Arredor de "O Fardel da Guerra"

Conde Corbal: Intelecto e emoción

Un dos debuxos que forman parte de "O fardel da Guerra" (1936-1986), expostos no Museo de Artes do Gravado

Un dos debuxos que forman parte de "O fardel da Guerra" (1936-1986), expostos no Museo de Artes do Gravado / Arquivo

O pasado día 5 de abril foi inaugurada no Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Artes (Ribeira) unha mostra dedicada a un dos máis relevantes traballos de Xosé Conde Corbal (Pontevedra 1923- Vilagarcía de Arousa, 1999): O Fardel da Guerra (1936-1986)

O álbum de Conde Corbal, centrado na temática ligada á represión da Guerra Civil, ten esa calidade atemporal que posúe a arte cando pasa do tópico ao universal. No Fardel todos ao gravados apelan directamente ao intelecto e ás emocións. O sufrimento dos represalidos e o cruel desenlace da sublevación son comprensíbeis sen mediación. Alén diso, e nunha análise máis pormenorizada, podemos observar como o artista consegue os seus efectos. Non se subliña afectadamente a calidade de impresión en detrimento do contido; porén, é innegábel que os gravados presentan calidade de impresión, calidade que se sitúa nunha tradición que perviviu desde a convención barroca do claroscuro.

O labor de Xosé Conde Corbal ten unha forza marcadamente analítica, funcionando ao mesmo tempo cun sentido emotivo. Certamente podemos facer unha lectura do seu traballo, un intento de desciframento consonte cun código (o título, o material, a súa situación espacial...) que nos acaba por situar no territorio da tradición –das tradicións–, do cal coherentemente coido que o artista nunca quixo fuxir, senón que pretendía que o referente “signifique”, que se faga presente. Neste contexto é evidente que a claridade temática e os títulos, cando apareceren, actúan como marco de resonancia que abren vías aos sentidos posíbeis da obra, mais sobre todo o deseño deixa aberta a emoción dos sentidos, a posibilidade de captación primaria e intuitiva do espectador.

Unha das obras que conforman "O Fardel da Guerra".

Unha das obras que conforman "O Fardel da Guerra". / Arquivo

Conde Corbal conxuga a atenta observación da realidade –ese ser humano omnipresente no seu traballo– cunha precisa execución gráfica, marcadamente expresiva. Adopta sempre unha ollada de enorme intensidade emotiva, interesado por dotar as escenas dun sentido fondo, xerando tensións. Velaí a coidada estrutura formal, aparentemente espontánea, que se combina cunha tensión de fondo expresionista. As súas obras, neste sentido, suxiren, curiosamente, pola súa rotundidade, a idea de ambigüidade de figuración. A respecto desta cuestión, cómpre lembrar que desde que irrompeu a fotografía, esta inaugurou unha nova forma de entender e comunicar, que non deixou de transformar e medrar, e transformarnos á súa vez. As correntes plásticas figurativas non son alleas a esta influencia. Sería difícil entender, por exemplo, o debuxo e o gravado do noso artista sen este referente -e sen a da historia da pintura- nesa vontade de intensificación das sensacións de vivencia cotiá e da memoria cultural.

Unha das obras que conforman "O Fardel da Guerra".

Unha das obras que conforman "O Fardel da Guerra". / Arquivo

Coherente con esta xenealoxía estética, o traballo plástico de Conde Corbal ten un gusto polo popular que afunde as súas raíces no mundo social das camadas máis baixas da sociedade que comezara a ser representado na grande arte no século XIX (Gustave Courbet, Honoré Daumier...) e que en Conde Corbal é tamén unha forma de pintar Galicia e o seu drama histórico, só entendíbel desde os fundamentos ligados ao pobo, por medio dun variado conxunto de imaxes que pasadas pola súa impronta singular acaban por conformar un todo indistinguíbel, é dicir “un estilo”.

Neste sentido, o uso da planimetría é un elemento reiterado ao longo de toda a traxectoria da artista como medio para ver a realidade. Sublíñase a importancia dunha ollada lateral, múltiple e fragmentaria. N’O Fardel da Guerra" aparecen moitos dos principais temas de interese do seu momento histórico, principiando pola violencia da Guerra Civil, mais tamén podemos percibir a identidade cultural, a captación psicolóxica como motivo de reflexión conceptual e formal ou a relación co medio urbano.

Procura de sentido

Conde Corbal procurou unha ligazón entre o obxecto ou o tema representado e o espectador concreto, un espectador dun ámbito histórico real que, sen dúbida, resultaba cómplice a moitas persoas que partillaron co autor experiencias xeracionais, espazos e/ou lecturas. Percibimos, daquela, que o gravador se interesaba pola ollada do espectador e pola súa resposta, e utilizo o termo “ollada” no sentido do psicanalista Jacques Lacan, para designar o que antes se chamaría “punto de vista”, entendendo que a ollada expresa unha actitude mental da cal o autor e o espectador non teñen que ser necesariamente conscientes, mais que é un elemento plenamente actuante.

Conde Corbal traballaba na procura do sentido da obra plástica dende a memoria histórica e cultural para indagar na realidade e no mundo que lle tocou vivir. Os gravados d’O Fardel da Guerra constrúense a partir da súa visión da Guerra e “do rastro de loito e terror que a acompañou” -segundo as súas propias palabras- cun marcado sentido histórico. Desde a liberdade, o rigor e a autocrítica, para expresarse con voz propia, realizou un traballo artístico a xeito de relato, que combina maxistralmente o analítico e o emotivo para que a memoria sexa un instrumento de comprensión e de creación de sentido.

Suscríbete para seguir leyendo