Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alicerces dos deportes náuticos en Cangas (IV)

A finais do 1978, un grupo de rapaces vai poñer os orixes do exitoso Club de Mar Ría de Aldán

As traiñas de seis remos, os esquifes e as yolas de banco móbil predominaban nas regatas dos clubes náuticos

O historiador Xerardo Dasairas pecha neste capítulo a súa colaboración sobre as orixes dos deportes náuticos en Cangas coincidindo cos Xogos Olímpicos de Tokio, clausurados o pasado domingo. Narra unha etapa na que os deportes de mar que se practicaban en Cangas estaban baixo o control das Juventudes de Falange pero con escasa actividade, xa que esta organización vai favorecer entre o mocerío outros deportes como o balonmán, o baloncesto, o voleibol e o fútbol infantil e xuvenil, idades propicias ao proselitismo.Coa chegada da democracia van ser os clubes de Aldán e Cangas quen promovan os deportes náuticos.

A partir de xaneiro do 1952 e desproveído xa da razón deportiva que marcara o seu rumbo anteriormente, o Rodeiramar pasa a ser un club social onde se reuniría unha boa parte das elites canguesas, aditas ao Régimen, que procuran un local máis axeitado aos seus intereses. Xa que logo, hai un incremento de socios e a tal fin procurarían un local máis amplo, alugando en Montero Rios a casa de Filomena Camiña, dotándoa de novas mesas de ping-pong, un billar, un bar, xogos de salón e máis adiante televisión. Como expoñente desta actividade “deportiva”, ademáis de colaboraren na celebración do 18 de xullo, durante as Festas do Cristo organizan unhas “Competiciones sociales” de botes de catro remos e concursos de natación entre Ojea e o Molle do Comercio. Contodo, sería a práctica do ping-pong quen lle dese ao socio e camarada, Luis Barrio Pérez, o título de campión provincial que ademáis sería nomeado en novembro do 1952, non sabemos se por isto, xefe do Auxilio Social de Cangas. A parte destas actividades náuticas de baixa intensidade, o Rodeiramar destacaría polos campeonatos de tenis na cancha de Cervera na Pedra Alta, os bailes de disfraces con gramófono, as ceas-baile con orquestra nos xardíns de Jalda, as excursións ás Cíes no balandro de Botina...

As traiñas de seis remos.

Durante as Festas do Cristo de 1953, o Club colabora coa comisión de festas e volve celebrar nos primeiros días de setembro, as II Competiciones sociales, convidando a estas ao Club Náutico de Vigo. Nas probas celebradas houbo máis presenza feminina que masculina e ao final das competicións os vigueses regaláronlle un trofeo aos de Cangas como proba de colaboración entre os dous entes náuticos. Esta sería a tónica deportiva nestes anos, e o club acabaría priorizando os eventos sociais como os bailes de Entroido (Festival de Primavera) e de verán. As actividades deportivas a penas tiñan peso na programación do Club, sendo extraordinario que o 17 e o18 de agosto de 1958, baixo a presidencia de Antonio Cordeiro, o Rodeiramar acudise a Vilagarcía a uns campionatos de natación para infantís e xuvenís. Nos anos seguintes, os deportes náuticos irán desaparecendo e nas Festas do Cristo de 1956 xa a penas se celebra unha regata de gamelas promovida por Educación y Descanso da Falange.

Piragüismo Festas Cristo 1977. | // ARQUIVO DO AUTOR

En xuño de 1960 e grazas á desinteresada contribución dun socio, procédese a un repintado das paredes do local “para recibir a la colonia veraniega que llena nuestras playas y acude a nuestras fiestas”. Temos que remontarno aos días 23 de setembro e 23 de outubro do ano 1962, datas nas que o Rodeiramar vai enviar algúns nadadores aos Campeonatos Regionales de Natación que se celebran na Toxa, alcanzando só un 5º posto global en xuvenís, de entre sete clubs participantes. Desde 1965, a Falange local vai organizar as actividades deportivas das Festas do Cristo baixo o epígrafe de Olimpiadas de la Juventud nas que se inclúen diversos deportes pero ningún deles náutico. En agosto de 1966, os salóns do club van acoller como algo alleo á náutica, unha conferencia sobre montañismo, unha actuación da Coral do Porriño e outra do grupo de bailes da Sección Femenina de Vigo. Este mesmo ano volve enviar nadadores no mes de setembro para participaren nos Campeonatos Galegos de Natación, grupo de infantís e xuvenís, que tiñan lugar na piscina da Escola Naval de Marín sen obter ningún resultado reseñable entre a ducia de clubes galegos participantes, gañando o Náutico de Vigo na maioría das probas. Era o segundo ano desta competición e facíase en Marín porque contaba coa única piscina de Galicia, estando a punto de rematarse as dos clubes náuticos de Vigo e da Coruña. En febreiro do 1968, o club Rodeiramar xa comeza a dar síntomas de esgotamento e a directiva propón a sua disolución que rematarían co seu peche definitivo no ano 1971, ofrecendo unha parte do seu mobiliario para un club de xubilados que pretendía montar a Confraría de Pescadores San José.

Competicións

Xa desde 1969, o piragüismo tentaba volver a implantarse en Cangas e o Club de piragüismo da OJE, presidido polo 2º tenente alcalde Román Núñez Fontán, xa envía en xullo deste ano algúns piragüistas infantís e xuvenís a competir no Lérez nas festas de San Benito. Dous anos despois e co fin de promover este deporte, o club da OJE de Cangas vai organizar o 27 de xuño na dársena de pesca o I Campeonato Provincial, patrocinado polo Concello. A este evento concorren clubes federados da provincia que compiten nas especialidades de K-1 e K-2 en categorías Senior, Junior, Infantís e Féminas. Un mes despois, tamén se vai celebrar unha competición en Moaña con motivo do I Trofeo das Festas do Carme onde os piragüistas de Cangas, Benito e Camiña, conseguen o primeiro posto.

Snipe e Benigno Cuevas cos trofeos gañados. Arquivo do autor

A gran damnificada deste longo periodo foi a natación pois as competicións, se obviamos algunhas travesías especiais na Ria, xa tiña acobillo nas piscinas que só os grandes clubes posuían. Contodo, ainda que dun xeito lúdico, nas Festas do Cristo do 1975 volve a haber unhas probas de natación na dársena. Durante estes anos, as grandes probas de piragüismo trasladáranse aos ríos e embalses, destacando en Ourense o Descenso del Miño. En xullo de 1977, reaparece o piragüismo de mar no Morrazo ao se programaren en Bueu, con motivo das festas, unhas probas entre clubes daquela ría, promovida polo Club Náutico local. Neste mesmo mes, o Alondras C. F. dirixido por Antonio Velloso vai inaugurar o pavillón deportivo, adscribindo ao mesmo diferentes seccións deportivas (balonmán, voleibol...) entre elas o piragüismo coa adquisición de catro piraguas, duas de K-1 e duas de K-2, organizando nas Festas do Cristo deste ano competicións de fútbol, balonmán, voleibol e piragüismo. Contodo, a participación dos piragüistas cangueses vai ser esporádica, participando de cando en vez nalgunhas probas de infantís ou xuvenís na provincia. Unha destas vai ter lugar no ano 1978 ao acudiren á I Volta á Illa de Tambo que comezaba e remataba en Marín á que concorrían destacados clubes e piragüistas, sendo discreto o papel dos cangueses.

Competicións Festas do Cristo de 1953

Neste mesmo ano, a Federación de Piragüismo provincial vai organizar unha Semana Internacional de Piragüismo, celebrándose catro probas en distintos lugares e días. Nesta ocasión, o Alondras, que celebraba o cincuentenario do club, vai promover o día 18 de agosto o IV Cruce de la Ría, recuperando á orde daquelas tres Travesías da época republicana pero incrementando o percorrido a Cangas - Vigo - Cangas. A esta proba, con categorías infantís, cadetes, xuvenís, seniors e damas en especialidades de K-1 e K-2, concorreron piragüistas galegos de Lugo, Vilagarcía, Catoira... que alcanzaron algúns premios pero tamén había competidores de Asturias, Sevilla, Madrid, Euskadi, Portugal... e incluso de Irlanda. Os clubs asturianos de Candás e Pravia foron os máis galardoados, seguidos do Universitario do Porto, os irlandeses ou Aranjuez e Sevilla que proviñan do piragüismo “de augas mortas” como se dicía desta. Esta proba sería a última que celebrase un club cangués e na promoción deste deporte vai xurdir en Aldán, a finais deste ano 1978, un grupo de xóvenes amadores deste deporte, entre eles Modesto Valladares, Pablo Vaqueiro, José Manuel González, Luis A. Valladares e Ramón Marcelino que van poñer os alicerces do futuro e máis tarde exitoso Club de Mar Ría de Aldán.

Marcelino Iglesias, fundador del Club Mar Ría de Aldán.

Marcelino Iglesias, fundador del Club Mar Ría de Aldán. Arquivo do autor

Estes rapaces estiveron apadriñados desde o principio polo industrial local Manuel Marcelino Iglesias que lle vai mercar por sesenta mil pts. as catro piragüas (duas K-1 e duas K-2) do Alondras e no ano seguinte xa participan en competicións provinciais a pesar da escaseza de medios. Tres anos despois, o número piragüas e practicantes xa era numeroso e ante a ausencia do patrocinador por falecemento, vaise constituir oficialmente o Club de Mar Ria de Aldán dotándoo de directiva e estatutos.

Directivas do Club Rodeiramar.

Directivas do Club Rodeiramar. Arquivo do autor

Como Cangas quedara orfa de deportes náuticos, a finais do 1982 inícianse os movementos e xestións de cara a constitución dun novo club que se consolidarían no ano seguinte co nacemento do Club Náutico Rodeira que, ainda que focalizado no mundo da vela, tamén conta con seccións de piragüismo, canoismo ou kayak-polo. Ainda que menos aireados, os logros deportivos deste club tamén son constantes, destacando os éxitos de David Barreiro e de moitos outros deportistas que participan nas ligas e competicións de kayak, kayak-polo ou piragüismo, amén da participación nas regatas de vela en Optimist, 420, Vaurien, cruceiros..., contando hoxe cunha nova sección de windsurf. Os éxitos do Club de Aldán no deporte do remo xa son máis coñecidos, ao alcanzaren os seus deportistas a categoría olímpica con David Cal, Teresa Portela, Rodrigo Germade, Carlos Pérez... e que agora teñen continuidade cos éxitos de Pablo Graña.

Travesía Vigo-Salgueirón

No apartado de vela e salvo a intervención esporádica dalgún daqueles chamados “balandros de carga” nas competicións de Vigo, esta modalidade de náutica non tería moito predicamento en Cangas pois os barcos só se concebían para pescar. A única relación da vela con Cangas viría tardiamente da man de José Mª Massó que o 13 de setembro de 1942 vai iniciar a competición denominada “Travesía Vigo - Salgueirón” para balandros de todas as series. Tres anos despois, en xullo de 1945 e nunha regata na ria, xa predominan os barcos tipo snipe dos que Vigo contaba coa maior flota de España, destacando nas competicións o “Noroeste” de Tomás Bolívar e o “Sur” de J. Mª Massó construidos nos asteleiros Lago de Vigo. Porén, tras dos éxitos náuticos dos Massó (J. María, Jaime, Fernando e Juan José) estaría a figura do vilagarcián Benigno Cuevas quen desde os inicios estivo patroneando os barcos, deseñando, construindo (o novo “Sur” en 1948) e elaborando velames na factoría de Cangas. Precisamente, este novo “Sur” xa da categoría de cruceiro, alcanzaría grandes éxitos deportivos en 1954, alcumándoo como “O Invencible”. Entre o 1950 e 1954, cando J. Mª Massó exerce de presidente da Federación Galega de Remo, vai promover tamén neste último ano a regata de yolas (barcos de catro remeiros e timonel) Vigo-Salgueirón, puntuable para o Trofeo Massó. Contodo, esta travesía da Ría, que mentres J. Mª Massó foi presidente do Náutico vigués tiña retorno, rematando en Vigo, contaba cun carácter lúdico, participando todos os concorrentes no habitual xantar no Salgueirón a base de sardiñas, cachelos, polbo, mexillóns, pan de millo e viño da terra. En anos posteriores, os Massó lcanzarían grandes trunfos participando en regatas de cruceiros da clase “Star”. Despois de trinta e seis anos, en 1978, cos foguetes da romaría de San Roque a mediados de agosto, dase por finalizada esta histórica regata cunha lóxica e merecida homenaxe a Benigno Cuevas que foi recoñecido a nivel galego como un dos últimos mestres da navegación a vela. Actualmente, podemos considerar que o “Balea Dous” do R. C. N. Rodeira, patroneado por Luis Mª Pérez, é un digno emulador daqueles trunfos dos Massó coa presenza tamén neste equipo dun Cuevas, continuador desta saga de mariñeiros.

(*) Historiador e mestre en Cangas

Compartir el artículo

stats