A festa como forma de resistencia

Dous textos de Lorena Conde

A dramaturga galega Lorena Conde.  | FOTOS:ARQUIVO

A dramaturga galega Lorena Conde. | FOTOS:ARQUIVO / Manuel F. Vieites

Manuel F. Vieites

O volume que vén de editar Cuarto de inverno (Arzúa), e leva por título xenérico Festas de gardar. Díptico para a resistencia, contén dúas pezas, recompiladas e presentadas por Lorena Conde, que nacen do traballo cooperativo das mulleres e homes que, na súa condición de actrices e actores, elaboran materiais textuais en dous espectáculos homónimos presentados polo colectivo A Feroz. Neles, a dita Lorena Conde participa como dramaturga de compañía e directora de escena. Falamos das tituladas Afterparty e Do pracer e da morte, que presentan como trazos distintivos elementos diversos do que foi (ou pode ser) a súa representación. Nos dous, amais dos habituais diálogos, soliloquios e monólogos, cos que van facendo e desfacendo os intérpretes e collen vida as persoas que habitan na escena, encontramos un poderoso texto secundario, no que domina a voz da dramaturga implícita, que desenvolve o envurullo dunha acción frenética, nas diferentes situacións que abrollan ás toas e compoñen un novelo excéntrico. Pero tamén asoma con forza a voz dunha dramaturxista que conta a maneira en que vai ser o espectáculo mental (na lectura), o que acaba por inzar o texto de ocos e baleiros que lectoras e lectores poderán ou non encher, en función do maxín de cada quen.

A festa como forma de
resistencia

Cartel publicitario da peza teatral Afterparty / FV

Carpe diem

Do pracer e da morte, segunda peza no volume, asenta en diferentes referentes literarios e plásticos. Entre eles o tríptico O xardín das ledicias de Hienonimus Bosch, O Decamerón de Giovani Boccaccio, e o libro da Xénese contido na Biblia. Como pano de fondo, a epidemia do Coronavirus que padecemos recentemente e que volve traer a primeiro plano a indefensión do ser humano diante dun destino cego, sempre inesperado e inexorable. E con tal motivo só cabe invocar unha e outra vez o motivo dun gozoso carpe diem en troques do nefasto ubi sunt. Xa llo aconsellaba Siduri a Gilgamesh no vello poema acadio: “Celebra cada día unha festa chea de ledicia!”. Polo texto aboian temáticas diversas e ideas dispersas, consonte a dimensión fragmentada da trama e a asociación aleatoria de motivos, entre elas as funcións do coñecemento e a importancia da memoria para revelar o real, ou as moreas de miles de vítimas anónimas que cada peste deixa tras de si, e que nunca ninguén lembra. E diante de tanta ignominia, tal vez a única posibilidade de liberación estea no pracer, unha forma de rebeldía que o poder sempre rexeitou. No entroido, por exemplo.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS