Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alicerces dos deportes náuticos en Cangas (III)

Competición de natación na dársena de Vigo. Arquivo

Nestas datas, xa non só se consolidan os clubes náuticos senón tamén as estruturas oficiais a través da creación de federacións que veñen a impor regulamentacións necesarias para a proxección nacional e internacional dos deportistas. Cando o piragüismo de Cangas estaba a alcanzar gran éxito e relevanza, chegaría a sublevación militar que mudaría todo, falecendo na guerra algúns dos deportistas

Xa nos atopamos no ano 1935, e a Federación Galega de Natación Amateur (FGNA) convoca en xuño unha reunión á que asisten o Náutico da Coruña, o Marítimo de Vigo, o Marítimo de Pontevedra, o Rodeiramar, Ícaros do Ferrol, Centro Íbero da Coruña e o Centro Republicano Recreativo de Redondela. Nesta xuntanza acordan dividirse en sectores norte e sur para diminuir os custes das competicións, formar árbitros de waterpolo e constituir un colexio de oficiais e árbitros, analizando a posibilidade de asistir aos Campeonatos de España de Natación e Waterpolo. A finais de xullo tería lugar a II Vuelta a la Ría en piragua e na etapa Moaña-Cangas, cando se achegaban á Illa das Ratas (sic), a piragua do Rodeiramar, tripulada por Azpeitia e Varela, saiu a guiar aos participantes para que evitasen os perigosos cons existentes na zona, xesto que lles agradeceu a organización do Canoe.

Mapa da Volta Ría de Vigo, nos anos 1934 e 1935. Arquivo

O 25 de agosto vaise celebrar na dársena viguesa de viaxeiros, a primeira fase dos Campionatos Galegos de Natación aos que acoden o Marítimo e máis Canoe de Vigo, o Marítimo de Pontevedra, o Náutico da Coruña e o Club Ícaro do Ferrol. A segunda fase celebraríase no Ferrol e o Marítimo vigués plántalle cara aos nadadores coruñeses pero volven gañar estes. Nestas competicións, o Náutico de Pontevedra foi sancionado pola Federación, abríndose un periodo de acusacións e diatribas sobre quen o denunciou e a actitude do Marítimo vigués no asunto. Mais, non só estaban axitadas as augas con este tema, senón que no Rodeiramar tampouco andaban as cousas mellor pois anunciara a sua participación neste evento e non acudiu nin a Vigo nin ao Ferrol.

Descoñecemos as razóns que levaron a un dos sectores do Rodeiramar a separarse e formar o Club Baleata, encabezado polos Cervera, pero nesta coexistencia dos grupos de nadadores e de piragüistas xa debía haber grandes disensións ideolóxicas nesta altura da República pois os primeiros eran monárquicos e os segundos republicáns moderados. Nas Festas do Cristo de finais de agosto, ainda non trascendera a escisión pois celébrase un encontro de water-polo entre unha Selección da Zona Norte e outra da Zona Sur que remataría con empate a un tanto.

Os gañadores da terceira Travesía da Ría de Vigo. Arquivo

A este encontro acudirían moitas persoas de Santiago e da Coruña así como de Vigo e o gol da Selección do Sur sería da autoría do cangués Antonio Santos Sequeiros, o que fora subcampión na Travesía a nado da Ría. Nesta altura, un club de Cangas utiliza a prensa para ofertar prácticas deportivas como fútbol, tenis, pelota vasca, water polo, natación, remo, vela, motorismo, ciclismo, escultismo... e ainda que non se cita o nome, temos que deducir que é o reén fundado Baleata pois para a práctica do tennis e do frontón só Cervera contaba con estas instalacións desde 1928 na sua casa da Pedra Alta. Unha anécdota curiosa é que nestas dependencias, segundo se di, contaban cun “gorri-bar”, que en euskera significa vermello...

No día 8 de setembro de 1935 vaise celebrar a III Travesía da Ría de Vigo de piraguas e o Rodeiramar xa compite na mesma contra o escindido Baleata, a Sociedad Cultural de Marín e o Club Marítimo de Vigo. O Canoe de Guixar tamén anunciara a sua participación pero non acudiu porque tiña disensións co Marítimo xa que este non participara na Volta á Ría. Este día, xa desde a saída de Cangas, a piragua de Humberto Cervera e Pepín Bolívar do Baleata ía destacada por diante ata que un golpe de mar os fixo zozobrar perdendo toda oportunidade. Ao final, o Rodeiramar con tres piraguas inscri¬tas en tipo libre gañaría os tres primeiros postos clasificándose 1º A. Sequeiros – J. Azpeitia; 2º Rosendo Novo - J. Azpeitia e 3º Nico Paganini - Ocaña. En 4º posto clasificaríanse Pancho Cervera e C. Cervera do Baleata, no 5.º Puig e Fresco, do Marítimo de Vigo e no 6.º a Asociación Deportiva de Marín. Na regata, a clasificación das piraguas de 4,50 m. concluiu alcanzando o primeiro posto Mera e Novoa do Marítimo e o segundo Mon e Barreras do Rodeiramar. Na clasificación por clubes, o resultado foi 1.º Rodeiramar. 2.º Marítimo. 3.º Baleata. 4.º Asociación Deportiva de Marín. As piraguas do Rodeiramar que chegaron nos tres primeiros postos volveron bater o record da Travesía, empregando os vencedores A. Sequeiros e J. Azpeitia 28 minutos 30 segundos. Como no ano anterior xa gañaran Humberto Cervera e A. Sequeiros a Copa Ministro de la Gobernación esta pasaría a ser propiedade do Rodeiramar ao gañala duas veces seguidas. A mediados deste mesmo mes de setembro, celebraríase na dársena de Cangas un partido do Campeonato de Zona de Water-Polo entre o Natación Club de Redondela e o Marítimo de Vigo que perdería este por dous tantos a un.

Crónica de FARO DE VIGO sobre a terceira travesía da ría en piragüa.

Crónica de FARO DE VIGO sobre a terceira travesía da ría en piragüa.

Nos primeiros meses de 1936, o Rodeiramar vai trasladar a sua sede social para unha casa chamada “a de Francia” situada frente ao Cuartel da Garda Civil, á que desprazan as vitrinas e estantes dos trofeos, as mesas de ping-pong e as cadeiras e mesas das partidas de cartas, xadrez e outros xogos. Como ainda estamos en abril, sen actividade deportiva, o club vai programar por primeira vez unha charla sobre bioloxía marítima, impartida por José Azpeitia Pérez. No mes de xuño, o equipo de waterpolo xa comeza a entrenar e vai ás festas do Corpus de Redondela para enfrentarse cos do club local. En xullo, os clubes afanábanse en seleccionar mediante probas aos seus nadadores para acudir ao Campionato de España a celebrar en Mallorca os días 26 e 27 deste mes e os piragüistas adestraban para o Campeonato Galego a celebrar o 2 de agosto no que xa computaba a Travesía Cangas - Vigo, organizada polo Rodeiramar. Con este motivo, algúns clubes andaban a facerse con piraguas máis rápidas e o Rodeiramar estaba punto de estrear unha nova, cando no día 18 chegaron os ecos de guerra que viñeron trastocar todas as competicións e a actividade do Rodeiramar por un tempo.

Alicerces dos deportes náuticos en Cangas (III)

A posguerra

Ata despois da guerra non se reanudarían as competicións náuticas, e as primeiras tiveron lugar en Vigo nos días 14, 18 e 19 de xullo de 1939 nos que se celebran o Carme, o Glorioso Alzamiento e o Día de la Revolución Nacional. Cangas non vai participar en ningunha proba pero en principio anúnciase que si acudiría ás regatas de traiñeiras profesionais, cousa que non ocorreu pois había que reclutar mariñeiros para remar a través das confrarías de pescadores. Agás as traiñeiras, o resto dos deportes van ser asumidos polas organizacións xuvenís de Falange que nestas datas organiza un campeonato provincial de natación pero en Cangas ainda non contan con nadadores, sendo que Moaña xa acode cos seus.

Entre o 23 e o 27 de agosto vai ter moito eco o Encontro Internacional de Deportes do Mar organizado polo Marítimo e o Náutico de Vigo, participando remeiros destes clubes, do Rodeiramar, do Baleata, do SEU, da Base Naval de Ríos, de Marín e do Marítimo de Pontevedra. Mais, o prato forte destas competicións de veleiros, natación, waterpolo, remo e motonáutica, foi a presenza do Canoe de Madrid, que arrasou nas probas de natación e waterpolo, e a do Náutico de Porto (de aí o de internacional) que acoden para simbolizar a sintonía existente entre a ditadura salazarista portuguesa e a ditadura franquista. Este evento vai ser dos primeiros oficiais que se celebran despois da guerra e está apoiado polo xeneral Moscardó, o heroe do Alcázar, que agora é presidente do Consejo Nacional de Deportes e incluso Franco aceptaría a presidencia de honra do mesmo, a petición dos clubes vigueses. O día 25 celébrase a Travesía da Ría coa participación do Marítimo de Vigo, Marín, Rodeiramar e o Baleata de Cangas, este con cinco piraguas, do que a parella Finin - Santos consegue un segundo posto na categoría de 6,20 m. na que disputaban un trofeo en memoria de Antonio Santos Sequeiros e outro trofeo nas de cinco metros na honra de Humberto Fernández Cervera, ambos caídos polo bando franquista na guerra.

José Azpeitia Rodríguez

José Azpeitia Rodríguez Arquivo

O declive da natación tamén é evidente neste ano pois o domingo 19 de setembro, con motivo de se celebrar unha competición de natación en Vigo en homenaxe ao entrenador do Náutico, esíxese a presenza de Cangas na mesma e a Organización Juvenil de Falange vai enviar aos nadadores Lagoa e Alonso, encadrados nas competicións de infantís, cadetes e junior. O 15 de outubro deste mesmo ano, con motivo de celebrarse en Pontevedra unha Fiesta Homenaje a la Marina de Guerra Española, anúncianse probas náuticas coa participación da Escola Naval de Marín, os clubes Náutico e Marítimo de Pontevedra, o MarítimoVigo, o equipo da CNS (sindicatos) de Marín, figurando a concorrencia do Baleata e Rodeiramar de Cangas que, sen sabermos se ao fin participaron, ao menos xa dan sinais dalgunha actividade neste eido. Como fose, sabemos que a comezos do 1940, o Rodeiramar vai celebrar unha primeira xuntanza xeral deste novo período, asistindo en represen¬tación do Gobernador Civil, o Alcalde da vila Manuel García Pas¬toriza. Nesta convocatoria sería nomeado presidente Manuel Lago Bastos, acordándose facer presidente de honor a Guido Paganini Picasso, cónsul de Italia en Vigo, acordando por unanimidade colocar en lugar destacado do salón as fotografías dos socios caídos na guerra como homenaxe póstuma.

O domingo 31 de xullo de 1943, un equipo de waterpolo do Rodeiramar vai a Vigo a enfrentarse con outro do Marítimo que se autodenominaba como “Tiburones” co cal perdeu. No domingo seguinte, 8 de agosto son os vigueses os que acoden a Cangas a competir en waterpolo, organizándose ademáis unha regata de botes de catro remos na que xunto co Rodeiramar, participan o Club Marítimo, o Sindicato de Estudiantes Universitarios (SEU) e o Frente de Juventudes, estes tres últimos de Vigo. A intención destas probas, segundo os organizadores, é reiniciar e estimular as prácticas deportivas en Cangas pero baixo o control de Educación y Descanso da Falange. Nesta altura, non se pode dicir que ao Réxime franquista lle interesase moito o deporte como tal pois non lle servía para nada internacionalmente, debido ao bloqueo e illamento que mantiñan os paises democráticos neste e noutros aspectos. Mais, á Falange, que controlaba o Consejo Superior de Deportes, ainda que baixo control de militares nomeados por Franco, interesáballe este sector polo que tiña de acción proselitista entre a xuventude coa finalidade de perpetuar a sua ideoloxía. Neste sentido, algúns clubes, ainda que tiñan que programar as suas actividades baixo o control da Falange, non lles eran gratos a esta pola certa autonomía da que gozaban. Por isto, en 1951 van crear unha nova Lei de Asociaciones e os seus estatutos van ser visados polo Goberno Civil, aproveitando para restrinxir a sua influencia, especialmente no deporte que , como dixemos, estaba controlado pola Falange, incluso o fútbol. Xa que logo, o Club Rodeiramar tén que se constituir como asociación, aprobándose os seus estatutos o 19 de decembro de 1951 e no día 9 de xaneiro do 1952 vaise producir unha especie de refundación, nomeando a José Pérez Barros como presidente e incluindo na directiva a históricos dirixentes do club como Sequeiros, Azpeitia, Cervera, Ocaña, Mariño, Bolívar, Nico Paganini...

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats