A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avogou está mañá pola necesidade de tomar as decisión axeitadas para conseguir presidir a Xunta en 2024. Pontón, no discurso inaugural da XVII Asemblea nacional do BNG, que se celebra hoxe no Coliseum" da Coruña, advirtiu de que quedan tres anos para "facer historia" e de que nestes anos a formación non se pode equivocar nas decisións que tome: "Superamos aos que nos citaban en pretérito e hoxe o BNG é a segunda forza de Galicia".

Pontón fixo referencia á "remontada" da organización desde 2016 grazas á toma de decisións "audaces" e sen renunciar aos seus principios. "Aquí está o BNG máis unido e cohesionado", dixo, para reivindicar a fortaleza do BNG na "xenerosidade e lealdade" do colectivo e non de persoas concretas.

Pontón lembrou a necesidade de axustar "táctica e mensaxe" cando os resultados non acompañaban. "Tomamos decisións audaces cando apostamos por un discurso claro e actualizado que fuxise de ideoloxismos e pudiese conectar coa cidadanía", relatou Pontón, que puxo sobre a mesa a necesidade de ampliar a representación institucional, tanto nos proxectos municipais como no Estado.

"Acertamos nesas decisións porque soubemos ler que era o que estaba pasando e foron eses acertos os que nos levaron a endereitar o rumbo do barco", relatou Pontón, que non obviou o seu período de reflexión e dixo estar "ilusionada". Asegurou que está convencida de que a organización "acertará nas decisións" que tome para chegar á "maioría social".

Pontón alertou do perigo de caer no "conformismo ou na rutina" e reivindicouse coma unha muller que, nin na política nin na vida, dá nada por sentado. "Deixarse levar pola inercia ou a autocompracencia sería un erro maiúsculo", dixo Pontón, que puxo como obxectivo gañar a Xunta en 2024 e, para iso, considera que é imprescindible o "contacto permanente" con sectores económicos, sociais e culturais.

Pontón fixo referencias tamén á pandemia é a crise económica derivada dela. "Fronte á crise: nacionalismo", reivindicou Pontón, que prometeu "traballo sen descanso" para "liderar Galicia" no 2024.