A ría e o porto de Vigo brillan no YouTube co novo vídeo de Fillas de Cassandra e Rebeliom

Colgan nas plataformas a súa colaboración “Contra vento e marea” que amosa imaxes do litoral

Fillas de Cassandra e Rebeliom do Inframundo.   | // REBELIOM+FILLAS

Fillas de Cassandra e Rebeliom do Inframundo. | // REBELIOM+FILLAS / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

O litoral da ría de Vigo volve ser protagonista dun videoclip. A nova entrega asínana Fillas de Cassandra e Rebeliom do Inframundo para presentar o tema “Contra vento e marea”. Na primeira hora da tarde do xoves, era lanzado á plataforma do YouTube e a outras.

No vídeo, podemos ver o peirao cos grúas, a praia urbana de Bouzas, a silueta das Illas Cíes, bateas da ría e rochedos, pero tamén unha oda ao traballo de bateeiras, mariñeiras ou mariscadoras para sacar adiante a súa familia.

A protagonista do vídeo é unha muller cunha filla que se ve afogada polas facturas e que saca peito para traballar cada día para que os números non acaben con ela. A súa historia ten un final que nos convida a reflexionar sobre o presente e o futuro.

Unha das imaxes do Porto de Vigo no vídeo.   | // YOUTUBE

Unha das imaxes do Porto de Vigo no vídeo. | // YOUTUBE / mar mato

Nervo, unha das voces de Rebeliom do Inframundo, sinala sobre o tema que “é unha oda á superación, a remar contracorrente, a manterse a flote, a sobrevivir no medio desta maldita loucura”.

De feito, a crítica social sobre as duras condicións da clase obreira é un dos temas que máis canta o grupo vigués de hip hop vigués.

Pola súa parte, Fillas de Cassandra –composto por María SOA e Sara Faro– indican que, co tema, queren resaltar “a forza e a colectividade”. “Como di o tema, engaden, somos rochas contra as que bate o mar. Contra todos os contratempos que poidan vir, ímonos manter firmes e mirar cara adiante”.

Nervo engade que “é unha canción chea de orgullo, forza e valor, evocadora de todo tipo de sentimentos precisos para vencer a frustración”.

A idea de colaborar as dúas bandas comezou a xestarse hai un ano nun encontro. A construción da canción fíxose de xeito colectivo: Fillas compuxeron unha parte, Nervo preparou a letra nas partes que canta e Malvares de Moscoso escribiu o poema que entona no remate.

O vídeo asínao IzanMG e presenta unha traxedia no mar que porén ten un final de resiliencia, de que é precisa a solidariedade contra as adversidades.

Pola súa parte, Fillas de Cassandra prosegue coa súa xira As últimas dionisíacas que as levará o 1 de xuño á sala El Sol de Madrid, pero tamén o 5 de maio a Barcelona e despois a diferentes lugares e festivales de Galicia e do exterior.

Fillas de Cassandra, nunha imaxe do vídeo.

Fillas de Cassandra, nunha imaxe do vídeo. / Y.T.