Entrevista | Ramón Mariño Fernández Xornalista

“A dos 90 foi a década máis produtiva dos fanzines en Galicia”

En Fanzines en Galicia (Laiovento), Ramón Mariño Fernández preséntanos unha obra na que repasa a historia e as tipoloxías destas publicacións e sinala, ademais, características específicas para as realizadas no noso país, nomeadamente nas décadas dos 80 e 90 do século pasado

Ramón Mariño, cun exemplar do seu libro.

Ramón Mariño, cun exemplar do seu libro. / FDV

Sospeito que haberá lectores/as que se acheguen a esta entrevista (ou ollen o título do seu libro) e se pregunten: que son/eran os fanzines? Daquela trasládolle a pregunta para que se saiba de que estamos a falar.

–Pois estamos a falar dunha serie de publicacións, realizadas por unha ou varias personas, nas que se verten unha serie de contidos moi persoais que non adoitan ter saída en medios xeralistas. Ademais do dito, un fanzine tamén é unha vía de comunicación utilizada por parte de persoas individuais ou colectivos, verbo de temáticas concretas coma o cómic, a ecoloxía, a arte, a política…Todo cabe nos fanzines, que por outra banda non adoitan seguir unha liña editorial determinada e nos que cada quen escribe o que lle peta.

–Durante os anos 80 e 90 do século pasado, en que cidades galegas se asentaron de xeito máis estable (se se pode falar de estabilidade) e prolongada (se se pode falar de prolongada) os fanzines?

–As cabeceiras que se prolongaron foron moi poucas, a meirande parte delas foron vida efímera e non tiveron periodicidade. Quizais poderiamos citar a Tintiman de Vigo como a mais lonxeva. E, paradoxicamente, os fanzines de maior pervivencia atopeinos en pequenos concellos, non nas cidades. En Lalín, por exemplo, estaba As Cousas Claras, que chegou a editar sete números, e iso xa é decir moito comparado coa maioría, entre outras razóns porque unha das características dos fanzines é que son efímeros.

­–Adoitase crer que os fanzines foron fillos das movidas (madrileña, viguesa, catalana...), pero estamos diante dun fenómeno moi anterior e independente das propias movidas.

­–As orixes do fanzine veñen de Estados Unidos. Naceu a partires dun grupo de persoas moi afeccionadas á ciencia ficción que, como non vían posibilidades de ver saír as súas publicacións nas grandes editoriais, decidiron facer as súas propias publicacións ás que, como non podían chamarlles cómic, denomináronnas fancines. Ata os anos 70, se falabas de fancine referiaste a publicacións autoeditadas sobre ciencia ficción, literatura, poesía… Pero nesa década susbtituíuse o c de cine polo zeta (fanzine), e estes eran máis políticos e contestatarios. Estabamos na época da primeira crise do petróleo e a mocidade dos países máis desenvolvidos non albiscaba saídas ao seu futuro. Os xoves estaban mergullados no mundo da música (nomeadamente do rock, claro) e seguían a filosofía do Do it yourself (DIY). Polo tanto, os fanzines son moi anteriores do que aconteceu nos anos 80, pero o que si é certo é que grazas a esas Movidas popularizáronse moito no Estado español. Na Coruña e Vigo, por exemplo, quen empezaron a autoeditar fanzines era xente que viña de fóra, formados profesionalmete, pero que crearon as súas publicacións á marxe do seu traballo profesional. Aconteceu que nos anos 90 houbo un rexurdir en Galicia e apareceron fanzines por todas partes, realizados por xente moi noviña, que ademáis tiñan moitas conexións coa xente de fóra, de maneira destacada en círculos anarquistas, antimilitaristas e ecoloxistas.  

–Cal era idioma máis usado polos fanzines: o galego ou o castelán?

–Sen dúbida, o galego, e máis aínda nos fanzines contestatarios.

–Cales cres que foron os fanzines máis destacados e cales os colectivos que máis e mellor traballaron en Galicia no mundo do fanzine?

Nos anos 80 poderían destacarse Tintiman, La Hormiga Enana, Valium 10... que estaban moi ben feitos e nos que colaboraban artistas, fotógrafos, xornalistas e escritores que daban os seus primeiros pasos na literatura. Daquela, estéticamente, practicouse moito o collage e o debuxo, que se retomaron na década dos 90, na que saíron As Cousas Claras de Lalín, Noxxo de Ourense ou BOI de Ribeira.

–Na arte, os fanzines definíanse como vangardistas e así o demostraban. Quen foron os artistas e que correntes internacionais influíron máis na súa anovadora estética?

Os primeiros fanzines estiveron moi influídos pola estética dos cómics dos anos 50. Pasado o tempo, os movementos artísticos que mais influíron nos fanzines galegos dos 80 e 90 foron desde o dadaísmo ao surrealismo, pasando polos situacionistas, que representaban unha protesta radical contra unha sociedade demasiado que eles xulgaban formal. Tamén deixaron a súa pegada artistas como Liechtenstein, Robert Crumb, Moebius… Nos creadores de fanzines en toda Europa occidental.

–Este libro xurdiu dunha tese doutoral. Aínda queda moito por contar dos fanzines galegos?

–Moitísimo! Eu comecei facendo a tese sobre o aspecto político dos fanzines durante a época de Manuel Fraga como presidente da Xunta (1990-2005), pero atopeime con cousas tan interesantes que tiven que ampliar o abano. Malia iso, decateime de que había moitas cousas por contar e que, de feito, eu só contei o aspecto máis superficial e descubrín que a década máis produtiva dos fanzines en Galicia foi a dos 90. No libro teño 75 fanzines nomeados e hai coleccións particulares onde pode haber 100 ou 200 números de diferentes cabeceiras. Se se busca mais pódese atopar moito, pero non resulta nada doado. É todo un traballo de campo por facer, porque o certo é que estas publicacións foron moi maltratadas, apenas se lles fixo caso, pero o paso do tempo demostra que merecían unha maior atención, falando en termos xerais, vaia!

–Teríase decatado de que na primeira pregunta puxen un son/eran. Cales serían hoxe, se as hai, as publicación herdeiras dos fanzines nos soportes dixitais?

Aínda seguen existindo fanzines clásicos en papel, fotocopiados, pero nos últimos anos teño encontrado fanzines feitos totalmente a man, con debuxos, textos, pinturas… En canto ás publicacións herdeiras, eu diríache que os blogs son os que máis se lle poderían asemellear. Estaba tentado a citar tamén as redes sociais, pero as redes xa son o que son. Pero un blog si que pode ser herdeiro, polo menos histórica e filosóficamente. 

Suscríbete para seguir leyendo