De razas e de racismos

Pensamentos alternativos (III)

II Conferencia Mundial contra o Racismo (1983).

II Conferencia Mundial contra o Racismo (1983). / Arquivo

Alfredo Iglesias Diéguez

O segundo artigo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos aprobada pola Asemblea Xeral da ONU o 10 de decembro de 1948 establece que “toda persoa ten todos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción algunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición”. Porén, malia esa Declaración, na que se anima a superar as desigualdades asentadas nos prexuízos raciais, non foi até o ano 1978 cando a UNESCO aprobou a Declaración sobre a raza e os prexuízos raciais, na que se establece que “todos os seres humanos pertencen á mesma especie e teñen a mesma orixe. Nacen iguais en dignidade e dereitos e todos forman parte integrante da humanidade” (art. 1.1).

A persistencia das razas

No ano 1899 Ripley publicou As razas de Europa, fundamental na construción do discurso racista xunto co Ensaio sobre a desigualdade das razas humanas (1855), do conde de Gobineau, quen afirma -segundo el, a raza caucasoide (branca europea) pódese subdividir en tres tipos raciais (teutónico, alpino e mediterráneo)- que as razas son grupos humanos que comparten un conxunto de trazos biolóxicos que se poden cuantificar ou describir (estatura, pel, pelo, uñas, nariz, labios...). A partir dese momento antropólogos como von Eickstedt (Ciencia racial e historia racial da humanidade, 1934), Coon (revisión da obra de Ripley As razas de Europa, 1939), Mendes Correia (Da raza e do espírito, 1940), Biasutti (As razas e os pobos da Terra, 1941), Vallois (Razas humanas, 1944), seguiron a defender que as razas son un feito biolóxico, argüíndo que tiñan mesmo orixes independentes. Precisamente ese foi o motivo de que a primeira Declaración sobre a cuestión racial aprobada pola UNESCO no ano 1950 mantivese a existencia do concepto raza en termos biolóxicos, como defendía Vallois fronte a xenetistas como Dobzhansky ou antropólogos como Montagu. De feito, a idea de raza mantívose en numerosos manuais de antropoloxía física até os anos 80 do século XX, momento no que Valls Medina publica as súa Introdución á antropoloxía (1980), no que defende a variabilidade “raciolóxica” da especie humana.

A superación do concepto “raza”

No ano 1950, cando se debateu en París a que sería a primeira Declaración da UNESCO sobre a cuestión racial e as imaxes do Holocausto estaban vivas entre os relatores, os estudos xenéticos xa demostraran que a “raza” non é un feito biolóxico obxectivable xa que a diversidade xenética existente entre individuos dun mesmo “grupo racial” é maior que a diversidade existente entre eses supostos “grupos raciais”. Neste sentido, foron fundamentais os traballos de Prenant, autor marxista que reflexionou sobre o concepto de raza -traballos que recolleu a editorial FCE no libro Raza e racismo (1939)-, e de Ashley Montagu, quen n’ O mito máis perigoso do home: a falacia da raza (1942) demostrou, partindo dun profundo coñecemento científico da diversidade humana, a falsidade dos argumentos empregados polo racismo para sustentar a existencia das razas. Nos anos posteriores foron fundamentais os traballos de Dobzhansky sobre xenética, herdanza e variabilidade humana; así como os realizados por Lewontin en xenética de poboacións. Por último, tamén co obxectivo de desmontar os prexuízos raciais e denunciar o seu uso na reprodución dun sistema opresor, salientan os traballos de Sahlins (Uso e abuso da bioloxía, 1976), Gould (A falsa medida do home, 1981) e Lewontin, coautor dun texto imprescindible: Non está nos xenes (1984).

Porén, alén do noso coñecemento científico actual e das declaracións, o certo é que o racismo persiste na nosa sociedade, xa que non é o mesmo ser “non racista” que devir antirracista.

De izda. a dcha., Ashley Muntagu, C. Levi-Strauss e Juan Comas.

De izda. a dcha., Ashley Muntagu, C. Levi-Strauss e Juan Comas. / FDV

De París (1950) a Durban (2001)

En 1950 a UNESCO aproba a primeira Declaración sobre a cuestión racial, da que foi relator principal Ashley Montagu, quen viña de publicar Que é o home?, un intenso alegato antirracista. A controversia foi moi intensa, tanto por parte de quen defendía a existencia das razas, como por parte de quen sostiña que a Declaración quedaba curta ao non recoñecer o Homo sapiens como unha única especie. Nese contexto, a UNESCO promoveu a publicación de obras que rexeitasen a existencia das razas, como Os mitos raciais (1952), de Juan Comas, ou Raza e historia (1954), de Levi-Strauss.

En 1978, logo de trinta anos de debates no mundo da antropoloxía e, en xeral, no ámbito das ciencias sociais, a UNESCO aprobou a Declaración sobre a raza e os prexuízos raciais, que daba por resolta a polémica sobre a existencia das razas co seu rexeitamento absoluto.

Non obstante, o mundo seguiu avanzando, tanto no eido do racismo pseudocientífico -que segue usando os mesmos argumentos rexeitados pola ciencia-, como no eido da loita contra o racismo, o que levou á celebración da Conferencia Mundial contra o Racismo, a discriminación racial, a xenofobia e as formas conexas de intolerancia Durban (2001), na que se acordou un programa de loita contra o racismo, que aínda nestes momentos segue a desenvolverse.

Suscríbete para seguir leyendo