“En Galicia temos unha cantidade impresionante de bestiarios”

Xosé Ramón Mariño Ferro é coautor, á canda do crítico de arte Carlos L. Bernárdez, de Bestiario en pedra. Animais fabulosos na arte medieval galega (Laiovento), un libro que pretende recuperar unha parte esquecida do noso patrimonio artístico e simbólico

Xosé Ramón Mariño Ferro, en Vilagarcía.

Xosé Ramón Mariño Ferro, en Vilagarcía. / Iñaki Abella

–Como Vdes. confirman no limiar do seu libro, os artistas medievais levaban á pedra os animais que coñecían polos bestiarios (entendidos como coleccións de relatos de animais reais ou imaxinarios). Cales eran as procedencias de tales bestiarios?

–A principal procedencia dos bestiarios medievais vén de O Fisiólogo ( séculos II/III), pero despois hai moitísimos máis, famosos polas súas miniaturas, como son o de Oxford, o de Cambridge… Hai moitísimos, e eses son xa do século XII, que é cando máis bestiarios se escribiron. Pero, xa digo, todos teñen como fonte O Fisiólogo que, á súa vez, bebe das fontes dos relatos dos gregos e dos romanos, pero mudando a perspectiva. O que fan os bestiarios posteriores non é describir a realidade, aos seus autores non lles importaba facer un traballo científico nin zoolóxico, senón que só recollían os animais, apuntaban as súas características, e a partir de aí impartir leccións morais, extraer símbolos e, se cadra, metáforas.

–As dos leóns son as figuras que máis abondan nas igrexas. Que significan?

–Pois, por un lado, como o león é un predador, na Idade Media déronlle o significado do demo porque San Pedro, nunha das súas epístolas, di que “o demo anda como un león ruxinte buscando quen devorar”.Eis un exemplo aquí de como non lles interesan as características zoolóxicas. Pero, por outra banda, como o león é un animal moi fero, o rei, o máis forte dos animais, tamén se usou nas igrexas e en edificios civís como defensor, o que impide que entre o inimigo. Repara que é curioso que teñamos leóns nas Cortes españolas! Polo tanto, os pintores e escultores da Idade Media, non pretendían facer figuras realistas, senón mostrar as ensinanzas que lle poden aportar á xente, por iso as utilizaban moito os cregos nas predicacións, e por iso abundan nas igrexas.

–Cada animal ten a súa simboloxía, pero de onde provén e que papel xogaba a relixión nesta eido?

–Quen lle deron eses significados foron os autores dos bestiarios pero, claro, resulta que o clero coñecía eses libros. Entón, cando dende á Igrexa se encargaba unha obra, “ditábanlle” ao artista que características debería ter o animal pintado ou debuxado, ou qué pecados ou virtudes había que destacar en cada caso.

–Quen eran eses artistas anónimos? Había creadores individuais ou todos traballaban en grupos?

–Como é lóxico, á maioria deles non os coñecemos porque, daquela, non tiñan ese interese porque se soubese do seu nome, aínda que os houbo que xa empezaron a quereren ser coñecidos e que os seus nomes quedasen para a posteridade, e un deles é evidentemente o Mestre Mateo. En Galicia temos unha cantidade de bestiarios impresionante, sobre todo de animais fabulosos, e nomeadamente en Santiago, na catedral. O Pórtico da Gloria, por exemplo, está cheo de animais, malia que moitísima xente non sexa quen de albiscalos. E isto pasa porque cando chegou a Ilustración, non lle deron importancia a eses animais nin ao que simbolizaban, esquecéronse deles ou máis ben preferiron, despectivamente, ignoralos, tanto polo que eran (parecíanlles monstros aberrantes) como polo seu simbolismo.

“A Serea Ave do Mestre Mateo, na catedral de Santiago, é unha das máis perfectas e fermosas de Europa”

–Dábanlles liberdade creativa aos artistas ou quen lles facía os encargos, nomeadamente o clero, eran moi estrictos ao respecto?

-A maior parte das veces era o propio clero o que facía os deseños. Pero, vaia, tratándose de artistas como o Mestre Mateo, seguro que aportaban cousas súas, saídas da súa creatividade. Eu coido, por exemplo, que unha das sereas do Mestre Mateo é a máis perfecta, e ata diría marabillosa, de toda Europa dende o punto de vista do significado, e tamén do da súa beleza. É una Serea Ave esculpida coa cabeza caéndolle sobre os ombreiros, melancólica, sedutora, sensual…e enriba ten un amorodo, que é unha froita que simbolizaba o pracer

–A maioría destas representacións en Galicia imos atopalas nas igrexas e sés, comezando pola propia catedral de Santiago. Por que non abondan tanto, por exemplo, nos castelos?

–Nos castelos non aparecen porque neles non tiñan ese sentido de educación moral e relixiosa. Nun castelo pode haber un león, ou otro animal, que signifique defensa. Ou tamén valentía, como éo caso do lobo. Onde si adoitan aparecer é nos escudos heráldicos, e neste caso representan as virtudes coas que se quería identificar á familia. Os animais teñen características de todo tipo, boas e malas; e algunhas pois, claro, tamén podían servir para a “vida civil”. Pero, concretamente, nesta investigación centrámonos nas igrexas por que é onde están os animais fabulosos.

–Quixera que me explicara a procedencia dalgúns dos animais fantásticos representados polos artistas galegos da Idade Media e qué representaban simbolicamente cada un deles. Comecemos polos dragóns…

–A verdade é que son a miña debilidade, e temos moitísimos! O dragón está composto por unhas ás de aguia, cabeza e corpo de crocodilo e, a parte máis importante, a cola, ten forma de serpe. Trátase dunha invención da Idade Media. Se te dás conta, os que che citei son os animais predadores máis fortes de cadanseu medio natural: a aguia, do aire; o crocodilo, da auga; e a serpe, da terra. Daquela, representan a maldade por excelencia, e por iso simbolizan todo o malo e, na relixión católica, fundamentalmente o demo.

–Os centauros?

–A sua construción vén da Antigüidade, de Grecia. Un centauro está composto por un corpo humano (nomeadamente de home, pero tamén os hai de muller) e o torso dun cabalo. Cando hai unha mestura de home e animal, refirese a un ser humano que ten o defecto que representa o animal. E cales son os defectos do cabalo? A violencia, o exceso sexual (polo tamaño do seu pene)... Pois a mitoloxía grega explica que había un guerreiro e violador de mulleres que se atraveu a desexar a Hera, a deusa, a muller de Zeus, o que era unha aberración total, e polo que foi castigado e convertido en centauro. Tamén representa a guerra. Nas representcións medievais, non é raro que o centauro apareza perto dunha dunha Serea Ave. Por que? Pois porque na mitoloxía grega, a Serea Ave (que é distinta da Serea Peixe) representa a mala muller, a prostituta, a sedutora.O de vir chamala Serea Ave explícase porque seduce cos seus cantos, como fan os paxaros, e como lle pasou a Ulises e mais aos seus homes na Odisea

Suscríbete para seguir leyendo