Entrevista | Iria Aldegunde Debuxante e escritora de banda deseñada

“O fío condutor de 'Memorias dun neno labrego' é a soidade”

A versión en novela gráfica de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, publicada pola editorial Galaxia, vén sendo algo así como un soño cumprido para esta xove debuxante e escritora compostelá, a cal foi namorar deste libro dende que era unha rapariga.

Iria Aldegunde, en Santiago.

Iria Aldegunde, en Santiago. / Xoán Álvarez

“Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre.” Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega. Unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea e que agora se presenta por vez primeira nunha adaptación gráfica. Iria Aldegunde, con mestría e sensibilidade, pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas.

–O de facer unha versión en cómic de Memorias dun neno labrego foi unha idea súa ou un encargo da editorial?

–Foi unha idea miña. Memorias dun neno labrego é un libro que eu sempre apreciei moitísimo, co que me sentín e aínda me sinto moi identificada, e chamoume a atención que non houbese máis adaptacións que as que fixo Cándido Pazó para o teatro. Presenteilles o proxecto a Galaxia e á Fundación Neira Vilas, déronme luz verde… e ben, aquí está.

–Trátase dunha obra emblemática na historia da literatura galega. Como asumiu o reto?

–Con moitos nervios (risos), pero por enriba de todo con moita ilusión, con moito traballo e co obxectivo de facer unha adaptación o máis fiel posible. Quería facer unha versión que respectase a esencia da obra e tratando con moita atención tanto os lectores novos como os vellos. E, basicamente, tamén con moito amor e moita entrega, porque a verdade é que os mundos da literatura a as artes plásticas sempre están moi presentes en min.

–Pero sabía Vde. que corría un risco, que se cadra decepcionaba a algunha xente…

Si, pero eran tantas as ansias que tiña de facelo…que puidieron con todos os obstáculos, prexuízos e temores.

–Supoño que o libro xa o lera de rapaza. Podía imaxinar que un día o ía a levar á novela gráfica?

Pois a verdade é que si. Atraeume dende o principio. En realidade, o primeiro debuxo de Balbino fíxeno aos quince anos, cando me tocara como lectura obrigatoria no colexio. e a profesora puxéranos como exercicio facer o retrato dalgúns dos personaxes.

–A Galicia que describe Neira Vilas neste libro xa cáseque non existe. Como se arranxou para poñerlle cara a uns personaxes que naceron e viviron hai un século?

Polo que respecta a Balbino, eu sempre quixen que fose un personaxe o máis fiel posible á descripción que Neira Vilas fai del; desexaba, como o autor, que Balbino fósemos todos. Co resto dos personaxes tomeime algunhas pequenas licenzas creativas.

–Coida que os rapaces de agora se poden sentir interesados por ler a novela despois de ver a súa versión?

–Se lles gusta ler, si. Pero se non lles gusta, dubídoo...De todos os xeitos, eu penso que,en xeral, si a lerán, sobre todo se comproban que fun quen de transmitir o meu amor por todos estes personaxes bos (e mais o odio polos malos, haha!).Iso foi o que me pasou nalgunhas presentacións da novela gráfica, e abofé que o agradecín moito, foi a mellor satisfacción que puiden ter.

–Que criterio aplicou para seleccionar as viñetas a partir do texto orixinal? Custoulle moito traballo “resumir” a esencia de Memorias dun neno labrego sen “traizoar” a historia orixinal?

Para facer adaptacións, ou cómics en xeral, o mellor é centrarse nun tema. Neste libro hai moitísimos, pero o fío condutor da narración, para min, é o da soidade, porque creo que é coma un personaxe máis que acompaña a Babino durante toda a historia. Daquela, optei por escoller aqueles capítulos nos que iso se vía máis reflectido para centrarme neste tema, porque, ademais, aínda é actual e universal.

–Tivo Vde. que adaptar ao seu estilo a historia ou, polo contrario, procurou adaptarse Vde. ao estilo da obra?

Andei á procura de varios estilos para afrontar este traballo, pero quedei cun propio no que as cores tivesen significado, que fosen narrativas. Malia que, como dixen antes, afrontei a adaptación con moito respecto, tamén cheguei á conclusión de que non necesitaba ser tan realista, senón que o que precisaba era que o resutado fose fresco e que tivese tamén a miña identidade propia.

–Rematada esta obra, qué outra novela ou novelas galegas lle gustaría adaptar?

De momento, eu tampouco quero encaixarme como unha autora “especialista” en adaptar novelas á banda deseñada, malia que me gusta moito a literatura galega. Pero con Memorias entrou un compoñente emocional moi grande, era como cumprir cun destino…De feito, no sei se volverei a adaptar algunha vez outra novela.

“Andei á procura de varios estilos para afrontar este traballo, pero quedei cun propio: o meu”

–Pensa que o seu exemplo debería espallarse máis de cara a conseguir un cómic galego, con sinais de identidade propia, alicerzado na literatura de noso?

Eu creo que non me corresponde a min respostar a esa pregunta. Todo depende do público, da acollida que teñan, da querencia que a xente lle teña ao seu e a libros coma este. A min gustaríame que este libros baseados en obras da literatura galega tivesen moito éxito, aínda que as fixeran outros, pero iso non esta nas miñas mans.

–Á marxe das adaptacións, ten proxectado publicar unha novela gráfica baseada nunha historia súa?

Polo momento, non. Agora mesmo estou a facer un conto infantil.O caso é que o que viña escribindo eu era moi serio e dramático, máis ben para adultos, por iso o do conto para nenos collino como unha especie de exercicio para tomar distancia.

–A todo isto, (e debido a que o custe económico deste tipo de libros é moito máis caro para as editoriais e, en consecuencia, tamén para o público ao que van dirixidos), os autores de cómic teñen moito máis difícil publicar que os escritores?

Se che sou sincera, non estou moi segura diso. Diría que un pouco si, pero é que tanto en Galicia como en España aínda se considera o cómic como algo para nenos ou para os que inicamente consomen manga, o cal me parece moi ben. Pero o que é propio, tenden a pasalo máis por alto, a menos que que sexa unha biografía, ou tamén a recreación dun episodio histórico…Iso semella que é o “cómic serio” pero, por exemplo, se vas a Francia, podes ver como un home ou unha muller de, poñamos 70 anos, está lendo un Astérix._Entre nós, polo menos, non vin nunca algo semellante.

Suscríbete para seguir leyendo