Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alicerces dos deportes náuticos en Cangas (II)

Participantes na Travesía da Ría en 1933. | // ARQUIVO DO AUTOR

Con motivo das Olimpìadas de Tokio, o historiador Xerardo Dasairas fai un percorrido pola historia dos deportes náuticos na comarca.En 1934 a natación vai recibir un gran impulso grazas ao cine. En Galicia e sobre todo en Vigo, sería a miss España e nadadora Emilia Docet quen lle daría grande pulo á natación feminina. O piragüismo tamén acadaría máis importancia ao se organizar entre Cangas e Vigo a celebración da I Travesía da Ría.

Como os invernos galegos non son propicios para os deportes náuticos, temos que remontarnos xa a mediados de maio de 1933 e nas regatas de piraguas do Náutico de Vigo, que compite co seu homónimo de Pontevedra, vaise disputar como novidade, unha competición mixta de home e muller en canoas de dous. En xullo deste ano, o equipo de waterpolo do Rodeiramar vai celebrar outro dos clásicos encontros contra o Náutico de Vigo e compiten por parte de Cangas: Cenero, Bolívar, Azpeitia, A. Sequeiros, Bos, Lucas Sequeiros e Cervera. O domingo 16 de xullo vai comezar o Campeonato de Galicia de Waterpolo en varias fases, enfrentándose en Cangas o Rodeiramar co Gimnástica de Pontevedra ao que lle gañaron por tres a cero e na Coruña, o Náutico desta cidade vai vencer ao Maritimo Vigués. En datas sucesivas, de semana en semana, van seguir enfrentándose os diferentes equipos ata rematar as últimas competicións o luns dia 21 agosto. Os do Náutico coruñés xogan pola mañá en Cangas co Rodeiramar vencendo por 2 a 0 e ao remate do partido foron convidados a xantar en Rodeira quizáis pensando que coa enchenta perderían o partido cos do Marítimo vigués que se xogaba ás cinco da tarde. Pero nin con esas, pois os coruñeses gañaron tamén por dous a cero. O resultado final deste Campionato foi: 1º Náutico da Coruña 2º Marítimo de Vigo, 3º Rodeiramar e 4º Gimnástica de Pontevedra.

Os irmáns Azpeitia e os irmáns Cervera en 1933. | // ARQUIVO DO AUTOR

Mentres se celebraban os campionatos de waterpolo, o 6 de agosto van comezar os II Campeonatos Galegos de Natación en Vigo e nesta primeira fase os nadadores cangueses acadarían os seguintes resultados: En 100 metros braza feminino, 1ª Teresa Boán; en 4x50 relevos estilos masculino conseguen o 2º e 6º posto e en 3x50 relevos estilos damas, o equipo A do Rodeiramar consegue o 1º posto e o equipo B o 3º coas suas seis nadadoras. En 4x200 relevos o Rodeiramar masculino vai quedar 4º, alcanzando o 2º posto por clubes despois do Náutico da Coruña e por diante do Marítimo de Vigo e da Gimnástica de Pontevedra. O 27 agosto celébrase a 2ª fase na Coruña e polo Rodeiramar acoden Sarita e Teresa Boán, Carola Meléndez e Maruja Carrera para a natación feminina e en homes Pérez, Pancho, Pepe, Humberto Cervera; Eugenio, Antonio e Lucas Sequeiros, Sergio Bas, José e Manuel Azpeitia e Pepín Olivares. Con eles ían os directivos Nico Paganini e José Pérez. A clasificación foi a seguinte: 200 m. braza, 1º Lucas Sequeiros e 3º Antonio Sequeiros; en 1.500 m. libres 3º Humberto Cervera; en 100 m. libres feminino 3ª Teresa Boán; en 5x50 relevos libre masculino logran un 3º posto, alcanzando o 3º lugar no global de clubes.

 | // ARQUIVO DO AUTOR

| // ARQUIVO DO AUTOR Xerardo Dasairas

Nos Campeonatos de España de Natación celebrados o 2 e 3 de setembro, a Federación Galega participa por primeira vez, levando a dous nadadores do Náutico da Coruña, un do Marítimo de Vigo que era campión galego de saltos e a Lucas Sequeiros do Rodeiramar que obteñen discretos resultados. O 10 de setembro, con motivo de celebrarse o Día Deportivo en Marín, o Náutico vigués e máis o Rodeiramar acordan adiar unha semana, a programada I Travesía da Ria en piraguas para apoiar e asistir a este evento pois inclue o I Campionato Provincial de Piragüismo Amateur. O Rodeiramar preséntase con seis piraguas pero venceu a Sociedade Deportiva de Marín, admitindo os piragüistas do Marítimo e do Rodeiramar que lles servira de entrenamento pois reservábanse para a Travesía da Ria. A estas competicións marinenses, os nadadores do Marítimo de Vigo e do Rodeiramar de Cangas tamén acoden para disputar probas de 50 metros libres, homes e mulleres (damas); 100 e 200 m. libres; relevos libres 5x50 m. e relevos estilos 4x50. Nestas competicións de natación e na de waterpolo só participan os clubs de Vigo e Cangas, únicos federados na FGNA, obtendo Lucas Sequeiros do Rodeiramar 1º posto en 100 m. braza, igual que en relevos 4x50.

Equipo feminino de Rodeiramar en xullo de 1934.   | // ARQUIVO DO AUTOR

Equipo feminino de Rodeiramar en xullo de 1934. | // ARQUIVO DO AUTOR Xerardo Dasairas

O domingo 17 deste mes vai ter lugar a I Travesía da Ría de piraguas desde Cangas a Vigo e na organización co Náutico vigués figuran A. Sequeiros, L. Sequeiros e Francisco Cervera por parte do Rodeiramar. A participación é libre, incluso para particulares previo abono dunha peseta (2 por piragua dobre). Para as piraguas canadenses (de lona) tiñan previsto tres categorías, unha delas para mulleres pero ao final só participaron homes. Inscribíronse unhas corenta embarcacións pertencentes aos clubes Rodeiramar, Náutico, Canoe e Arenal, estes tres últimos de Vigo, sendo 17 as canadenses de menos de 4 metros. O Rodeiramar vai anotar nove piraguas sendo catro as de 4 a 5,25 m.: “Carola” con A. Sequeiros e E. Sequeiros; “Weissmuller” con Jesús Sequeiros e P. Bolíbar; “Kiko” con Cervera e P. Barros e “Argos” con S. Pérez Barros e Nico Paganini. En piraguas de 5,25 a 6 m. presenta cinco piraguas: “Teresa” con H. Cervera e P. Cervera; “Elpis” con C. Cervera e M. Cervera; “Neliña” con M. Lago e P. Lago; “Gloria con P. Azpeitia e J. Azpeitia e “Sarecho” tripulada por L. Bolíbar e A. Couto. Ás seis da tarde do sábado todas as piraguas debían estar no Náutico vigués para ser levadas a Cangas onde permaneceron custodiadas ata o domingo que se presentou cun forte vento e grandes ondas na Ria. Debido a isto, só decidiron tomar a saída en Cangas 18 piraguas e ningunha delas sufriu percances na travesía, a pesar de que por veces desaparecían entre as altas e fortes ondas. A primeira en chegar foi a “Teresa” dos irmáns Azpeitia empregando 35minutos e 35 segundos en percorrer os 4.500 m. entre Cangas e Vigo. En segundo lugar chegou a “Elpis” dos irmáns Cervera, estas duas de máis de 5,25 m. Na categoría de 4 a 5,25 m. a primeira foi a “Weissmuller” de J. Sequeiros e Pucho Bolívar cun tempo de 37minutos e 35 segundos.

Impulso á natación co cine

Johnny Weissmuller e a galega Emilia Docet contribuiron a populrizar a natación Arquivo do autor

En 1934, a natación vai recibir un gran impulso grazas ao éxito cinematográfico da película sonora “Tarzán de los monos”, protagonizada polo doce veces campión do mundo de natación Johnny Weissmuller, á que lle seguirían outras nos anos posteriores. Outro gran escaparate da natación nestes anos eran as participacións femininas que habitualmente denominaban como “sirenas” sendo a nadadora do Marítimo vigués, Emilia Docet, Miss España de 1933, a que máis entusiasmaba ao público. O 15 de xullo deste ano vaise celebrar na Coruña a primeira fase do III Campionato Galego de Natación con motivo do quinto aniversario da fundación do Club Náutico. A esta fase non acudiría o Rodeiramar pero si á segunda que se celebra en Vigo o domingo día 22, alcanzando a terceira praza José Sequeiros en 200 m. braza; María Cervera o primeiro lugar en 200 m. estilo libre e o equipo feminino o 1º posto en 3x50 m., ainda que só participaron elas pero bateron o record galego da especialidade e alcanzaron o subcampionato galego.

En xullo, o Canoe vai organizar I Vuelta a la Ría de Vigo en diferentes días deste mes de agosto e setembro coas etapas Guixar - San Adrián; San Adrián - Moaña; Moaña - Cangas; Cangas - Bouzas e Bouzas - Guixar. Os piragüistas de Cangas non participan pois estaba restrixida a piraguas de lona pero Azpeitia e Varela tiveron unha intervención cunha das suas piraguas ao evitar que os que competían pasasen polos baixos da Illa dos Ratos, evitando accidentes, xesto que lle recoñeceu a organización. A negativa do Club Marítimo de Vigo a participar nesta proba, acentuaría ainda máis as diferencias co Canoe.

Os irmáns Azpeitia.

O domingo 19 de agosto vai ter lugar a II Travesia Ria de piraguas tendo a saída ás once da mañá desde Cangas unhas corenta embarcacións pertencentes aos clubes Rodeiramar, Canoe, Club Marítimo e a Cultural Deportiva de Marín. Repétense as categorías pero agora as de máis de cinco metros denomínanse de tipo libre que son as máis utilizadas polo Rodeiramar. Nesta categoría, os de Cangas van conseguir a Copa do Ministro da Gobernación e ademáis, baterían o record da travesía, sendo primeiros Antonio Sequeiros e Humberto Cervera, seguidos nesta orde por José e Juan Azpeitia; A. Cervera e J. Bolívar; Pancho e César Cervera e quintos, Nico Paganini e J. Lago. A comezos de setembro hai competición de piraguas en Marín e o Rodeiramar acode con tres embarcacións, logrando o primeiro posto Humberto Cervera e A. Sequeiros pero xa non compiten o domingo día 16 no II Día Marítimo de Marín no que se lamentou a sua ausencia.

O domingo 30, último día de setembro, celébrase no Lérez en Pontevedra unha regata na que participaban os clubs Náutico de Pontevedra, Rodeiramar, Canoe de Guixar e Asociación Deportiva de Marín. Como case sempre, ademáis das chamadas canadenses participaban as popularizadas polos Azpeitia que denominan “tipo Cangas” construidas en madeira lixeira. Nas de maior tamaño gañou a “Teresa” do Rodeiramar tripulada por Humberto Cervera e A. Sequeiros; 2ª unha de Marín e nos 3º e 4º posto a “CR -14” de César e Pepín Bolívar e a “Engendro” dos irmáns Azpeitia. Na categoría canadense gañou o Canoe e o Marín en mixtas. Este mesmo domingo, mentres os piragüistas competían no Lérez, os nadadores do Rodeira asisten en Vigo a unhas probas para debutantes, organizada polo Marítimo, na que tamén están nadadores do Canoe e do Náutico de Pontevedra que compiten en 100 m. libres e 100 espalda, deixando os 400 m. libres para os grupos non federados con intención de captar nadadores novos. Desde esta data, o Canoe de Teis vai alcanzar un gran potencial en embarcacións e incluso organiza regatas cos seus propios socios. A competencia deste club, agás na natación, vai ser co Marítimo vigués, ao que desprazarían na organización de regatas e iría modificando as categorías de cara a anular tamén a supremacía canguesa en piraguas de máis de cinco metros, elaboradas en lámina de madeira, máis rápidas polo tamaño e con menos rozamento, o que as facía máis competitivas que as de lona. Porén, sabían que na promoción deste deporte eran imprescindibles os de Cangas e nen sequera intuían que o deseño das piraguas, xa denominadas “tipo Cangas” de 7,5 m. dos Azpeitia, sería o modelo que posteriormente se imporía a nivel olímpico da man dos austriacos que xunto cos suizos foron pioneiros neste deporte.

(*) Mestre e investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats