Ana Pontón transmite satisfacción polo momento que atravesa o BNG e cansanzo logo da asemblea nacional desta fin de semana na que foi reelixida portavoz nacional. Rexeita a etiqueta de independentista e tira de retranca ante as críticas do PP aos seus 17 anos como deputada, pois tomou posesión no 2004 por primeira vez.
Relacionadas
Hai uns anos, en pleno apoxeo de Podemos e as mareas, díxome nunha entrevista que os anos 90 non volverían para o BNG. Parece que se trabucou. Por que vive o BNG este momento e Galicia volveu ao tripartidismo?
Voulle levar a contraria. Non estamos nos 90, estamos no 2021. E mudaron moitas cousas. Hoxe temos un BNG más unido e cohesionado ca nunca, que colleitou o seu maior número de escanos e estamos en disposición de desputarlle a hexemonía ao PP. É o obxectivo que nos marcamos na asemblea: dirixirnos á maioría social para darlle un futuro mellor chegando á Presidencia da Xunta.
Como quere ampliar a base social do BNG?
Como ata agora. Imos seguir facéndoo porque nos últimos anos cada vez máis galegos están apoiándonos electoralmente e moitos outros coinciden con propostas nosas como que temos dereito a unha tarifa eléctrica propia, que hai que parar o bum eólico depredador, que precisamos a chave dos nosos cartos ou que debemos rachar con ese centralismo que fai que Galicia perda. Cada vez que deciden por nós, deciden contra nós. E nós queremos un proxecto para que Galicia gañe. Iso pasa por que cada vez máis galegos confíen na única forza política galega que ten as mans libres para defender o país.
“O BNG nunca se definiu como independentista, é nacionalista e quere darlle un futuro mellor á xente”
Por que se renuncia ao independentismo? Pasan de defender a República Galega ao “soberanismo”. Que significa?
O BNG está onde sempre estivo: no nacionalismo. É tan así que levamos no nome o que somos: o Bloque Nacionalista Galego. Iso significa defender que Galicia é unha nación, que temos o dereito a deixar nas mans da cidadanía galega as decisións máis relevantes e aí é onde estivemos e onde imos seguir estando.
Vostede quere unha Galiza independente?
Quero unha Galicia na que a xente teña futuro. Tivemos unha asemblea na que apostamos polo nacionalismo. Non hai novidade.
En documentos do 2017 falaban de constituír a República Nacional Galega e a UPG pula por instaurar un Estado galego. Non hai cambio?
O BNG nunca se definiu dese xeito e xa puxo no seu nome o que é: nacionalista. Temos os mesmos principios da nosa fundación e estamos traballando no día a día dos galegos, en darlles alternativas aos seus problemas e poñer solucións. A curto prazo temos un obxectivo claro: gobernar este país para darlle un futuro mellor á xente que vive aquí. Xa está ben de que se pechen empresas e non haxa alternativas, de que a xente teña que emigrar, de dicirlle aos mozos que o seu futuro é a precaridade ou de que os recursos do país sirvan para que grandes lobbys económicos se forren mentres esa riqueza non xera máis benestar. Iso é o que defendemos sen renuncias de ningún tipo. O BNG sempre se definiu como nacionalista e non con ningunha outra etiqueta.
Gustaríalle vivir nunha República Independente galega?
Non é un problema do que che guste ou non, senón de cal é a folla de ruta trazada desde o realismo e cos pés na terra desde a Galiza de 2021.
Ana Pontón, una canterana al rescate
Eliminaron o límite de tres mandatos para cargos institucionais e o PP critica que vostede leve case dúas décadas no Parlamento. A que obedecen esas críticas e por que quitan ese tope?
O PP está obsesionado co BNG. Ese nerviosismo delata que saben que a alternativa real ao PP é o BNG. É sorprendente que un partido que acaba de obter maioría absoluta estea máis centrado en facerlle oposición ao Bloque e á súa portavoz nacional que en gobernar. Se a única crítica do PP é que levo moito tempo adicándome a defender este país, é unha medalla que me colgan.
Considérase unha política profesional?
Non, considérome unha política vocacional. Non temos que criminalizar a política.
Vese competindo con Feijóo no ano 2024?
Tres anos en política é moito tempo. Estarei onde a militancia decida. O que si vexo é ao BNG competindo para que Galiza teña por primeira vez unha Presidencia do BNG.
Se mañá fose presidenta da Xunta, que tres medidas máis urxentes tomaría?
O primeiro sería reverter os recortes en sanidade, sobre todo en Atención Primaria; o segundo, poñer en marcha un plan para industrializar o país e xerar emprego de calidade; e o terceiro, apostar pola ciencia e a innovación.
“O machismo existe en todas as esferas, tamén na política”
Defende a necesidade de pór o foco no feminismo. É machista a política galega?
Negar que existe o machismo sería negar a realidade e está en todas as esferas, tamén na política. Se algo me motiva é construír unha política máis feminista, apoderar as mulleres do país e construír unha Galicia igualitaria. Temos que poñerlle o turbo ás políticas feministas porque estamos fartas de agardar.
O BNG denuncia que moitos nenos entran na escola falando galego e saen falando castelán. Teme que lle pase á súa filla o ano próximo?
Non lle toca [ir a escola] o ano que vén, senón ao seguinte. Pero iso non é un temor, é unha realidade. Hoxe en día, temos miles de pais denunciando queos seus fillos entran na escola falando galego e saen falando castelán. É responsabilidade dun decreto [da Xunta] vergoñento que non debería seguir en vigor. Estase menoscabando o dereito dos pais a educar os seus fillos en galego.