Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un túnel para gozar dos viños “que falan de nós”

Leticia Santos, Victoria Portas e Félix Juncal brindan con viños da IXP Ribeiras do Morrazo. | // GDR Leticia Santos

A sede do GDR Pontevedra-Morrazo vén de estrear o primeiro túnel do viño dedicado ás indicacións xeográficas protexidas galegas, entre as que está Ribeiras do Morrazo. Os concellos integrados neste selo, entre eles Bueu, Cangas e Moaña, comprométense a súa promoción e divulgación.

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo vén de inaugurar o primeiro “túnel do viño” de Galicia dedicado aos caldos que contan con selo dunha indicación xeográfica. Un túnel do viño é un espazo para a mostra e difusión, que inclué un apartado expositivo no que se describe o contexto cultural e xeográfico das catro IXP que existen nestes momentos en Galicia: Val do Miño-Ourense, Terra de Barbanza e Iria, Terra de Betanzos e a propia Ribeiras do Morrazo.

4

Inauguración do túnel de viño da IXP Ribeiras do Morrazo

A estrea deste lugar foi esta fin de semana na sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo, sita en Mourente, e contou cun cento de participantes, entre os que estaban as alcaldías da comarca: María Ramallo, de Marín, que foi a encargada de ler unha declaración institucional; Victoria Portas, de Cangas; Leticia Santos, de Moaña; e Félix Juncal, de Bueu. A presentación en sociedade do primeiro túnel do viño das IXP galegas incluíu unha serie de catas comentadas e que estaban dirixidas a diferentes sectores: hostalería, prescritores e público xeral. Unha cata para que ese máis de cento de participantes puidesen coñecer de primeira man as propiedades e características duns viños que “falan de nós”, como suliñan desde o GDR Pontevedra-O Morrazo. O seu presidente, que é o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reivindicou na súa intervención a necesidade de selos como as IXP para “poder seguir ampliando as áreas de cultivo e conservar viñedos ancestrais”.

A inauguración incluíu unha cata dos viños das IXP. | // GDR

Pola súa banda, a alcaldesa de Marín falou en nome dos rexedores das vilas que se integran na IXP Ribeiras do Morrazo, que se comprometen a “contribuír á promoción e posta en valor destes viños”, un respaldo que se terá que facer efectivo “apoiando as adegas, facilitando a participación en eventos públicos”, amais de empregar estes viños nos actos celebrados por estas institucións e fomentando un “consumo responsable e saudable”. Na indicación xeográfica protexida inclúense tamén Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa e esta marca supón “unha importante ferramenta para o desenvolvemento rural”.

As prazas ofertadas para a apertura deste primeiro túnel do viño esgotáronse e entre os presentes para esta posta de largo estaba tamén o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos Corral, quen defendeu a importancia da “compoñente diferencial e de calidade” para favorecer a comercialización dos viños de Galicia. “Isto é unha oportunidade para introducirse nun mercado no que os consumidores valoran cada vez máis a variedade e a singularidade dos produtos”, insistiu á súa vez o presidente do GDR Pontevedra-Morrazo.

A estrea deste túnel do viño das IXP galegas contou amais co apoio de máis institucións e entidades, como a Deputación de Pontevedra, Asociación de GDR’s de Galicia, servizo de Industrias Agroalimentarias da Xunta, así como outros concellos e adegas colaboradoras de toda Galicia.

Compartir el artículo

stats