Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A igrexa de San Martiño de Moaña

O profesor Jacinto García Piñeiro analiza unha das xoias do románico no Morrazo

Unha vista da igrexa de San Martiño, a parroquia matriz de Moaña. // Gonzalo Núñez

O coñecemento do pasado debe ter algo de significación e de valor co que nutrir a vida de hoxe, e nesa tarefa de integrar o presente na profundidade temporal do pasado a arte xoga un papel determinante, por canto as diversas manifestacións artísticas parten necesariamente da realidade histórica en que foron xeradas. A arte é, xa que logo, clave da identidade e espello da tradición; aspectos que fan referencia a aquilo que pasa dun tempo a outro manténdose sempre vivo e necesario no acervo cultural dos pobos. É neste sentido, como se entende que o estudo dunhas igrexas románicas localizadas na comarca do Morrazo pode ser a canle axeitada de cara a potenciar a preocupación pola dimensión temporal do contorno no que nos movemos a cotío. Ao reparar nelas desde diferentes ámbitos estase contribuíndo a motivar o estudo da arte románica e a suscitar a afección polo coñecemento da historia local, interesando asemade ás nosas xentes no respecto e na conservación do patrimonio artístico e cultural.

Na Idade Media, un feito vai acadar especial relevancia na historia de Galicia. Trátase do proceso de colonización monacal -documentado desde o século VI arredor da sé monástica-episcopal de Dumio e das figuras de Martiño de Dumio e Froitoso de Braga- e do que as terras do Morrazo non van quedar á marxe: hai constancia de vida monacal en Ermelo e en Sto. Tomé de Piñeiro desde os primeiros séculos da Idade Media e posteriores. Ó igual que no resto de Galicia o monacato foi un factor importante para a repoboación e a colonización desta zona, na que beneditinos, cistercienses e. sobre todo, os cabaleiros da Orde de San Xoán, se repartíron áreas de influencia. Da súa presenza, aquí, quedan suficientes probas: as igrexas románicas son un bo testemuño, polo que estudar estas supón un bo exercicio para reencontrar o pasado; o noso pasado.

A igrexa de San Martiño de Moaña, construída no século XII, é unha das máis interesantes do grupo románico do Morrazo. Non conserva a súa fábrica primitiva por mor da ampliación á que foi sometida no século XVIII, que lle modificou a cabeceira desaparecendo a ábsida románica; no seu lugar levantáronse unhas capelas rectangulares con bóvedas de casetóns propias do estilo barroco. Non obstante, podemos apreciar a nave con fiestras laterais de arco semicircular -saeteiras de derrame interno-, así como unha extraordinaria colección de canzorros historiados que sosteñen a cornixa e o tornachoivas, e unha fermosa portada abucinada, como recordo da súa traza románica. Ten a cabeceira orientada cara ó leste, rasgo común nas igrexas da época.

No interior da nave, espaciosa, os grosos muros vense perforados por ata cinco saeteiras con derrame interno e tres portas; dúas laterais e a principal. Rodeando a nave, por debaixo das fiestras, esténdese unha liña de imposta decorada con bólas, ornamento tipicamente románico. As portas laterais - fachadas norte e sur-, en arco de medio punto, amosan un pecho moi orixinal formado por uns cipos ou marcos perforados empotrados na parte interior das xambas e nos que aparecen esculpidas unhas mans medio cerradas. A esa particularidade das portas laterais hai que engadirlle, xa no exterior destas, un sistema arquitrabado con dinteis a modo de tímpano. O tímpano da fachada meridional é semicircular cunha cruz de palmas, de Malta (Hipólito de Sá: "Las rutas del románico?",1978), no interior de dous círculos concéntricos, e unha cenefa de rombos ou puntas de diamante na parte inferior; apoiase este tímpano sobre dous sillares con extremos rematados en curva de nacela ou cavetos. Un destes sillares ten gravada unha inscrición, practicamente ilexible, que posiblemente estea relacionada coa fundación da igrexa. Na fachada oposta (norte) o dintel é pentagonal e apoiase en dous canzorros, un de folla con nervios perlados e pomo no ápice e o outro sen posibilidade de identificación por atoparse roto; tres círculos que encerran outras tantas figuras esculpidas -a central representando un cuadrúpedo con cabeza de serpe e as laterais dúas aves coas cabezas viradas cara á cola- decoran o tímpano desta portada. As aristas das xambas van baquetonadas.

As cornixas destas fachadas setentrional e meridional, decoradas con pomos, descansan sobre canzorros de extraordinaria variedade; outro dos elementos característicos desta igrexa. Aínda que algúns están bastante estragados polo paso do tempo, cómpre destacar a gran riqueza iconográfica presente nesta colección, composta por cuadrúpedos, cabezas de diferentes animais, corpos arqueados, personaxes en diferentes posicións (comendo, bebendo, con bastón, sentados, en posición invertida, etc; tamén hai canzorros con lóbulos, follas con pomos, follas en espiral, canzorros de proa, etc; motivos ou elementos, todos eles portadores de simboloxía, que se repiten noutras igrexas do Morrazo.

Pero, sen dúbida, é na fachada occidental onde se atopa o elemento máis salientable desta igrexa. Trátase dunha extraordinaria portada abucinada. Dous pares de columnas sosteñen as arquivoltas que enmarcan o fermoso tímpano decorado con quíntupla arquería de medio punto baixo a que aparecen esculpidas a imaxe central de San Martiño, de pé, con túnica longa, tiara e báculo, e as doutros catro personaxes que o acompañan; bordeando o tímpano unha inscrición coa seguinte lectura: "SANCTI EMILIANI, SANCTUS MARTINUS EPISCOPUS, SANCTI BRICCI EPISCOPI, ARIAS FECIT", que nos dá a coñecer a identidade dos personaxeas centrais. Este tímpano tamén aparece decorado pola cara interna. Os fustes das columnas son entorchados, como os da portada de Praterías, no par máis interno e lisos no exterior. En canto ós capiteis, teñen ornamentación vexetal os da dereita, mentres que nos da esquerda aparece a representación animal -dous leóns- e o trenzado, propio dun labor de cestería. Sobre deles os ábacos, decorados e saíntes, que se estenden a modo de imposta ata as columnas do muro exterior para servir de apoio a unha liña de billetes que circunda a arquivolta exterior. As basas, entregas, son áticas, con garras, e van igualmente decoradas.

Sobre esta portada, un tornachoivas apoiado en seis canzorros de diversa temática e dúas airosas columnas sobre alto podio, con basas de perfil ático e fuste liso adosado ó muro, serven de marco perfecto para encadrar este extraordinario conxunto. Como curiosidades a destacar aquí merecen ser o capitel dereito en forma de entrelazado, presente noutras construcións románicas galegas, e o canzorro esquerdo do tornachoivas que presenta un corpo arqueado: o violinista.

No Museo de Pontevedra atópase un tímpano lixeiramente apuntado e esculpido polas dúas caras que procede da igrexa de San Martiño de Moaña; aparece descrito por Bango Torviso ("Arquitectura románica en Pontevedra", A Coruña,1979). A que podería ser a cara exterior representa unha mandorla aguantada por dous rudos anxos que encerra unha posible representación (do santo titular desta igrexa?). Na outra cara, profusamente decorada, destaca unha cruz mixta de lazos, de San Andrés e grega, que ten a ámbos os dous lados círculos con flores de seis pétalos e botón central; baixo os brazos, dúas aves coas cabezas viradas cara ás súas respectivas colas; na parte superior unha ave de forte peteiro; a outro lado, un león? Motivos xa descritos para esta igrexa, polo que nos leva a considerar a peza do Museo de Pontevedra como unha obra de imitación da que presentan as portadas xa estudadas (en especial a do tímpano occidental), pero efectuada nunha época máis tardía.

*Profesor de Historia e veciño de Meira

Compartir el artículo

stats