Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paulo Nogueira Porto Director do CEIP As Covas (Meaño) e ponente no Foro "Nuevo currículo para nuevos desafíos"

“É inasumible que un neno de 6º teña que afrontar 635 estándares de aprendizaxe”

Paulo Nogueira, na biblioteca do CEIP As Covas, en Meaño. Noé Parga

O CEIP As Covas, en Meaño, foi recoñecido e premiado pola Xunta, polo seu novedoso xeito de abordar o proceso de aprendizaxe, ou por Unicef, por apoderar a nenos e nenas. Para o Goberno central é un exemplo de centros educativos que levan traballado polo enfoque competencial que procura a Lomloe, por iso o seu director, Paulo Nogueira, foi un dos escollidos para explicar no foro “Nuevo currículo para nuevos desafíos”, organizado polo Ministerio de Educación, a filosofía dun colexio no que o consello escolar da infancia vai máis alá dun órgano consultivo.

–Ao seu xuízo, que lle sobra e que lle falta ao currículo actual?

–Creo que lle sobra conceptualidade e que lle falta interdisciplinariedade. Afondando un poco máis na pregunta, un neno ou nena de 6º de primaria ten que facer frente ao redor de 635 estándares de aprendizaxe no curso. É inasumible, non ten ningún sentido e é inabarcable para os docentes e para o alumnado. A cuestión que plasmamos no Foro é “De que se trata? De dar currículo, de aprobar sobre os contidos desde currículo ou de realmente favorecer unha aprendizaxe a través dese currículo?”

–Indo ao que falta: pode explicar o da interdisciplinariedade?

–A formulación é moi “asignaturesca” e quizais unha das cuestións que máis se demandan é máis interdisciplinariedade e máis interconexión entre os elementos que conforman o currículo. Tamén son moi necesarias flexibilidade e autonomía para os centros, para poder realizar horarios ou agrupamentos e potenciar traballo internivel, non ter que traballar en compartimentos.

–A autonomía existe xa...

–Si. Por un lado, a lei outorga aos centros autonomía pedagóxica, pero, por outro, vémonos na obriga de ter que buscar sempre unha tradución para que as administracións nos comprendan de cara a planear horarios ou posibilidades de traballar en agrupamentos distintos, mesturando aulas ou saíndo desa formulación de asignaturas da que falaba, por exemplo.

–Que avaliación quererían?

–Se se contemplan estas propostas, é necesario reformular o ámbito da avaliación para que non asigne só un número sen máis, senón que sexa unha avaliación cualitativa, máis integral. Como por lei estamos obrigados a entregar un boletín coas cualificacións, nós xuntamos nel un informe de cada neno que inclúe todas as cuestións que observamos na súa evolución, fortalezas e puntos febles e outras que no currículo non están contempladas, pero que son moi importantes, como todo o que ten que ver co ámbito de resolución de problemas, o emocional, de capacidade para xogar, empatía... Así topamos un xeito de aportar unha avaliación máis integral, máis real e máis persoal.

O papel do profesorado

–Está o profesorado listo?

–É importante que se faga a renovación do currículo, pero por si só o documento non vai ter validez se non vai acompañado dun plan de formación moi potente e dunha renovación radical das facultades de Educación. Se non hai unha actualización importante no profesorado, un cambio de mirada, e non chegan novos profesores con ese perfil competencial, vai ser moi complicado que o novo currículo vaia para adiante.

–Pode contarme que fixeron vostedes no seu centro en relación a esas ideas? Ao Ministerio de Educación pareceulle interesante que o compartisen no Foro sobre o currículo...

–A grandes trazos, baseándonos no noso proxecto educativo, decidimos que o libro de texto non ía ser a ferramenta metodolóxica que nos condicionase no día a día, senón promover no seu lugar unha liña de traballo de corte construtivista e dando pé a pedagoxías activas. Ademais, decidimos alternar tempos e espazos: os horarios non se desenvolven só por materias e o lugar de aprendizaxe non ten por que ser só en exclusiva a aula. Por outro lado, unha cuestión fundamental é que nos centramos moito máis nun traballo de cooperación ca de competición. Creo que hai unha cultura educativa de competición excesiva e que incide no aspecto de “exame, exame e exame” e nós optamos máis por ter máis presente o traballo en equipo. Finalmente, un aspecto para nada menor: nestes catro anos tentamos que o perfil da escola no que atingue á relación de comunidade cambiase, sobre todo no que ten que ver na relación entre mestres e alumnos, para que sexa unha relación na que prime a dignidade e non a imposición e isto ten moito que ver con como resolver os conflictos ou con como nos apodaremos para chegar a acordos. É unha filosofía que ten moito que ver co respecto á infancia.

–Que lle gustaría que outros centros aprendesen do que dirixe?

–Todo o traballo dos últimos anos ten dous grandes obxectivos: un é loxicamente a mellora da calidade educativa e outro, para nós non menor, é contribuír co traballo da escola a conseguir unha infancia más plena.

Compartir el artículo

stats