“Echar mis versos del alma”

Crónica galega de José Martí

Monumento a José Martí n´A Habana.

Monumento a José Martí n´A Habana.

Cipriano Luis Jiménez CasasCipriano Luis Jiménez Casas

Certamente, José Martí (A Habana, 1853-Dos Ríos, 1895), intelectual políglota, profesor e diplomático, cubano de ascendencia española, foi un dos escritores e políticos máis destacados e universais do seu tempo. Poeta finísimo, reformador de estilos, vén conformarse como un precursor do modernismo, poñendo en xogo a relación problemática entre a literatura en lingua castelá e mais a modernidade. Aparece así como un “poeta novo”, dos máis importantes do s. XIX en español, recoñecido por Rubén Darío, Gabriela Mistral ou Juan Ramón Jiménez, quen o describe como “Un Quijote cubano”. As reflexións sobre o ser humano, a poesía ou a sociedade abrollan sempre nas súas obras como obxectivos na mellora da humanidade e da liberación de Cuba. Desde a infancia, foi un radical opositor das violacións da dignidade humana e un defensor da liberdade individual e colectiva, da xustiza e dos valores morais e sociais.

A identificación de Martí coa súa patria, non só no axeitamento do imaxinario cubano senón no modo de percepción dese mesmo imaxinario noutras zonas do campo cultural, constitúen un apaixonante debate no seo da cultura latinoamericana, sintetizando coa súa vida, obra e loita revolucionaria o mellor do XIX nas terras do Caribe. En dúas ocasións foi deportado a España, onde se graduou en Dereito e Filosofía e Letras polas Universidades de Madrid e Zaragoza, 1871-1874. Volveu a Cuba, e en 1879, despois de pasar por Nova York, México e Guatemala, foi acusado de apostasía e deportado novamente.

En 1884 foise reunir cos xenerais Máximo Gómez e Antonio Maceo, cos que organizou o proceso revolucionario en Cuba, que daría na definitiva Guerra de Independencia (1895-1898). Desde Nova York, 1880-1890, envía crónicas e artigos aos periódicos La Opinión Nacional de Caracas, La Nación de Bos Aires e o Partido Liberal de México. En Caracas editou asemade a Revista venezolana, e en 1892 fundou o Partido Revolucionario Cubano e mais a revista Patria. Martí morreu no campo de batalla en 1895, aos corenta e dous anos. Xunto a Simón Bolívar ou José de San Martín é considerado un dos principais protagonistas do proceso emancipatorio latinoamericano.

Velaí unha mostra da súa extensísima obra literaria: os poemarios Ismaelillo (1882); Versos Libres (1882); Versos sinxelos (1891); Idade de Ouro (1878–1882); Flores do desterro (1878–1895); os ensaios: Marido para a miña irmanciña; O presidio político en Cuba (1871) ou A nosa América (1891): a novela Amizade funesta (1885).

“Pola liberdade do home foi que se combateu en Cuba, e moitos galegos amaron a liberdade! A estes galegos atacáronos outros. Sempre os amparei, porque aos que non saben que eses galegos son outros tantos cubanos, dicímoslles: Menten!”, deixou escrito. Galicia esta representada polo xornal Patria, onde Martí fai lembranza de dous galegos bos e xenerosos: José Martinez, o galego – “que contribuíu á causa da liberación de Cuba, na mesma medida en que representaba os ideais maiores e mais as virtudes e as nobrezas máis extraordinarias do pobo galego”– e Pablo Insua “que foi o heroe modesto e eficaz da tentativa dos cubanos pola independencia, despois do Zanjón: o heroe en Nova York”.

Martí é un exemplo ético que a ninguén lle pode resultar alleo, e aínda menos aos galegos que tan profundamente nos atopamos identificados con Cuba. A Cuba marcharon e cruzaron o Atlántico, foron deixando, como debuxos de Castelao, un ronsel de esqueletos polo fondo do mar. Os máis non regresaron, e deron á Illa o mellor do seu esforzo; alí morreron, vellos, cansos e pobres. Outros prosperaron, foron xenerosos fundando escolas e asociacións agrarias na súa terra. Foi tamén a emigración cubana a que auspiciou o primeiro libro de Rosalía de Castro, quen fundou a Academia Galega e quen puxo en vigor a nosa bandeira azul e branca.

Vigo, 1989

Do 7 ao 17 de abril de 1989, celebráronse en Vigo as “Xornadas Galego-Cubanas en Homenaxe a José Martí, Heroe Nacional da República de Cuba.” Organizadas pola Asociación de Amizade Cubana “Francisco Villamil” e auspiciadas polo concello de Vigo (sendo alcalde Manuel Soto) e mais a Xunta de Galicia, inauguraron en Vigo e para Galicia un monumento-busto a Martí nos Xardíns do Club Náutico-Avenida dos Libertadores, do escultor cubano René Negrín, doado pola UNEAC. O acto contou coa presenza do embaixador de Cuba en España, o presidente da Comisión de Relacións Exteriores do Parlamento Cubano e mais o cónsul de Cuba en Vigo.

As Xornadas foron un éxito total e nelas interviron escritores, profesores e recitadores cubanos -falando sobre a cultura, emigración, sanidade ou educación: E. Comas, N. Codina, R. F. Retamar, R. Rodriguez, L. Toledo, M. Fernández, L. Carbonell, F. Conde, ou J. A. G. Antón- e galegos: X. L. M. Ferrín, H. Barreiro, C. Sixirei, ou L. G. Tosar. Na xornada participou a Orquestra de “Neno González”, dirixida por J. Hernández; o espectáculo “Festival de música cubana”; o equipo de baile (L. Zayas, M. Zequeira); e mais as exposicións de fotografía, gravados e produción editorial cubana. Tres anos despois destas xornadas, Fidel Castro visitaría Galicia e sería recibido polo presidente da Xunta M. Fraga Iribarne.

Suscríbete para seguir leyendo