A Deputación dá 126.000 euros en axudas para accións a prol da lingua galega

Vinte das beneficiarias son da comarca de Vigo

REDACCIÓN

A Deputación de Pontevedra vén de comunicar a concesión de 126.000 euros en axudas destinadas a entidades culturais da provincia para promover, fomentar e difundir actividades de dinamización da lingua galega durante o exercicio en curso. En total, son 57 as beneficiarias, das que 20 están localizadas na área de Vigo.

Segundo salientou o presidente do organismo provincial, Luis López, “a lingua galega diferéncianos e proxéctanos no mundo cunha personalidade única”, e avanzou a determinación da Deputación por “potenciar e moito a nosa cultura e a nosa lingua como sinais de identidade fundamentais para posicionarnos nun mundo cada vez máis global”.

As axudas, destinadas a entidades culturais sen fins de lucro, permitiron subvencionar ata o 75% do orzamento ata un máximo de 3.500 euros. Entre os programas susceptibles de recibir fondos públicos están os certames ou feiras, estudos sobre sociolingüística, recuperación da toponimia ou accións para o fomento do emprego do galego no comercio e industria.