“I´m waiting for the man”

Lou Reed e Keith Richards: o poder do corazón

Keith Richards e Lou Reed: "The power of the heart".

Keith Richards e Lou Reed: "The power of the heart". / Arquivo

V. Neira

O pasado 2 de marzo viría cumprir 82 anos Lewis Allen Reed, máis coñecido pola parroquia rockeira como Lou Reed. Deixounos no 2013, uníndose a esa lista, cada vez máis extensa, de heroes do rock que foron capaces de acadaren a atención universal e tamén a admiración artística e musical de moitas xeracións que se viron atraídas por personalidades únicas, talentos sobresaíntes e uns repertorios incluso a proba de morte que, no caso de Lou, case once anos despois do seu pasamento, continúa a soar non só na nosa memoria senón en reprodutores, radios e tvs de todo o mundo. Así é que este pasado día 2, Keith Richards, outra desas estrelas divinas, lembraba a figura do insigne músico de Nova York facendo unha revisión da súa mítica “I’m Waiting For The Man”, rexistrada no album de debut da The Velvet Underground, no 1967. Na canle de YouTube e polas redes adiante chegounos así a versión firmada por Richards como unha auténtica alfaia: unha xoia para todos e non só para os amantes da discografía de Lou, da Velvet ou incluso dos mesmísimos Stones.

Cóntannos que a versión formará parte dun disco homenaxe titulado The Power of the Heart: A Tribute to Lou Reed, no que participarán grandes nomes da escena internacional para honrar o legado dun dos auténticos pioneros do rock n’roll desde os seus inicios na The Velvet Underground no 1967 e até o final dos seus días no 2013: sempre cantándolle á agre, ou doce, verdade e desde o seu corazón rockeiro mentres queimaba a vida até o límite e probablemente aínda algo máis aló. Mais aquí, nesta versión, alén del, hónrase o rock n'roll, o rhythm and blues e mais a música toda. Vemos e escoitamos un Richards aparentemente avellado pero co groove e mais a esencia igual de sólida que sempre.

Deixando aire na canción, tocando o xusto e preciso, cantando co malditismo exacto e rotundo e acompañado, ademais, duns músicos tan excelentes como era de agardar. Esta “I’m Waiting For The Man” contén nela todo o mellor que fixo do rock a música emocional que é. Cunha química tremenda, que conecta os músicos no latexo dun arranxo tan trepidante como arrastrado, Keith recita: “Agardo polo meu home, vinte e seis dólares na miña man, até Lexington, 125, síntome enfermo e sucio, máis morto que vivo” e o coro, magnífico, interrompe o relato cun ouveo suave, e as pentatónicas soan vellas e improvisadas entre unha batería que acentúa cada golpe como unha locomora imparable. Todo semella sinxelo e directo, sen présas por chegar a ningures. Todo é orgánico e marabilloso, a cara de Richards mostra o pracer de tocar alonxado dos focos e os bonecos xigantes dos interminables escenarios que adoita percorrer. Todo é íntimo e todo se conecta na distancia máis curta.

Keith ten 80 máis 1, e suma e segue. Co físico un tanto aboiado, aínda que sorprendentemente ben a xulgar polo famoso historial de excesos, coas enrugas xogándolle a favor, co talento e mais as enerxías intactas e demostrando que o do idadismo no mundo das artes é un concepto definitivamente baleiro de argumentos. Despois de poñer a canción en bucle unha morea de veces, e sacándolle novos matices a cada escoita, un non pode deixar de pensar en que clase de mundo lle imos deixar a Keith Richards o día que xa nós non esteamos por aquí.

Cuarta Xusta: Libre amencer

Libre amencer: velaí o título da nova, segunda entrega discográfica de parte do quinteto melidense Cuarta Xusta. Con Lúa Catuxa na batería; Laura Romero no baixo; Alberto García na guitarra; Marta María no violín, guitarra e voz, e Aida López na voz principal Cuarta Xusta vén ofrecernos outra vez un disco no que, partindo de principios punk, non dubidan en misturaren ská, rock e incluso pingas pop, e doutras músicas, nunha colección de once cancións gravadas, mesturadas e masterizadas por Iago Blanco nos Drum&Roll Studios na Coruña. Sempre en clave feminina e cargadas dun moi evidente e necesario compromiso social, político e humano, as Cuarta Xusta acadan neste traballo outro paso adiante na súa proxección, apuntalando de xeito notable e considerable ese seu concepto de banda ao mesmo tempo que remarcan as marcas de auga que evidencian ás claras os principios do seu son. “Chegou a hora de plantarse, todas xuntas ben armadas coa forza de vencer”, eis o texto que podemos ler na contracapa interior do disco, deixándonos, daquela, de manifesto esa visión, tan de seu, de afrontaren a súa existencia xa dende aquel ano 2016 no que soubemos delas por primeira vez. “Berrar con música as inxustizas do mundo”, tal devén o seu lema e aquí queda constatado en pezas destacables como “Globalización”, “Non somos”, “Por que sí” -coa colaboración de Gabri de Dakidarría-, “Presumo de galego” -contando con xente como Bocixa Zenzar, Brais de Nuada ou a conexión Gatos con Carlota e Aladara (Ámbalas), entre outras voces da nosa escena. Especialmente recomendable son o corte “Lei 4/2015”, a criticar con xeito esa “lei mordaza” que tanto pó levantou e levanta case unha década despois de ser declarada e tamén, como non, a fantástica “A forza que nos une” na que o grupo apela a unión dunha mocidade que si que ten voz e forza social por moito que a teimosía en non escoitalos estea aí, entre a nosa clase política e social. Será, de certo, este 2024 un ano de directos nos que Cuarta Xusta continuarán a asentárense nos nosos circuítos como unha banda cargada de enerxía e con moito que ofreceren nunha escena na que o rock comeza a pedir paso de novo entre os nosos escenarios.

Suscríbete para seguir leyendo