Palabras para Rosalía Dans

No adeus dunha artista

A actriz e pintora Rosalía Dans (1955 - 2024)

A actriz e pintora Rosalía Dans (1955 - 2024)

Lois Alcayde Dans

Desculparame vostede, que me está a ler, se aproveito este espazo de hoxe para contarlle unha historia distinta nun recadro no que decotío falamos de todo aquilo que nos abre o peito e que nos relaciona entre nós, complicidade mediante, que é a cultura. Veño falarlle diso, mais hoxe cun pouso especialmente persoal. Na prensa non se ten moi ben visto empregar o faladoiro que nos dá a páxina en papel (se ollan as táboas de prezos, cada vez máis caro) como medio de expresión do ego, do propio, do privado. Non pretendo iso, pero si quero falarlles do familiar no máis estrito da palabra. Algo privado pero que, vista a súa repercusión estes días en prensa, vese que tamén posúe un algo de público e de compartido.

O pasado 18 de marzo morreu en Madrid a actriz, poeta e pintora galega Rosalía Dans. Na miña familia ese nome sempre apareceu acompañado duns segundos de silencio que acompañan as historias que na intimidade dos fogares quedan entre o pintoresco, o admirable e, co paso dos anos, na anécdota distante. A memoria da pantalla é efémera. Moitos actores e actrices son recuperados, anos despois do seu falecemento, en hemerotecas, nos ciclos das filmotecas ou en coleccións de filmes xa clásicos nas plataformas ou packs de oferta nas grandes superficies grazas ao case extinto DVD. No caso de Rosalía, a súa memoria quedou sempre vencellada a unha casa, a casa familiar de Curtis, na que ela, que acadaría a fama na televisión española dos anos 1980, ensaiaba e declamaba papeis dirixidos a audicións e, logo, guións de pezas enteiras que xa forman parte da historia audiovisual e da melancolía televisiva.

Aquela casa, hoxe Casa-Museo María Antonia Dans, é o primeiro lugar deste tipo adicado a unha muller pintora galega. Foi inaugurada en Curtis só uns días antes do pasamento de Rosalía. Ela interveu, xa moi enferma, nunha carta, con poucas palabras. Neste lugar a súa nai, a pintora María Antonia Dans, recollía inspiración, facía seus paisaxe e paisanaxe porque era capaz de pasear polos outeiros e terras de cultivos, polas flores silvestres e por todas as facianas dun país inseparable da súa man na terra fértil. Quero pensar –e permitiránme os meus familiares e tamén os lectores, vostedes, a licenza– que desa imaxe nun cadro, dese coñecer o humano e falar ao humano a través da paleta de cores que tiña a súa nai, Rosalía recolleu algo para namorar na pantalla e imprimir carácter na súa actuación.

Pezas como Los gozos y las sombras, unha adaptación de TVE sobre unha obra de Torrente Ballester, estreada en 1982, espuxeron a súa cara a unha España nova nisto da democracia occidental, desexosa da beleza, do sexual, do explícito e do morbo do prohibido. España viuse atraída por aquela muller de ollos relucentes, claros, que na miña familia atribúen a unha bisavoa de pelo louro e ollos azuis. Facía naquela exitosa serie de Rosario, A galana. Seguiríana personaxes como Leocadia en Goya (1985). Logo pezas como Anillos de oro (1983), Las aventuras de Pepe Carvalho (1986) e tamén Lorca, muerte de un poeta (1987).

Rosalía Dans en 1988

Rosalía Dans en 1988 / Magar

Na familia, porén, todo aquel éxito sempre quedara recuberto pola familiaridade natural na que este corpo –a familia, as familias– adoita dixerir o talento, ao que se lle engadía o afastamento físico, xa que por traballo e residencia en Madrid as estadías da actriz en Curtis eran pequenas tomas de aire en Galicia e así recoller forzas para a interpretación, algo moi similar ao que lle ocorría a María Antonia coa pintura. Da televisión saltou ao cinema español con filmes como A gran comedia, no 1986, Gallego, de 1988 ata participar en ficcións de directores como José Luís Cuerda, con Amanece, que no es poco e La seducción del caos, neste caso dirixida por Basilio Martín Patiño no ano 1990.

Foi nesa década dos noventa na que ela mesma decidiu apagar a súa estrela na actuación. As almas sensibles son aínda máis sensibles coa exposición pública. A exposición constante de Rosalía, da que intentaba evadirse no campo, saturou a propia actriz, que decidiu apartar a figura etérea da intérprete do corpo ferido da persoa. Entre as cores dunha nai que retrataba o máis difícil, o romance do sol, os gumes dos corpos anónimos que coas súas testas, mans e roupas que forman así a paisaxe, apareceu a perda desta, da súa propia paisaxe e o cansazo respecto dunha industria audiovisual da que decidiu separarse para abrazar logo a poesía e a pintura. Publicou La amatista, Testamento e Zen, tres poemarios logo compilados nun único libro que traballa o íntimo de xeito minimalista. Na pintura xogou tamén co espazo, co irreal. E así tamén marchou, deixando outra grande obra en forma de casa legada tras de si, en silencio, coas súas poucas palabras.

Suscríbete para seguir leyendo