Entrevista | Nervo MC, compositor de Rebeliom do Inframundo

Rebeliom do Inframundo: “Estamos absorbidos con cousas que non teñen que ver con vivir”

“Para este novo disco, houbo que facer un traballo de abrirse en canal para sacar cousas de dentro”, explica Nervo, un dos compositores da banda

Rebeliom do Inframundo.  / SERGIO CORA

Rebeliom do Inframundo. / SERGIO CORA / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

A música galega e en galego está de festa. Os berros de “lume e rebeliom” cos que os seus fans reciben e arroupan a Rebeliom do Inframundoen cada concerto volverán a soar pronto en locais como a Masterclub de Vigo ou a Malatesta de Compostela. Na primeira, presentarán o seu novo disco o 22 de abril, mentres que na segunda será o 6 de maio. Porén, a primeira audiencia –despois da presentación vía Twitch de finais de febreiro– en calibralo en directo será a da sala Paral-lel 62 de Barcelona o vindeiro día 18. Falamos con Nervo do novo álbum da banda viguesa, “Amor ou barbarie”.

–Por que ese título? Callou aquela disxuntiva de Isabel Ayuso de “Comunismo o libertad?

–Que va, non ten nada que ver! Vivimos nunha situación na que o amor non existe: o amor a unha mesma, á familia... Fixéronnos crer que non existe pero si que existe realmente. Igual queren o contrario para ternos coa cabeza agochada e deprimidos aceptando todo o que fan. De aí, vén a barbarie.

–No disco, fálase da rabia, hai pouca na sociedade actual?

–Penso que estamos un pouco reprimidos e reprimidas inconscientemente, absorbidos por cousas que non teñen nada que ver con vivir: as redes sociais, internet, traballo. Estamos demasiado ocupados con perder tempo na nosa vida e non nos damos conta do que está pasando e do que levamos dentro. Iso xera moita carraxe.

–Son 17 temas os que compoñen este álbum. Como empezaron a xurdir os temas?

–Pois si, estamos rebentados. Foi un proceso longo e complicado. A pandemia durou moito. Nós, para compór, necesitamos vivir e houbo que facer un traballo de abrirse en canal e sacar moitas cousas de dentro e iso leva o seu tempo. Fran fixo un traballo de gravación espectacular. Foron 17 cancións porque foron tres anos compondo. Aínda estábamos despedindo “Ilegal” cando empezamos con este disco. Sacamos 17 temas porque queremos, podemos e porque xa non existen eses discos longos. Agora, chámaselle disco a un EP, a traballos de oito temas que eu respeto e nós faremos cousas así seguro; pero non lle imos chamar disco.

–Hai algúns que comezan con melodías ou letras tradicionais. Xa o tiñades feito antes pero que vos move á tradición?

–É a parte de Iria Medraño.É o terceiro disco que abrimos e pechamos con cantigas populares. Para nós, é superimportante mesturar a nosa raíz con música que facemos nós que non é tradicional galego. Somos galegos e gustamos de facer esa tradición. En “Amor ou barbarie”, empezar cunha melodía tradicional e que de repente entren as guitarras eléctricas ao tolo queda moi impactante. É xogar coas cores da música porque a música ten cores.

–En quen recaeu o traballo de composición desdte disco?

–No rap, o que ti rapeas é o que ti compuxeches. Os anacos onde aparece Malvares cantando son de Malvares; nos que aparece Fran son del e nos que aparezo eu son meus. A nivel de produción, iso fixémolo entre Fran e eu maioritariamente.

–O amor ten unha gran presenza pero tamén a droga desde o punto de vista da xente que trafica con ela e de quen sofre por ela.

–Ao final, está á orde do día. Non só existiu nos 70 e 80. Segue estando. Vén en relación a como nos sentimos. Moita xente está utilizándoa como forma de escapar e desconectar disto que teñen montado e que é totalmente gris. Son vivencias. Hai quen tivo a sorte de non probala nin caer nunca e outras persoas, si. É mostrar unha realidade.

–Os ritmos latinos están tamén presentes nalgunhas cancións como “Bachata de morte”. Cóntame un pouco a historia deste tema.

–É curiosa a conxunción. É un ritmo de bachata no que entraría ben un tema de amor ou desamor e bailoteo; pero fixemos un tema de agradecemento á morte por estarmos vivos. Despois, a morte na nosa cultura galega está moi presente. Na Galicia, moitas familias emigraron a Latinoamérica e voltaron con moitas melodías de alá. Eu nacín en Venezuela, meu irmán igual; meus pais botaron case trinta anos alí. Nótanse esas influencias pero ao final fixemos o que nos apetecía.

–Os sons latinos tamén se funden nun reggaeton en “Copérnico”, por exemplo.

– “Copérnico” é un ritmo que se pode catalogar como reggaeton entre aspas pero tampouco é a saco. A batería si que ten ese ritmo... É que nos apetecía. Hai temas de reggaeton que nos gustan. Ademais, era fusionar ese ritmo con letra hardcore. Gustounos ese brillo que pillaba. Foi como unha bomba de reloxería. Nós non fixamos no que vai dicir a xente. Sempre se che pasa pola cabeza pero nós temos que ser fieis a nós mesmos e ao que queremos facer e non ir polo regho do marcado.

–Fálame un pouco das colaboracións do disco.

–Con Wöyza eu tiña unha letra cantada. É a primeira canción na que non rapeo, senón que canto. Sempre admiramos moitísimo a Wöyza e como é a mellor tía que canta da Galiza chamámola. Foi a primeira canción que gravamos cando puidemos xuntarnos con máis de tres persoas nun sitio. Despois a seguinte colaboración, “Blaquinazo” foi con Hard GZ. O primeiro concerto que deu, levámolo nós a tocar. Despois, en “Bachata da morte” e “Volcáns” foi con Iria Medraño [a súa parella]. Tiña moitas ganas de saír xuntos nun vídeo para dicir no futuro “mira, aí estamos nós de novos”. Por último, traballamos con Treintañeras cañeras que son uns golfos. Hai un feeling especial con eles e fixemos un rollo en plan Rage against the machine con guitarra eléctrica.