Memoria de “La Chicharra”

Unha residencia de artistas entre nós

Reunión social en "La Chicharra" coa enseada de San Simón ao fondo.

Reunión social en "La Chicharra" coa enseada de San Simón ao fondo. / Arquivo

José Luis Mateo

Hai casas que son consideradas parte do Patrimonio Cultural polo seu valor arquitectónico ou por teren sido habitadas por persoas ilustres. Este segundo é o caso da coñecida como “La Chicharra”, situada ao pé da estrada de Vigo a Redondela, ao carón da ponte de Rande. Foi mandada construír en 1910 por Ramón Menacho Miranda e nela viviu, ata o seu falecemento, coa súa esposa, a pintora Elina Molins.

Menacho fora empregado de banca e consignatario de Manuel Bárcena, padriño da súa voda en agosto de 1899. Tras a morte de Bárcena en 1909, conformou co seu socio Perfecto Pino un negocio de abasteemento de carbón a grande escala na ría viguesa, mediante gabarras. Dous anos máis tarde, a sociedade “Pino, Menacho y Cia” daban entrada á familia Tapias e a Sobrinos de J. Pastor e acadaban a concesión do Depósito de Carbóns da ría.

Desde 1910, o matrimonio foise instalar no predio de Rande, nunha casa de estilo inglés dotada dun xardín que a propia Elina foi deseñando de acordo coas tendencias “casa de xardinería Philippot”. Elina concluira a súa actividade pictórica, pero os seus cadros ornamentaban as estancias interiores da casa. Algunhas destas obras foron recuperadas na recente exposición dedicada a ela e mais á súa curmá Blanca Chao na mostra Pinceladas do esquecemento, na Pinacoteca Fernández del Riego. Nesta mostra recuperarónse así mesmo moitas fotografías de “La Chicharra” que amosaban o esplendor daquela casa así como do xardín e o bosque encantado que completaban a propiedade.

Tras a morte de Menacho en 1917, a súa viúva mantivo unha fecunda vida social e cultural na propiedade. Nela recibíronse poetas como o cubano Gustavo Sánchez Galarraga (1921) ou Alfredo Gómez Jaime, cónsul de Colombia en Vigo, que, lle adicou un poema á casa ao que lle poría música o cónsul británico, Francis Patron en 1933: “Dominando el paisaje de la azul ensenada,/luminoso remanso de la espléndida ría,/Entre verdes follajes, bajo el palio del día,/del chalé se dibuja la visión encantada.”

Aquel tema musical en forma de vals foi interpretado por Elina nas veladas musicais da “Chicharra” e, hai pouco, interpretada polo investigador e pianista Alejo Amoedo acompañado de Susana de Lorenzo na voz.

O espazo da casa foi escenario da rodaxe de varias películas: Maruxa (1923) foi a primeira longametraxe de ficción galega. Era a adaptación dunha zarzuela, con libreto de Pascual Frutos e a música do catalán Amadeo Vives, que tivera moito éxito en Galicia e América; esta produción tiña rótulos en galego redactados por Lugrís Freire a partir dos de Rey Soto, en castelán. Manolo González, no seu libro O benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto (Alvarellos, 2023), recolle o proceso de produción do filme e como se rodaron varias escenas no exterior da casa. O álbum de fotos de Elina Molins garda algunhas instantáneas dos dous protagonistas, Florián Rey e a francesa Paulette Landais. Entre as anédotas da crítica que sufriu, cabe destacar algunha que afirmaba que era un erro “garrafal sacar en la pantalla un chalet suizo o algo por el estilo llamándolo pazo gallego” (El Orzán).

Anos despois rodaríase algunha escena do filme Carmiña, flor de Galicia, do director italiano asentado en Portugal, Rino Lupo, en 1926. Esta produción nacional aproveitaba de novo os exteriores de “La Chicharra” para ambientar un melodrama rexional. A diferenza de Maruxa, este filme consérvase completo. Un ano despois, en 1927 “La Chicharra” foi testemuño da recepción da compañía coruñesa que viña estrear a ópera El monte de las ánimas (texto de G.A. Bécquer e música do arquitecto coruñés Eduardo R. Losada) no Teatro Tamberlick.

Foi tras a guerra que Elina Molins abandonou a propiedade e pasaron por ela outros ilustres viguese como o cónsul de Gran Bretaña, Francis Patron, Gerardo Campos Ramos ou o empresario asturiano Benjamín Suárez García. Ademais do patrimonio fotográfico conservado nos álbums familiares, mobles e obxectos foron celosamente gardados pola familia Gándara. Aínda hoxe, a casa destinouse a aluguer vacacional, conserva parte do vello esplendor con algunha decoración da época con azulexos e solos hidráulicos que podemos apreciar nos interiores.

As festas de disfraces, as veladas musicais ou as festas familiares dos Molins, Tapias, Menacho, Suárez-Llanos ou Chao quedaron prendidas naquel fermoso espazo e agora podemos recuperalas a través daqueles suxestivos álbums familiares.

Suscríbete para seguir leyendo