A construción das razas

Pensamento antirracista (I)

Antigo Mercado de escravos (Lagos, Portugal).

Antigo Mercado de escravos (Lagos, Portugal). / FdV

Alfredo Iglesias Diéguez

Nos últimos séculos, moitos devotos cristiáns recitaban a Biblia –concretamente, o versículo 9:27 da Xénese no que se pode ler “Estenda Deus a Iafet para que more nas tendas de Sem e que Canaán sexa o seu escravo”– para xustificaren o seu racismo; ora ben, se ese versículo era coñecido polos primeiros cristiáns, por que a “maldición de Cam” –nome que recibe esa condena–, só pasou a lexitimar o racismo tras da chegada dos “europeos brancos” a América? A resposta é ben sinxela: a xénese do racismo está vinculada á xénese do capitalismo e, xa que logo, ao escravismo.

A xénese do racismo: No ano 1453, Gomes de Zurara escribiu, coa intención de glorificar o infante Henrique o Navegante, o primeiro libro escrito por un europeo sobre o continente africano. O título: Crónica dos feitos da Guiné. Obviamente, a obra dun cronista portugués –perdida nos arquivos en 1567– non funda de seu o racismo moderno, pero cumpre unha función principal: xustificar que os seres humanos procedentes do golfo de Guinea, e que a partir de 1444 foron vendidos no mercado escravista de Lagos, eran merecentes dese destino debido a que “que vivían como bestas, sen ningún costume propio dos seres racionais” e “nunha indolencia brutal”. Ademais, para tranquilizar conciencias negreiras, aseguraba que o escravismo os levaba polo camiño da salvación, xa que os introducía no mundo civilizado, cristián.

Tras da chegada de Colón a América (1492), comezou a súa conquista e, xa que logo a explotación e, inmediatamente, o escravismo. Efectivamente, a partir do ano 1501 introdúcense en América os primeiros escravos e no ano 1516 asínase o primeiro “asento de escravos” entre Xoán II de Avís –provedor de escravos procedentes das costas africanas– e Carlos I de Habsburgo –necesitado de man de obra barata para a explotación dos recursos naturais de América–. A partir dese momento os escravos e as escravas comezaron usarse nos enxeños azucreiros, xa que, como sinala Afonso de Zuazo, nun momento no que se estaba a discutir sobre os dereitos dos indios, “os negros, verdadeiras bestas, eran máis apropiados para o traballo duro que os indíxenas, máis febles e polo tanto reservados para traballos menos esixentes”; lembremos que as Leis de Burgos de 1512 recoñecían a humanidade aos indíxenas.

Así, Zuazo ofrece unha xerarquía que clasifica os seres humanos distinguindo tres razas –concepto introducido por Brézé en 1481–: os europeos brancos, os indíxenas americanos e os negros africanos. Daquela, a atribución de diferentes actividades económicas a seres humanos de diversa orixe xeográfica polos primeiros capitalistas europeos é o fundamento do racismo, un discurso ideolóxico que distribúe os seres humanos en razas artificiais ás que se lle adxudican unha serie de características que as sitúan nunha xerarquía racial na que hai “razas superiores” e “razas inferiores”.

Así pois, en 1578, George Best, un escritor inglés, foi quen atopou a mellor xustificación para o racismo branco: estaba escrito na Biblia. Non obstante, en ningún momento, mentres coexistían escravos de procedencia europea, asiática e africana nas cidades de Europa, os escravistas acudiron aos textos relixiosos para xustificaren o seu racismo, xa que os grupos de escravos non se correspondían co escrito na Biblia. Iso só foi posible cando a cor da pel dos escravos e a dos escravistas podía asimilarse coa maldición bíblica: os amos serían os xafétidas brancos mentres os escravos serían os camitas negros. A partir dese momento, moitos devotos cristiáns, entre os que se atopaba o bispo Berkeley, que bautizou os seus propios escravos, fundamentaron nesa maldición bíblica a superioridade racial branca e a xustificación do escravismo.

Ora ben, a medida que as luces da razón eran máis potentes, e o liberalismo que defendía que “todos os homes nacen libres e iguais” se espallaba polo mundo, había que buscar outra xustificación para o seu racismo, que foron atopar na ciencia e na filosofía moral.

O racismo moderno

Os principais pensadores liberais, tales como Jefferson, Voltaire, Hume ou Kant, fundamentaron na superioridade moral e intelectual da “raza branca” a xustificación do escravismo; velaí as raíces do racismo cultural, aínda tan presente na actualidade.

Con todo, a principal estratexia do racismo moderno foi a que usou e abusou da bioloxía. Así, xa no ano 1735 Linneo, o fundador da taxonomía e da clasificación binomial das especies, estableceu a existencia de catro razas consideradas subespecies na súa clasificación taxonómica: Homo sapiens europeus, a raza branca, intelixente e gobernado pola lei; H. s. asiáticus, a raza amarela, altivo e gobernado pola opinión; H. s. americanus, a raza dos peles vermellas, impasible e gobernado polos costumes; e, H. s. afer, a raza negra, vaga e gobernada polo capricho. Xurdía así o racismo biolóxico, do que Gobineau foi o principal representante e que establecía a existencia de diferentes razas, significativas en función da súa condición biolóxica, polo que lle deron ao discurso racista un aparente soporte científico. Paralelamente, Darwin, malia aborrecer do escravismo e denunciar o racismo, coa súa teoría científica da evolución das especies e por medio da selección natural, sentou as bases do discurso socialdarwinista e euxenéxico.

(A José Iglesias Barciela, un lector sempre atento ás miñas palabras).

Suscríbete para seguir leyendo