Alén da aula

Emprendedoras galegas da educación: “Pensámolo, valorámolo, vímonos quen e alá fomos!”

Tres historias de emprendemento educativo que nos amosan as distintas fases dun mesmo obxectivo: facer realidade unha visión propia do oficio

Anais Taboada e Alba Varela están a piques de abrir as portas de Piruleta (O Carballiño), que innova na educación de 0 a 3 anos.

Anais Taboada e Alba Varela están a piques de abrir as portas de Piruleta (O Carballiño), que innova na educación de 0 a 3 anos. / Faro

María Bueno

María Bueno

En 2021, a porcentaxe de mulleres involucradas en iniciativas emprendedoras de menos de tres anos e medio en España superou por primeira vez á de homes e parece lóxico pensar que estas cifras se deixen sentir tamén — ou mellor dito: especialmente— no sector da educación, onde actualmente 7 de cada 10 docentes son mulleres

Poñer en marcha un negocio nin é tarefa fácil nin desde logo está ausente de trabas e, malia todo, quen mellor para falar de perseverancia, de intentalo unha vez máis, de saber soñar e de querer ir un paso máis alá que aquelas persoas que ensinan aos nosos nenos a extraordinaria tarefa de aprender a aprender

Comprobámolo ao fío de tres historias de emprendemento educativo que nos amosan o día a día das distintas fases dun mesmo obxectivo: facer realidade unha visión propia do oficio

“... Desexando poñer a bata!”

“Entendíamos a educación de forma distinta a como a estabamos a vivir na nosa experiencia laboral: queríamos adaptarnos moito máis ás necesidades individuais de cada neno, deixarlles experimentar e aprender xogando. Como as dúas tiñamos esa visión, falámolo, valorámolo e vímonos capaces así que: alá fomos!”. 

A Anais Taboada, Ciclo Superior en Técnico Educación Infantil, e Alba Varela, Grado en Educación Infantil, non lles chega o momento de “poñer a bata e empezar a traballar”. Teñen moitas, “moitísimas”, ganas de abrir as portas de “Piruleta” no municipio ourensán de O Carballiño. 

O apelativo cariñoso co que ambas se dirixen a miúdo aos seus nenos e nenas da deste xeito nome ao centro de 0 a 3 anos inspirado en metodoloxías en auxe como Montessori, Pickler ou Waldorf no que ambas están a piques de plasmar todas as súas inquietudes coma educadoras. 

Só lles queda un único e derradeiro paso burocrático e contan que iso, a documentación, está a ser o proceso máis longo e tedioso, pero cando se lles pregunta polo reto máis importante, téñeno claro. Elas pensan noutra cousa: “Estar a altura da confianza das familias e é, grazas ao boca a boca, moitas xa amosaron interese”. 

Chega o premio: “É que dis ti: todo o esforzo ten recompensa”

Nerea Iglesias é a coordinadora pedagóxica de Purrusquiños (Vigo), recoñecida como Mellor Ludoteca de España nos prestixiosos Premios de Excelencia Educativa este 2023.

Nerea González é a coordinadora pedagóxica de Purrusquiños (Vigo), recoñecida como Mellor Ludoteca de España nos prestixiosos Premios de Excelencia Educativa este 2023. / Faro

Entrar no Instagram de Purrusquiños e ver aos nenos vendimar sen saír de Vigo, crear a súa propia salsa de tomate caseira ou artellar decoracións para o vindeiro festexo que toque ese mes basta para entender por que vaga a pena apostar por un proxecto propio. 

Coma no caso de Piruleta, querían “crear un espazo que fose un fogar, un refuxio para aprender a través do xogo e das vivencias reais” e, catro anos máis tarde, non só poden dicir que o lograron, senón que ademais a súa labor vén de ser recoñecida co galardón a Mellor Ludoteca de España nos Premios de Excelencia Educativa: “Bueno, é que: madre mía! Foi un chute de enerxía tremendo, marchamos para Madrid recollelo porque dis ti: é que todo o traballo ten a súa recompensa”, rememora Nerea González, profesora de Infantil, Máster en Dificultades da Aprendizaxe e coordinadora pedagóxica do proxecto que empezou a perfilar xunto a súa parella Sebastián Castiñeiras xa no ano 2018; e do amor ven todo, ata o seu inmellorable título: “Era o alcume que tiñamos entre nós”. 

Pero a posta en marcha de Purrusquiños, que naceu da ilusión e as ganas de ofrecer algo diferente en Vigo, non estivo exento de problemas. Os trámites burocráticos e máis o acondicionamento do local retrasaron a apertura de portas ata un ano e medio e, cando puideron facelo, pronto chegou o peche pola pandemia: ⁣“Claro, a inversión era grande, pediramos créditos e non sabíamos que ía pasar, pero dixemos:‘mira, chegamos ata aquí que nos costou ano e medio de traballo; pois agora non imos parar”, conta Nerea e damos fe de que vagou a pena porque soa envexablemente sincera cando nos di que cada día sen excepción vai feliz ao traballo: “Mira, podo ter mil problemas, que é entrar alí e esquécenseme todos. A xente que coñece o centro por primeira vez di que da paz e é verdade, coma si fora un mundo aparte. O mellor son os nenos, ver a súa felicidade”. 

Que a fase de namoramento non remate nunca

Patricia García, mestra, psicopedagoga e creadora de Trazos en Redondela.

Patricia García, mestra, psicopedagoga e creadora de Trazos en Redondela. / Faro

“Eu non me esquezo 
do meu primeiro aniño, cunha metade chea de cores vivas e chispas, pero escuras no 50% restante polas dúbidas. O consello para min é manterse sempre fiel a unha mesma”

“O vínculo cos nenos, si, iso é o máis importante. A confianza, saber transmitirlles que poden falar contigo sen medo a que os xulgues; e o traballo coas familias, acompañalas, apoialas, iso é fundamental”. 

Quen entende de economía —e da vida—, di que máis difícil aínda que empezar é saber manterse, pero vendo a traxectoria da mestra e psicopedagoga Patricia García, con dez anos de recorrido ao fronte do centro de apoio escolar Trazos en Redondela, parece ata fácil. 

Non o é: unha vez máis, hai máis traballo e esforzo do que se ve, hai momentos de agobio e canseira e hai tamén moitas ganas de seguir aprendendo. Como non perder a ilusión segundo vai pasando ao tempo? “Eu intento que esa primeira fase de namoramento da idea non remate nunca: aínda que mantendo os pes na terra, cada ano busco novos retos, un novo obxectivo”.

E abofé que é certo porque García non deixou de dar pasos adiante desde que hai dez anos empezara dar clases de reforzo na súa propia casa. Hoxe non só dirixe un espazo referente, senón que, ademais, converteuse en mestra de mestres: considerada unha das grandes voces galegas da creatividade en educación, cada vez son máis os colexios e congresos de docencia que requiren a súa presenza como formadora. 

“Unha das cousas máis difíciles de innovar son as dúbidas das familias ao principio, pero hai que dar unha marxe á xente para que vexa que as túas ideas teñen resultados, que é cando empezas a gañar en confianza e liberdade. Eu non esquezo o meu primeiro aniño, cunha metade do folio cheo de cores vivas, chispas e estrelas; pero tamén escuras noutro 50% porque o proceso de espera é duro. Se me preguntas que lle digo eu a quen empeza, o consello para min é manterse sempre fiel a unha mesma, crer nas túas ideas se realmente cres nelas e darlle tempo ao tempo”.