De flappers a genderless

Mulleres, arte e moda

Un grupo de "flappers" nos anos 20.

Un grupo de "flappers" nos anos 20. / Arquivo

Feminismo e moda. Hai relacións estrañamente convenientes, non si? Son parellas que parecen destinadas coa mesma forza: tanto para confluíren harmoniosamente no que as une como para separárense con habilidade imperturbábel na frontiera dos seus abismos. Resulta difícil que un percorrido mental polo feminismo non estea atravesado pola moda. Esta pasarela imaxinaria pode iniciarse, por exemplo, coas sufraxistas envoltas en teas moradas, verdes e brancas. Aínda cos ecos das súas reivindicacións, gañan protagonismo destacábel as “flappers”. Elas encandéannos coas súas maquillaxes xenerosas e os movementos de plumas, flecos e abelorios ao ritmo do jazz. Non tardamos en ver a desafiante Katherine Hepburn ataviada co traxe de pantalón e seguida de preto por mulleres que nos lembran os revolucionarios “bikini” e minisaia. Sería un bo colofón para este desfile a célebre camiseta da marca Dior, aquela impresión artística de Brigitte Niedermair co eslogan “todas deberíamos ser feministas”, inspirado no libro de Chimamanda Ngozi Adichie. En todo caso, dita camiseta abre hoxe unha exposición sen título, na galería Dior en París que xira en torno ao intercambio entre a moda e o feminismo.

Despois da Primeira Guerra Mundial, as “flappers” non só bailaban ao ritmo de Bessie Smith e Duke Ellington, elas danzaron ao son da época e en verdade fixeron da necesidade virtude porque a carencia de homes para traballar por mor da guerra foi unha circunstancia que creou a oportunidade para que as mulleres se liberaran dunha moda onde o seu grao de rixidez e encorsetamento medraba proporcionalmente co estatus social. Así que mulleres inspiradoras como Coco Chanel revolucionaron a moda para mulleres con aspiracións de traballar e para isto é irrenunciábel mover o corpo con liberdade. Reinventáronse con cortes de pelo radicais, saias máis curtas e amplas. Pero tamén legalizaron os pantalóns e, como en toda boa revolución, foron a por todas, porque pensaron que se somos libres e iguais para traballar, tamén o somos para a arte e os praceres. Porque elas foron daquela a por todas na igualdade; hoxe estamos nisto que enfastía tanto a algúns e que se chama diversidade. Entón, a moda deixou de estar inspirada por aristrócratas para seguir o rumbo de artistas, pintoras e escritoras con desexos que aínda parecían inconfesábeis. Chegaron os 80, e con eles as grandes ombreiras que simbolizaban a capacidade de poder e de dirixir cun estilo propio. Agora pode que sexan os homes quen tentan conquistar territorios que o patriarcado lles negaba e, sen lugar a dúbidas, isto tamén é unha conquista do feminismo.

Antes, a presenza do feminismo na moda estaba no obxecto material e transitaba por abandonar o uso de algo ou de exhibir unha prenda determinada. Hoxe, evolucionamos a un contexto máis actitudinal e abstracto. O feminismo xa non está na cousa senón na actitude ante ela. As feministas queren non ser xulgadas pola roupa que levan. Neste contexto, a igualdade conquístase cando cada persoas é libre de levar o que quere cando e como quere. Esta aspiración prolóngase cos “genderless” e a súa roupa non binaria, que entende a moda a través da superación de todas as fronteiras da identidad home e muller.

Pero non esquezamos que a moda non é dos creadores. Na actualidade, a moda é sobre todo unha industria nas mans de fondos de inversión cos obxectivos de vender a costa do que sexa e tamén utilizando ao feminismo como estratexia de marketing.

Coidamos que o mercado da moda non trata a muller como obxecto? Nisto de cousificar, cando falamos de produtos comerciais, parece que a pregunta atopa soa a resposta. As mulleres “curvis” son menos obxectos que as non “curvis”? Son as “curvis” un modelo de diversidade? A inversión necesaria para a diversidade da moda é unha variable importante?

O certo é que o mercado capitaliza desexos e aspiracións no seu interese. Incluso a regra de que non hai regras que reivindican os “genderless”, unha clásica tentación dos espíritos libres, é un anhelo que porta a súa propia destrución cando dá nunha norma. Hai espazos que son unha trampa onde a entrada e a saída conducen ao mesmo lugar e o mercado é un deles. Así que o feminismo tamén é mercadotecnia no universo infinito das finanzas; o que vemos é como esas estrelas que escintilan fermosas pero que sabemos que o único que percibimos é a luz do que foron algunha vez.

Suscríbete para seguir leyendo