Nas viñetas de "Imbécil"

O novo anecdotario “patético” de Camille Vannier

"Imbecil" (2024), de Camille Vannier.

"Imbecil" (2024), de Camille Vannier. / Arquivo

Raquel López

Camille Vannier (París, 1984) publica nova obra, e é a perfecta para recuperarmos o humor nesta primavera que vai cun algo de retardo.

A autora francesa, afincada desde hai case dúas décadas en Barcelona, moi recoñecible por un estilo gráfico “espantoso” do que presume e que converteu en bandeira, fai gala novamente da súa ausencia de timidez en Imbécil (Caramba, Astiberri, 2024). Cando parece que a fonte da novela “do eu” empeza a esgotarse, de súpeto xorde unha obra autobiográfica sen pretensións, que funciona na súa absoluta sinxeleza, chea de situacións absurdas que che arrincan gargalladas. Vannier é, certamente, toda unha experta nisto último.

A ilustradora, que se formou nas escolas Atelier de Sèvres e Escola Massana, traballa como freelance desde o 2010 para revistas como El Jueves, Vice, Paulette ou Rojo Putón. En 2011 publicou o seu primeiro cómic longo con Ediciones Sinsentido, El horno no funciona, no que falaba da súa experiencia compartindo piso no barcelonés barrio de Gràcia con todas as diferentes persoas que pasaran por el. Entre colaboración e colaboración fanzineira, en 2018 aparece Poulou y el resto de mi familia (Editorial Sapristi), un biopic disparatado que conta a estrafalaria vida do seu avó, un cruzamento entre os actores Louis de Funès e Jean-Paul Belmondo; e xa en 2022 comeza a súa andanza na editorial Astiberri, baixo o selo ¡Caramba!, co título Sexo de mierda. Neste libro, Camille Vannier explota e esfaragulla sen vergoña as anécdotas sexuais máis embarazosas propias e de amigas e amigos, compilando infortunios, malas citas, frases desafortunadas e situacións vergonzantes que che permitirán revivir unha vez máis ese bochorno que impide durmir polas noites pero que se converte na historieta estrela nos eventos sociais. Agora, con Imbécil repite fórmula e presenta sen pudor unha colección dos seus peores momentos, eses que rezuman patetismo e miseria, pero tamén moita aceptación e amor propio, e que a nosa autora dividide en tres secciones temáticas: “Ruin”, “Loser” (perdedora) e “Borracha”.

Nas viñetas de Imbécil

Viñetas de "Imbécil". / Arquivo

No primeiro capítulo, “Ruin”, Vannier recupera as súas actuacións máis mezquinas e é moi probable que algunha lectora ou lector se descruban a si mesmos/as compartindo algunha baixeza. En “Loser”, recompila historias nas que pecou de inocente ou se pasou de lista sen selo. E aínda que son capítulos con entidade propia e moi divertidos, sen dúbida poden tomarse tamén como un preámbulo para “O Capítulo” seguinte: “Borracha”, todo un despregamento de situacións moi tolas, tan vergonzantes como desternillantes, que te levan desde a sorpresa á empatía pero sempre co sorriso na boca. Asi, cun humor directo e soez e situacións moi ridículas pero moi reais –e dá igual se te identificas con ela (se é así, síntoo e parabéns, na parte que corresponda) ou non–, o goce está asegurado.

Ademais de por esa capacidade tan sa de autocrítica e exposición, o seu cuestionado estilo de debuxo –na primeira lapela transcribe varias opinións reais críticas e moi crúas sobre el– potencia esa frescura tan divertida. Lineal e colorido, fluído e orgánico, feísta e moi afastado do academicismo, é extraordinariamente eficaz e expresivo. Podes comprender perfectamente unha escena só coas expresións da protagonista e sentir como esas tres ou catro liñas transmiten e expresan múltiples emocións simultáneas. En fin, un cómic tan libre e espontáneo como divertido e incómodo que che deixa con ganas de coñecer as seguintes (des)venturas de Camille.

#Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega

O pasado 2 de abril inaugurouse unha nova exposición na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela: #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega. Esta mostra coral establece o foco nun desglose do traballo BD de seis autoras galegas: Bea Lema (A Coruña, 1985), Julia Lago (A Coruña, 1994), Xulia Pisón (A Coruña, 1985), Maru Astray (Santiago de Compostela, 1994), Uxía Larrosa (A Coruña, 1993) e Pepa Prieto Puy (Santiago de Compostela, 1989). A exposición está comisariada por Íñigo Rodríguez Román como parte do programa Mulleres en cadriños, dirixido por Neves Rodríguez; ambos pretenden poñer de relevo “dúas realidades que resultan irrefutables: que a banda deseñada é arte e que as artistas galegas de BD son posuidoras dunha potencia visual e un discurso artístico de primeira orde”, segundo declaracións do propio comisario.

Con estes dous temas como eixe central, a iniciativa programa tamén, de forma paralela á exposición, diversos talleres e relatorios e encontros nos que contarán, ademais de coas seis autoras, coa investigadora María Gil, a xornalista Elisa McCausland e o dúo artístico Los Bravú, composto por Dea Gómez e Diego Omil. A mostra, con entrada gratuíta, poderase visitar ata o próximo 16 de xuño.

Suscríbete para seguir leyendo