O combate contra o racismo

Pensamentos alternativos (III)

Audre Lorde.

Audre Lorde. / FOTOS: ARQUIVO

Alfredo Iglesias Diéguez

O racismo existe porque é un poderoso instrumento de dominación nas nosas sociedades. O éxito do racismo, daquela, non se debe á ignorancia da poboación ou ao medo ao outro; o seu éxito é consecuencia da súa eficacia á hora de distribuír a cada quen nun grupo humano (as “razas”, que as persoas racistas insisten en recoñecer por riba de calquera evidencia científica, razón pola que o racismo é un discurso ideolóxico que falsea a realidade), ao que se lle atribúen determinadas capacidades, situando cada grupo humano –establecido arbritariamente– nunha posición de superioridade ou inferioridade nunha escala xerárquica. Neste sentido, o racismo está estreitamente interrelacionado co capitalismo, que é o instrumento “natural” de opresión das clases dominantes.

O combate  contra o 
racismo

Aimé Cesaire. / FV

Nos tempos da escravitude: A idea republicana de igualdade é, por definición, antirracista; porén, só Toussaint Louverture, Condorcet e Olympe de Gouges salientaron na loita abolicionista e a prol da igualdade racial –se ben é certo que a Convención montañesa presidida por Robespierre aboliu a escravitude o 4 de febreiro de 1794–. No século XIX salientou a loita pola igualdade racial e a liberdade de Sojourner Truth, Harriet Tubman e Frederick Douglas (que fuxiron da escravitude), así como as irmás Grimké (propietarias de escravos), a cuáquera Lucretia Mot e o editor William Lloyd Garrison, que estreitaron lazos co nacente movemento feminista –non en van, Sojourner Truth xogou un papel principal na convención feminista de Akron no ano 1851, na que pronunciou o famoso discurso “Acaso non son unha muller?”.

No camiño da interseccionalidade: Unha vez rematado o ciclo abolicionista, en tanto que a maioría dos países de Europa e de América renunciaron á escravitude como forma de extracción da plusvalía nun mercado capitalista –lémbrese que o presidente Lincoln tan só aboliu a escravitude no ano 1863 porque “era unha medida de guerra necesaria para garantir o triunfo da Unión”–, éntrase nun novo ciclo no que era preciso identificar a orixe do racismo e a súa función nas nosas sociedades, así como loitar pola igualdade de dereitos civís. Neste contexto xorde unha nova xeración de pensadores/loitadores, entre os que salientan W.E.B. Du Bois, quen realizou a primeira investigación sobre o que anos máis tarde se chamarían “black studies” e nos que empregou o concepto de “racismo de clase” (especialmente o termo “salario da brancura”).

O combate  contra o 
racismo

Djamila Ribeiro. / FV

Unha vez rematada a II Guerra Mundial e nun contexto no que as colonias iniciaban a súa andaina cara a independencia, alzáronse as voces de Léopold Senghor, pensador da negritude, quen en 1934 fundou L’ Étudiant Noire xunto a Aimé Césaire, quen na súa Crítica ao colonialismo (1950) vincula a violencia do capitalismo coa do colonialismo e denuncia as teses moralizantes e baseadas na psicoloxía e no innatismo para xustificar o racismo. Outra voz imprescindible foi a de Frantz Fanon, quen identifica o racismo “como unha xerarquía global de superioridade e inferioridade no continuum da especie humana que foi politicamente producida e reproducida como unha estrutura de dominación ao longo dos séculos por un sistema que se pode definir como eurocéntrico, capitalista e colonial”. Fronte a esa concepción da xénese do racismo vinculado á escravitude e a explotación colonial de América nos albores do capitalismo no século XVI, Georg Lukács sostén n’ O asalto da razón (1954) que o racismo é a culminación da filosofía irracionalista europea, que atopa a súa máxima expresión no nazismo alemán.

Nos anos 1980 xurdiron novas voces fundamentais na construción do pensamento antirracista actual: as norteamericanas Angela Davis, Audre Lorde ou bell hook, así como a brasileira Lélia Gonzalez –quen estableceu o concepto de “racismo por omisión”–, que profundan no concepto do racismo como unha arma ideolóxica do poder que forma parte dunha estrutura na que se entrelazan outras formas de opresión (de clase, de xénero ou por orientación sexual); unhas teses que anticipan o traballo de Kimberlé W. Crenshaw arredor da cuestión da interseccionalidade nos anos 1990.

O combate  contra o 
racismo

Ibram X. Kendi. / FV

O antirracismo hoxe

Nos últimos anos xurdiu un novo pensamento antirracista, do que son exemplo Como se é antirracista? (2019), de Ibram X. Kendi; Pequeno manual antirracista (2019), de Djamila Ribeiro; Antirracista, non ser racista non abonda (2020), de Joseph Wayne; Que fai un negro coma ti nun sitio coma este? (2021), de Moha Gerehou; ou, Ponte a punto para o antirracismo (2023), de Desirée Bela-Lobebde, nos que se nos anima a adoptar unha actitude antirracista. Ora ben, como se é antirracista? Un esperanzado Kendi recomenda deixar de recorrer á negación (‘eu non son racista’); admitir que alguén que apoia (por acción ou por omisión) políticas racistas ou expresa ideas racistas, é racista; recoñecer o noso racismo no apoio a políticas racistas e no uso de expresións racistas; aceptar que somos racistas porque nacemos nunha sociedade racista; comprender que só se é antirracista apoiando políticas antirracistas e expresando ideas antirracistas; loitar para que nos nosos espazos (fogar, traballo, escola...) se desenvolvan políticas antirracistas e participar en protestas ou doar fondos a organizacións que defendan políticas antirracistas; loitar por permanecer nas interseccións antirracistas, onde o racismo se mestura con outras intolerancias; e, loitar por pensar con ideas antirracistas.

Suscríbete para seguir leyendo