Patrimonio

Á sombra de Prisciliano

Capela dos Martores, Valga

Sobreiras arredor da capela dos Martores.

Sobreiras arredor da capela dos Martores. / Iñaki Abella

Nunha paraxe solitaria e escondida xunto ao río Valga álzase a capela dos Martores ou de San Mamede, rodeada de sobreiras e carballeiras que definen un territorio máxico e en sombra. É un deses lugares telúricos da Galicia rural que anticipa maxia e lenda. Dise que nos arredores da pequena ermida, á que se lle supón unha orixe paleocristiana, existiu unha necrópole na que puido estar enterrado o mesmo Prisciliano.

O templo que existe na actualidade foi edificado sobre outro anterior á cristianización. Datado no século XVII, o que se pode ver hoxe ten planta rectangular, muros de cachotería -excepto a fachada, que é de perpiaño- e campanario. Aínda que de factura sinxela, deu moito que falar ao longo do tempo polas moitas lendas asociadas ao lugar. Segundo a teoría do bispo José Guerra Campos, natural de Ames, no seu traballo Exploraciones arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago, de 1982, sinala os Martores como unha localización posible para o enterramento de Prisciliano.Apoia a teoría na existencia dos sartegos antropomorfos que poden datar do século IV, e na propia toponimia do lugar. A capela é un deses emprazamentos que se relacionan cunha das figuras máis importantes dese mesmo século IV e sobre cuxas orixes e restos non hai nada seguro. Cóntase que a prédica de Prisciliano tiña no noroeste peninsular un gran número de seguidores e que, polas súas ideas adiantadas ao seu tempo, foi acusado de herexía e axusticiado en Tréveris.

Na imaxe grande: sobreiras arredor da capela  dos Martores.  De arriba abaixo: fervenzas de Raxoi; vista da capela; sartego.  |  FOTOS: IÑAKI ABELLA / ARQUIVO.

Vista da capela. / Arquivo

Moito se escribiu sobre este bispo convertido en lenda, sobre o que se segue investigando e rodando documentais, como o que se filmou recentemente na propia capela e a súa contorna, que ao longo do tempo continuou dando sorpresas. Nunha das últimas restauracións (en 1950) atopouse un ara romana dedicada ao deus Mercurio no propio pavimento da igrexa. A pedra, colocada coa inscrición cara abaixo, estaba aproveitada como chanzo de acceso ao altar. Na actualidade consérvase unha reprodución no interior da capela, xa que a orixinal atópase exposta no Museo de Historia Local de Valga. E é que Prisciliano vén ser un deses personaxes da historia envolvido en misterio. Sábese -ou suponse- que, tras ser decapitado, os seus restos regresaron a Hispania e mesmo hai teorías que apuntan unha posible orixe galaica do bispo. Entre os lugares posibles nos que dorme o seu sono eterno barállanse a igrexa de Marialba (León), Santa Eulalia de Bóveda (Lugo) ou a propia catedral de Santiago.

Á sombra de
Prisciliano

Fervenzas de Raxoi. / Arquivo

O topónimo de Os Martores, a necrópole medieval ou o propio pasado romano da capela deron forma ao relato dun lugar de seu fantástico. O seu aspecto de bosque encantado viuse referendado por unha nova catalogación, a das súas sobreiras seculares que franquean a igrexa, declaradas en novembro do ano pasado Árbores Senlleiras de Galicia. A asociación cultural Os Penoucos, que impulsou o seu rexistro e declaración, estima a antigüidade das árbores en dous ou tres séculos. Unha delas excede os dezaoito metros e a outra supera os dezaseis. Aínda que son dous, ata hai non moitos anos eran tres os exemplares. Para a súa salvagarda, a entidade valguesa solicitou a súa inclusión na listaxe de senlleiras hai un ano.

Á sombra de
Prisciliano

Á sombra de Prisciliano / Tere Gradín

As árbores non fan senón embelecer aínda máis este territorio encantado no que non faltan un vello muíño e unha fonte con fama de milagreira. Moi preto están as fervenzas de Raxoi e Perafita na que existe unha pasarela de madeira que permite gozar de frondosos vales de vexetación autóctona, muíños e cascadas. Preto do tramo pódese coñecer outra xoia patrimonial de Valga, a igrexa de Santa María de Xanza, construída no século XI baixo o mandato do arcebispo Diego Xelmírez. Aínda pode verse a súa estrutura orixinal románica.

Paseo polo patrimonio

Parte do pasado de Valga e do seu patrimonio pode coñecerse no Museo da Historia, no que ademais se dedica un apartado á súa veciña máis ilustre, Agustina Carolina Otero Iglesias, máis coñecida como La Bella Otero. Historia, arte, xeografía e etnografía fan deste museo unha visita de grande interese cultural. Na planta baixa faise unha presentación centrada no territorio e o medio natural do concello, incluíndo as principais vías que atravesan o municipio, como o Camiño Portugués ou o Camiño Real. No primeiro piso faise un percorrido pola historia de Valga desde os seus primeiros poboadores ata chegar ao mundo contemporáneo. Aquí pódese obter información sobre as igrexas románicas do termo municipal para despois visitalas.

O entrechán está dedicado á vida e obra do historiador valgués Xesús Ferro Couselo, mentres que o espazo da última planta vira ao redor da apaixonante figura da Bella Otero, que inclúe pezas como a primeira gravación que se conserva da que foi gran figura da Belle Époque, un pequeno vídeo filmado pola cámara dos irmáns Lumière. Nos anexos atópase outro edificio expositivo, unha recuperación de casa tradicional galega de finais do XIX. A vivenda, vinculada á infancia da Bella Otero e cunha coidada recreación etnográfica, reflicte a cultura e tradicións galegas e mostra como foron os primeiros anos da artista.

Suscríbete para seguir leyendo