces de sacar adiante o proxecto nestes 2 anos, celebrando 4 eventos que superaron con creces calquera das nosas espectativas. Eles, xunto con Andrés Hermelo, son os que conseguen trasladar a esencia do festival con material gráfico, foto e vídeo para que o público que non nos coñece, e que non coñece Moaña, o vexa a través do seu teléfono e digan "qué guapo isto, quero ir". A vista ao futuro de Varadero so é seguir traballando, crecer pouquiño a pouco, para que a evolución do proxecto sexa orgánica e sostible. Quero que sexa un evento que aúne música, artes visuais, danza e natureza.

-Este ano pode celebrarse sen restriccións. Son optimistas en canto á resposta do público?

Ter nacido en 2020, con todos os problemas de mobilidade que había naqueles momentos, os protocolos de acceso e controis de aforo que nos agotaban psicolóxicamente a profesionais e público, creo que xerou unha comunidade arredor do festival que viu en Varadero un buraco polo que respirar no momento de maior asfixia, e ese vínculo, se seguimos traballando nesta dirección, creo que só pode ser cada vez máis grande. Este ano houbo moitísima xente escribíndonos en redes, compartindo e comentando, o que nos fai entender que despois de tantas ataduras, este ano por fin poderemos disfrutar de Varadero no seu maior esplendor ata o momento.

-Que pode contar da variedade de estilos e artistas desta edición?

 A programación deste ano é plural, ampla, ecléctica, e por cada unha das caras do prisma asoman grandes referentes. Como guinda, o venres farán a apertura do festival as agrupacións que formou a Escola de Música Municipal de Moaña, xuntando músicos profesionais e alumnos. 50 rapaces que en formato banda farán versións instrumentais de temas míticos como "Goosebumps" de Travis Scott ou "Industry baby" de Lil Nas X. O grupo de danza Boombox, formado polos bailaríns Yara Juncal e Kevin Juncal, realizarán unha actuación combinando distintas pezas coreográficas de creación propia. Un cartaz composto por un 70% de artistas galegos, onde tamén topamos a Mweslee, lexendario produtor e dj vigués, referente da electrónica de vangarda a nivel estatal. Andrae Durden, cantante e produtora galega afincada en Valencia, coa súa música que combina soul e jazz cos ritmos rompedores do 2step. Drea, unha das disc jockeys máis solicitada en todos os clubes, que romperá a pista con estilos como baile funk, house, amapiano e sons africanos. Von Di, unha das caras máis novas na escena club de Portugal, que pasará por Moaña no medio do seu tour por Europa. DL Blando, cantante coruñés referente do trap emocional, que tras un tempo de parón ven ofrecendo novos sons cercanos ao pop dos anos 80, indie e rock. Eu mesmo, Sebastian Black farei a apertura do escenario na xornada do venres, teño un set preparado moi especial para facer a transición entre a banda e o concerto de DL Blando. Por último, como cabeza de cartel, o grupo Skydrvg, composto polo produtor e dj Skyhook, que xa colecciona varios discos de platino, e o cantante Pedro Ladroga, referente dunha xeneración, que mistura hiphop, trap e vaporwave cun estilo xenuíno e único. 

-É difícil organizar un evento de estilos de vangarda, aos que o grande público igual non está afeito?

Non podería responderche con sí ou non a isto. No caso de Varadero a clave é coidar todos os detalles ao máximo, facer unha boa presentación que empodere o proxecto e unha boa promo... en definitiva, ser profesionais. De cara ao público, tamén axuda que tanto eu como todo o meu equipo pertencemos e participamos da escena emerxente, e iso fai que este proxecto gañe crédito, a xente empatice e teña ganas de vir. Creo que a proba foi cando celebramos Varadero A/V e enchemos a sala Celso Parada do Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña cun concerto de BFlecha, e unha sesión de Yugen Kala, dándolle espazo a estas propostas locais, arriscadas e ao marxen de calquera circuito de programación cultural común. Lembro ver moitas caras de asombro ao comezo, que ao remate eran de satisfacción. Nos meus ouvidos inda resoan os fortes aplausos ao finalizar o evento. A verdade é que poder ofrecerlle espazo a estes artistas fai que o traballo mereza a pena.

Como ves agora a escena trap? Chegou ao seu cénit ou todavía pode medrar máis en canto a popularidade?

O sonido e códigos do trap, tras popularizarse en España alá polo 2012, xa se topan na música que compón as listas de top 50 de calquera plataforma de streaming. Estamos nun momento no que as tribus urbanas, e os estilos se misturan continuamente entre sí, polo que creo que hoxe, 10 anos despois daquel momento e de que toda a industria puxese o ollo nese novo movemento, esa escena está diluida no envase que leva como etiqueta "música urbana".