Teatro

Deporte e escena teatral

Lembranza de Celestino Ledo López

Detalle da ilustración de portada do Boletín Informativo do Teatro Galego "Don Saturio", nº 5 (Ferrol, maio-agosto do ano 1982).

Detalle da ilustración de portada do Boletín Informativo do Teatro Galego "Don Saturio", nº 5 (Ferrol, maio-agosto do ano 1982). / Arquivo

Manuel F. Vieites

Na historia do teatro en lingua galega, quedan moitas historias por escribir e por contar, especialmente a de tantas persoas que dedicaron horas, días e anos a construír unha escena na que poder expresar, crear e comunicar, e na que a lingua galega se puidese usar e escoitar. E houbo tempos especialmente difíciles, por motivos varios, pois nin o país contaba con estruturas que facilitasen o traballo escénico, nin ese labor se podía realizar con liberdade e moito menos en galego. Así era nos tempos da ditadura franquista, eses que agora se reivindican como unha época de esplendor e riqueza ou de liberdades plenas para una minoría moi escollida.

Nesa historia ten relevancia a traxectoria dun home ao que nos últimos días a prensa local da provincia da Coruña, con motivo do seu pasamento o día cinco de marzo, lembraba como xogador do Deportivo, do Rácing de Ferrol ou do Raio Vallecano, equipo no que se retiraría. Xogou un total de sete tempadas no fútbol profesional, tres en primeira e catro en segunda, entre 1954 e 1959. Nalgún dos poucos comentarios que acompañaban a nova non faltou quen lembrase a súa vinculación co teatro galego. Foi, en efecto, unha persoa moi activa no movemento teatral que se desenvolve nas terras de Ferrol nos anos sesenta, setenta e oitenta do pasado século XX. Da súa traxectoria pouco se ten escrito, para alén de traballos de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado, no seu Dicionario do teatro galego, de Pedro Pablo Riobó, ou de Francisco Oti Ríos. A súa historia de vida no mundo teatral acompaña a dese importante movemento que nas décadas sinaladas inzou de teatro as terras noutrora habitadas polos arrotrebos ou ártabros.

Como outras persoas que se ocupan no teatro naquela altura, sen ser profesional do campo pois traballaba na industria naval, pero con idéntica vocación artística, exerceu labores diversas, en especial a dirección escénica, en colectivos como o Grupo de Teatro do Círculo de Perlío, en Fene (1974), ou Latexo, en Ferrol (1984). Non esquecemos que foi un dos promotores, con Manuel Lourenzo ou Tino Rábade, da posta en marcha, contra 1979, da Escola Municipal de Teatro de Narón, que conta cunha andaina longa e moi notable, e na actualidade presenta un abano moi diverso de actividades de formación para usuarios moi diferentes.

Como director escenificou pezas de Eduardo Blanco Amor (O cantar dos cantares, A tía lambida), Manuel Lourenzo (Romería ás covas do demo), Ramón González Alegre (Un lóstrego na noite), Bertolt Brecht (O círculo de xiz caucasiano), Norman Robbins (Escada de palabras), Valentín Petrovich Kataiev (A cuadratura do círculo), ou Brian Francis Way (A roda, A caixa do arco iris). Destacamos a presenza de pezas de Way no seu repertorio, e o relevo deste profesor e director no campo do teatro na educación, sendo ademais promotor, con Margaret Faulks, da creación en 1953 do Theatre Centre, en Londres, compañía que aínda opera no ámbito do teatro para da infancia e da mocidade, e que adoitaba utilizar un escenario central para potenciar a implicación do público, o que daquela era unha novidade. En 1977, Ledo estreou unha peza da súa autoría, Unha vez houbo un mundo novo, título que reflicte moi ben as esperanzas e frustracións dunha época moi marcada pola experiencia da ditadura, que na contorna de Ferrol foi especialmente dura e cruenta. Un repertorio ben interesante que, como outros doutras persoas, reclama estudos específicos.

Tamén desempeñou tarefas de adaptación e versión de textos, para acomodalos ás circunstancias e necesidades de cada grupo, e nese eido da dramaturxia salientamos o espectáculo Pezas de Mimo, creado a partir de retallos de Castelao, sen esquecer A voda do latoeiro, tradución da peza de John Millington Synge. Un exemplo de servizo á nosa cultura que compre aplaudir, recoñecer e agradecer. Grazas por sempre.

Don Saturio

En 1980, con Francisco Pillado como coordinador e Celestino Ledo como director, presentouse o boletín informativo do teatro galego, "Don Saturio", editado en Ferrol, primeira publicación periódica do noso teatro, da que se publicarían cinco números, pois en 1982 deixa de editarse por falta de apoios económicos. Desaparecía no momento en que máis necesaria era a súa presenza na esfera pública, como catalizador das moitas propostas que se estaban promovendo para articular un sistema teatral sólido e ben enraizado, que a día de hoxe aínda non temos, corenta e catro anos despois.

A revista tiña como finalidade ser un medio de comunicación e difusión de ideas, programas e actividades, nun momento especialmente relevante e crítico, pois por aquela época as compañías profesionais batallan polo dereito a existir, mentres o teatro afeccionado tenta atopar o seu lugar. A destacar a sección “O teatro que podemos ver”, que informaba da carteleira de diferentes salas, e igualmente a reflexión crítica sobre espectáculos. Amais do texto de Synge antes sinalado, a revista tamén publicou a versión galega de Escorial, de Michel de Ghelderode. Iniciativa de persoas xenerosas, que aínda agardan o recoñecemento público que merecen. De novo, grazas.

Suscríbete para seguir leyendo